Capitalismo ou liberdade

Artigo de opinión A Nova Peneira
Aarón Franco militante de Anova Irmandade nacionalista

Nunha conversa de cafetería saltou a debate o concepto liberdade. Que é a liberdade? É o ser humano realmente libre? A liberdade vén dada por natureza? Que a condiciona? Son por tanto capitalismo e liberdade compatibles?

Vivimos nun sistema capitalista no que un 1% da poboación do planeta acumula recursos materiais e financeiros que o outro 99% non gañaría nacendo e morrrendo mil veces. Nese “libre” mercado en que se basea o capitalismo, dependemos dun traballo asalariado e mal pagado para poder pagar unha vivenda na que morar e poder facer polo menos dúas comidas. Termos por tanto unhas condicións de vida mínimas nas que desenvolver as nosas vidas. Máis a cuestión é: somos libres se dependemos dun traballo nos oprime? Somos libres se temos que soportar unha bota enriba da nosa testa porque temos que pagar un aluguer? É libre un empregado de hostalaría que traballa sete días á semana durante dez horas diarias porque ten que pórlle un prato de comida á súa filla? Fainos libres consumir bens que se traducen en cotas e letras que á súa vez conducen ao consentimento involuntario dun mercado laboral semiescravista? 

O capitalismo nunca foi sinónimo de liberdade. En todas as súas fases foi sinónimo de destrucción, morte e escravitude, un factor este último que se adaptando a medida que chegaban novos tempos.

O capitalismo mercantilista de Colbert foi un primeiro capitalismo imperialista que se nutría de materias primas mediante o escravismo colonial, posteriormente coa chegada da revolución industrial e os sistemas de producción en masa, os mortos por cansanzo ata a extenuación contábanse por miles nas factorías ao tempo que o imperialismo acelaraba o furacán de morte e expolio en África e América. Por último chegou a capitalismo financeiro e con el os modernos sistemas que nos escravizan mediante créditos, letras, alugueiros…

O ser humano non pode ser realmente libre baixo a pistola dun sistema que non garantiza pan e teito. Só baixo a garantía de termos pan e teito posuiremos a liberdade para erguernos da bota que nos oprime e quitarlle o poder a ese 1% que camiña sobre os nosos cadavres.

A parábola é simple. Lembra o lector aquela frase que todos escoitamos algunha vez na nosa adolescencia? Mentres vivas baixo o meu teito farás o que eu che diga. E baixo ese mantra o capitalismo nos escraviza. Ou nos deixamos prostituir, ou nos mata. O ser humano non será libre mentres o capitalismo sobreviva. Capitalismo ou liberdade. As dúas cousas non poden ser