
Celso Xavier Milleiro Sánchez, Investigador da historia social e política do concello de Marín, militante do BNG e Delegado Sindical da CIG-Saúde no Salnés
O pasado 10 de novembro comunicáronme que dera positivo en Coronavirus tras facer unha PCR, analítica que tiven que realizar tras uns síntomas de cefaleas a noite anterior.
As primeiras preguntas que me fixen foi: por que eu? Que fixen mal?. A miña única resposta tivo a ver co meu traballo como Celador do SERGAS no Hospital do Salnés. De todos os xeitos os doutores que me chamaron me comentaron que non lle dera voltas, que era moi difícil sabelo e que ás veces eles mesmos non podían dar explicacións.
Axiña púxenme en illamento na casa, a miña familia e as miñas amizades, coas que tiven contacto nas 48 horas anteriores aos primeiros síntomas, ficaron en corentena en espera dos resultados das PCR´s. Cunha enorme cefalea durante o período nocturno, só estaba preocupado por todos eles, que se contaxiaran pola miña culpa, e sobre todo polos meus pais e sogr@s, en idade de risco.
Na primeira PCR tod@s deron negativos, mais coa segunda analítica a miña compañeira e a cativa contraeron o becho.
Varios días antes de ter os síntomas, traballei no andar terceiro do meu hospital. Daquela había un feixe de doentes positivos en COVID-19, xente maior procedente da residencia de Ribadumia, cunha carga viral forte. Fun o primeiro en caer no meu centro de traballo nesta segunda onda, tras de min caeron 5 compañeir@s máis nas 72 horas seguintes. Que aconteceu? Podemos acusar ao Sergas de neglixencia e por ter desamparad@s aos traballador@s?, Tiña EPI´s, máscaras cirúrxicas e FFP2, dobre luvas….que pasou logo? Nin idea, quedarei coa dúbida toda a vida: se cadra saquei mal a EPI ou lavei incorrectamente as mans?. Tras falar cos doutores, deixei de pensar e darlle importancia.
O que máis me chamou a atención foi que tras realizar a segunda PCR volvín dar positivo. O SERGAS rapidamente mandoume facer unha seroloxía tres días despois, isto o fan por norma para dar de alta axiña a tod@s @s seus/súas traballador@s. Incomprensíbel porque na segunda PCR daba unha forte carga viral e tras realizar a proba serolóxica dixéronme que xa podía traballar. Cando falo de incomprensíbel, falo tamén polo que pensaban tamén os facultativos que me atenderon e que non estaba de acordo coa situación. Permanecín de baixa uns días máis co obxectivo de facer outra PCR e tras case tres semanas de illamento din por fin negativo.
Perante este caos teño que sinalar a preocupación que por min e polos meus tiveron @s meus compañeir@s de traballo, amizades, familia, os facultativos que me atenderon, os cargos intermedios do SERGAS (Supervisora de Celador@s e Sub-Director de Enfermaría do Salnés), así como @s meus compañeir@s da CIG-Saúde de Pontevedra e O Salnés.
Fico con orgullo de formar parte do SERGAS, non polos grandes xerifaltes que nos gobernan senón por toda a clase traballadora que a compón, desde a limpeza (esencial no traballo sanitario) pasando por todas as categorías profesionais deste organismo autónomo. Se as cousas funcionan é sobre todo polo traballo que desenvolven (desenvolvemos), pese aos insultos e malas formas que ás veces recibimos de persoas alleas á institución, ao que sempre digo que son os mesmos que non cren nun sistema público de calidade como é a sanidade, inconscientes el@s en valorar este ben común.
A miña lembranza final ás persoas maiores, que son sen lugar a dúbidas unha das grandes vítimas desta pandemia. Polo dereito a unha vellez digna e de calidade, a morrer decentemente e coa presencia dos teus.