Coplas Reais

Artigo de opinión A Nova Peneira

Anden con ollo señores,
amigas e coñecidos,
antes de abrir a boca
poñan os cinco sentidos.

Antes de abrir a boca
pensen o que van decir,
antes de afiar o lápiz
e poñerse a escribir.

Pois non son tempos doados
para rimas e poemas,
anda con ollo Xoanciño
non te metas en problemas.

Anda con ollo Xoanciño
mete a navalla no peto,
non fagas moito barullo,
fala baixo e estate quieto.

Se queres eu falo baixo
pero presta atención
que vou a contar un conto
que non é ciencia ficción.

Este conto é a historia
dunha família real,
dun home que tivo todo
ó alcance dunha man.

Este home foi adestrado,
elixido pra reinar,
din que era o mais guapo
da academia militar.

Cando lle chegou o tempo
cunha muller foi casar.
xa estaba o plan preparado
para poderen reinar.

O demo tal cousa quixo
que un bo circo montou,
deixando todo atado
pero a ninguén preguntou.

Lavaron todos os traxes,
compraron camisas novas,
agocharon os raposos
ai! No fondo dunha cova.

E co medo por bandeira
comezaron a reinar,
o que se mova do sitio
na foto non sairá.

Chea de esperanza a xente
ollaba para os monarcas
botando loreiro fresco
aló por onde pisaban.

Tiveron os reis tres fillos;
un cativo e dúas mozas,
eu non che son mal pensado
pero contan outras cousas.

Pois o rei ten unha teima,
pois o rei ten moita sona
de perder sempre a cabeza
cando cheira unha cona.


Pero as cousas de parella
a min pouco me importan,
ben distinto é roubare
cando os demais se afogan.

Foron pasando os anos
entre viaxes e comidas
recorrendo o mundo enteiro
pousando para as revistas.

En barcos tomando o sol
toda a família apiñada
en Perú, China ou Xapón
papando e de carrallada.

Din que no país dos cegos
o breco sempre é o rei,
deus supremo intocábel
sempre por riba da lei.

Tanto ten o que fixera
xamais houbo unha resposta,
tan só silencio e fume
a este home non se lle toca.

E todos os que ousaran
manchar o nome do rei
caeríalles enriba
todo o peso da lei.

Din que no país dos cegos
é mellor estar calado,
se non queres rematar
coma o gando sinalado.

Foron pasando os anos
e a familia medraba
como medra a mala herba
se a leira non se traballa.

Foron subindo no carro
xenros, netos e amantes,
todos a vivir do conto,
¡Vaia panda de moinantes!

Un metido na cadea,
outras con mala memoria,
outro fugado da lei
enoxado ca súa nora.

Aló vai o rei fugado
co peto cheo de cartos,
de coroas e princisas
estámosche todos fartos.

Aló vai o rei vestido
con camisa e bañador,
a min contoume un amigo
que o viu en Benidor.

Aló vai o rei espido,
aí ven o rei en coiros
só lle falta o cabalo
e máis a sota de ouros.

Este conto que vos conto
non é mentira nin certo,
coidadiño co que rosman
durman con un ollo aberto.