O Galego: A Lingua Secreta do Poder Global

Artigo de opinión A Nova Peneira

Óscar Lomba Álvarez Presidente da Asociación Colectivo Rexurdir Galicia. Activista Social e membro de ProLingua.

Ola, queridas e queridos defensores do monolingüismo anglosaxón! Se estás a ler isto, é que, por sorte ou desgraza, te cruzaches co galego. Si, esa lingua que moitos consideran inútil, porén que resulta ser a chave secreta para falar con máis dun cuarto de billón de persoas. Non, non me toleou o procesador: falamos de 250 millóns de almas lusófonas. Senta, relaxa e vai poñendo unha copiña de albariño, que isto vai para longo.

Para comezar, imos romper algúns mitos que andan soltos por aí, como cans sen dono. O primeiro mito é que o galego só serve para muxir vacas e asubiar ós polbos. Pobre de quen pense así! Se cadra, aínda está trabado entre o present perfect e a pronuncia de “thoroughly“. Non é culpa túa, amigo: é o sistema educativo anglófilo que te enganou.

Mentres tú segues a pelexar coas normas imposíbeis do inglés, os galegofalantes andamos a navegar por un océano lingüístico que abrangue desde o samba de Río de Janeiro até os fados melancólicos de Lisboa, pasando pola kizomba de Luanda. E todo isto sen despeitearnos nin sequera cambiar de lingua. Porque, claro, cando falas galego, o portugués é pan comido, ou pan de Cea, para ser máis precisos.

Agora, pensemos por un intre nesa xente que di: “Pero o galego para que serve?”. Ai, amiguiños e amiguiñas, se só soubesen! Se cadra, cren que o mundo remata nas fronteiras do Reino Unido ou dos Estados Unidos, onde os pensamentos son tan cadrados como os xardíns das urbanizacións sen alma. Non sabían que, co galego, podes ir dende un festival en São Paulo até unha festa en Maputo sen necesidade dun tradutor de Google?

E aquí entra a retranca galega, esa ferramenta que nos fai sorrir mentres vemos como outros loitan por saír do labirinto gramatical do inglés. Deixade que vos conte un segredo: mentres pensades que falar inglés abre todas as portas, nós, os galegofalantes, xa entramos pola porta de atrás, e fixémolo sen bater. Mentres tedes que aprender complicadas regras de etiqueta idiomática, nós brindamos co noso viño (que é mellor que o de calquera outra parte, por certo) e xa estamos a falar con media lusofonía.

Non se trata de ser arrogantes, non. Trátase de ver as cousas con perspectiva. O galego, esa lingua que algúns consideran “inútil”, resulta ser a lingua que conecta culturas, tradicións e, sobre todo, persoas. Porque, en última instancia, non se trata só de falar, senón de entenderse. E, mentres o mundo anglófono tenta impor a súa cultura globalizada, nós celebramos a nosa diversidade, enchendo as rúas de música, verbas, e, por suposto, de bo humor.

Entón, a próxima vez que alguén che diga que o galego non vale para nada, só sorrí. Porque, mentres eles continúan a súa batalla por acadar o nivel C1 de inglés, ti estarás a brindar con caipirinhas no Brasil, a bailar fados en Lisboa, ou a gozar dun concerto en Cabo Verde. Todo isto en galego, claro. Porque, ao final, falar galego non é só útil, é puro poder.

Así que, señoras e señores anglófilos, boa sorte co voso inglés. Nós, entrementres, seguiremos a rirnos coa nosa retranca e a disfrutar da vida co galego. Saúde!

Primer comentario

Deixa a túa opinión