Tes dereito aexpresar libremente todo aquilo que che está permitido dicir. (Roger Wolfe)

Marta Rodríguez Márquez Secretaria do PP de A Cañiza
Marta PP A Cañiza

Controlar o fluxo da información, activala e desactivala cando convén, está á orde do día. Sen embargo, cada día que pasa queda máis esvaecida a idea de que “quen ten a información, ten o poder”, xa que cando non se ten a información, fabrícase, envásase e distribúese igualmente. Así que agora o poder é de quen manexa a loxística e os contactos.

E así, entramos nunha época na que triunfan as opinións que impoñen eses poucos, os que manexan a información ou, mellor dito, os que a producen, porque cada día vemos unha cortina de fume máis, colocada estratexicamente detrás de cada publicación en redes, xornais ou telexornais, que nos levan máis lonxe do real e do palpable.

Unha era na que se tende á infantilización e a ver todo desde un prisma revanchista e caprichoso, ten como consecuencia que moitos sigan ao pé da letra as consignas que lles ditan e que non fagan o máis mínimo exercicio analítico, pero en cambio, compénsano sendo cada vez máis críticos con aqueles que non comparten a súa diatriba.

Hai moita xente capaz de difundir un discurso convencido e convencendo aos demais na teoría, pero que á hora da verdade non é quen de mantelo na práctica. Xa o dicía Soren Kierkegaard “a xente demanda liberdade de expresión como compensación por a liberdade de pensamento que rara vez empregou”. E o resultado é ter rexedores locais que seguen a batuta dun goberno central viciado e pérfido.

A liberdade de expresión formúlase só como o poder dicir o que nos pete cando nos pete, pero deixa valeira a casa de opinar desde a coherencia e o criterio xeral, afastándoo dos intereses propios. Hai quen de teimar cando só ten catro titulares nun xornal e o que oe unha mañá no bar á hora do café.

Coido que se está repetindo a historia: na época da represión en España, houbo voces que se puxeron en de pé para levar a contraria e saír do rabaño, conseguindo cambiar ideoloxías e implantar normas e dereitos que deixasen atrás ese sometemento. Sometemento que agora vai noutra dirección, agochado vilmente entre supostas liberdades e garantías, que non parecen tal cando furas un pouquiño. E agora tamén, están xurdindo esas voces que dan co puño enriba da mesa, para convencer ás ovellas que saian do rabaño. Inxenuos que non consideraron que os rabaños cada vez son máis fortes, porque están alimentados con axudas e pagas camufladas como privilexios, en lugar de como Óbolo de Caronte.

E permitimos que nos sigan manipulando, e non rechistamos porque non somos quen de facelo, porque iso implica non ter medo nin as consecuencias, nin ás represalias.E todo para que cando toque, se defenda a capa e espada á consorte imputada dun presidente dunha nación, se xustifiquen indultos e malversacións de diñeiro público por parte de políticos, ou cando toca botar os lobos ás ovellas dos demais. En definitiva, cousas que non se fan en ningún outro punto do planeta (salvo, claro está, en réximes autoritarios nos que a democracia reluce pola súa ausencia).

É unha excepción este xornal, no que os que non compartimos a liña editorial, tamén temos un oco nestas páxinas. É de agradecer e admirar, nos tempos que corren, ás persoas que non teñen nin medo, nin prexuízos, nin complexos. En definitiva, ás que non son ovellas.

A liberdade de expresión pasa por ter cidadáns formados, con recursos persoais e emocionais suficientes, non só para enfrontar as opinións e os discursos dos demais, se non tamén, para emitir os propios.