Cando todo isto remate sairemos ás rúas. Sairemos para desfrutar e recuperar o tempo perdido. Sairemos para defender o noso, defender a sanidade pública, a nosa saúde, defender unha atención aos nosos maiores digna e de calidade. Teremos que saír para recuperar os dereitos perdidos e para non seguir perdéndoos.
Veñen tempos difíciles, tempos en que debemos estar alerta para que non nos aconteza como na crise do 2008. Non podemos nin debemos pagar, os de sempre, o pobo, a saída desta situación. Que poñan máis os que máis teñen. Que poñan os que se beneficiaron dos rescates e das axudas multimillonarias, os bancos que outra vez parece que están fregando as mans.
Temos que recuperar a liberdade como persoas e como pobo. Estamos vendo que se tenta centralizar, aínda mais e cuns resultados desastrosos, a xestión desta pandemia, como militarizan unha cuestión sanitaria. Asistimos alucinados a roldas de prensa de señores de uniforme, e de cando en vez señoras, dando o parte de guerra cos “grandes éxitos” do exercito e a policía. Explicando até o último detalle calquera anécdota que sona ridícula nos nosos oídos, para mostra a recuperación de 30 quilos de laranxas roubadas.
Mentres os ladróns de verdade, os de luvas brancas e garabata multiplican os prezos das máscaras e dos produtos de protección. Iso non é maior roubo, non é un atraco a man armada á nosa saúde? Para o capital e para a súa lóxica o beneficio está por riba de todo e de todos e todas. O importante no capitalismo é a conta de resultados, mais incluso que a saúde e a vida das persoas.
Tarde e mal reaccionou o goberno central a esta situación. Que non se enfaden os defensores deste goberno de “esquerdas” pola crítica. Un goberno que pon por diante os uniformes e as multas, que mira para outro lado ante a violencia policial e que pretenden controlan as nosas opinións desafectas coa súa xestión.
Temos que recuperar a voz.
Os días de confinamento están sendo aproveitados para exercer unha censura por exclusión. Exclusión dos medios e sobre exposición dos presidentes Sánchez e Feixóo. Censura por non darlle a palabra a outros e outras líderes e organizacións políticas, mentres temos que tragar horas e horas na televisión e na radio discursos e declaracións do presidente da Xunta e dos seus conselleiros do PP.
O control político dos medios é tal que a nivel local os xornais minimizan ou exclúen directamente ao BNG impoñendo a lei do silencio e as loas ao goberno.
Facer desaparecer ao adversario e xogar coa opinión pública ocultando as poucas comparecencias no parlamento son a estratexia dun PP que se lanza, como voitre ao cadáveres, a facer unha campaña electoral no medio desta situación de emerxencia, tentando deixar fora de xogo aos contrincantes.
Non podemos consentir que o señor Feixóo quede impoluto e non pague pola súa política de privatización da sanidade e dos servizos sociais. É culpábel de poñer á sanidade pública galega nunha situación de debilidade, de deixar aos profesionais da sanidade diante dos touros sen capote.
Sen capote, sen máscaras, batas e o resto do material necesario para non caer no campo de batalla contra o Covid19, perdoen a licencia bélica. É culpábel de vender as residencias de maiores ao mellor poxador, o máis miserábel e avarento, poñendo en mans de fondos de investimento sen escrúpulos a vida das persoas maiores.
As rúas son nosas, recuperémolas. Levantemos a voz e berremos, un berro seco que chegue a todas partes. Veñen tempos novos e nós debemos ser os protagonistas. Temos que pasarlle factura aos irresponsábeis e poñer a fronte do país unha nova capitá e unha nova tripulación que nos leven a porto seguro.