Veñen furtar a fortuna da terra

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Seica somos algoritmos, dependemos da intelixencia artificial e os seus novidosos inventos, esa que globaliza ou relativiza sésegos que tanto confunden sexos, nomes propios que non normalizan nin empregan correctamente, topónimos ou microtopónimos que tampouco respectan nin “queren” empregar debidamente, ou nomes de inventado formulario que se sacan da manga. Esa intelixencia tan enorme que esquece aos pequenos pobos que teñen unha grande lingua, esas miudanzas de xentes en xeografías perdidas que resisten falando os raros acentos dunha lingua moito máis antiga cá súa, feita a golpe de correctores, e que aínda se teñen en si, minorizadas e atacadas por todos, agora tamén por eles. Pois esa intelixencia artificial, que debera vir axudar e ser inclusiva, resulta que non, que é filla tamén dos grandes potentados que non lles importa pasar coma penedos rolando por riba de nós, inventando cando fai falta, mesmo xéneros neutros con sésegos de parcialísima inquiña ou malévolas intencións machistas. Deixaremos que nos coma o tarro esa sedutora intelixencia? Veñen con forza e nun futuro, anque xa se vai notando, aquela intelixencia propia, a de sempre, a que tiñamos, a de resolver o día a día, a de sopesar as dificultades e reaccionar diante delas, vainos anular dos mapas. Estamos fatalmente programados. Queren facernos un recanto de maquinaria produtiva para os seus proxectos de alto nivel. Agora entramos xa nos seus programas, que teñen prevista unha enorme superficie de encoros, eucaliptos, moitos eólicos, lodos asasinos que contaminan augas, minas perigosas que deterioran o ecosistema e outras ideas luminosas. A Historia nosa, en breve, contarase polos ciclos dos roubos, da extracción do público en privado. Para agachalo, mesmo falan cómplices, algúns científicos que traballan para a empresa e que menten nos medios, difamando o propio, sen limpar o veleno que non vemos. Saben que somos domésticos exemplos da programada axenda de quen nos manda e goberna. Menos mal que nos queda ese toque de anarquía que de vez en cando nos dá a forza para botar un berro! Esa condición que nos invita a saír do rabaño e negarnos a dicir, fóra do conxunto dos votantes, me, mee. Saímos de aí, desa ruta perigosa de quen se somete a conviccións de carácter exclusivo, de siglas e perversas obrigas, de dogmas contaminados, de ditames enganosos, de certo servilismo que historia relata. Certamente parece deberamos obedecer, ser bos, pagar sempre, solicitar que a auga que chove nos poida mollar e en breve pagar por esa sensación de sentirse mollado mentres eles regulan a cantidade que nos ha de caer enriba. Pois algo así sucede con esta forma de vender o noso aire, de desposuírnos do noso, do que é de todas e todos. Si, ese enorme negocio das supostas “enerxías limpas” -sobre todo para os negociantes, coa desculpa do quentamento global -como as eólicas. O malo é que veñen por nós, directamente a roubarnos algo que é noso. Algo que despois de procesar, venderannos axeitadamente esquecendo que un día foi da nosa propiedade, de beneficio público. Seica se trata de eliminar combustibles fósiles que eles empregaron en exceso. Pasaranos como pasou cos encoros, xa non lembramos cando os ríos foron nosos! O aire empeza a ser, neste mundo de intelixencia voraz e artificial, algo que circulaba para mobilizar as masas de aire, mover as nubes, mover as follas das árbores de rumorosos sosegos á paz das memorias, enviar sons lonxincuos que como música harmoniosa arrola desexos, envoltos recendos de castañas, de flores, de vida. Co aire, lévannos tamén a vida, a paisaxe feliz de mirar ao lonxe. O aire viña para darnos na cara para crear en nós unha sensación fermosa e deixarnos atravesar por el, soñando que cabalgabamos vales e montañas. Enerxías sostibles a partir do sol e o vento, anque saben que a súa idea choca co rural, precisamente polo impacto medioambiental. A auga -que un día era de todos- xa a pagamos, algúns fixéronse donos dela e procesárona para facer conducións que nola traian á casa, tamén grandes encoros e posteriormente saltos de xeración de enerxía eléctrica que, por suposto, pagamos no abuso das súas ansias e das nosas conciencias, ben público que “esas empresas privadas” utilizan, e coas que enchen o peto de xeito insultante. Ah, e aquela  paisaxe satisfeita que se deixaba meter nos ollos procesando imaxes de porvir, de verdor, de limpeza infinita, de pureza orixinal, hoxe están tamén luxadas por milleiros e milleiros de eucaliptos que confunden os ollos, que nos negan chegar alá coa ollada, ao lonxe do horizonte. Porque erguen vitoriosos e alimentan fábricas que cheiran e feden, que contaminan e negan a vida, que tanto pracer nos daba. Trátase, de novo, de sacrificar a biodiversidade para dar cabida a esta transición enerxética irracional, sen planificación nin compensación directa, que trae detrás aos grandes fondos de inversión e, de novo, ás eléctricas de marras. Será posible que agora tamén coa intelixencia artificial, caiamos na mesma trampa da nosa destrución? Hai un impacto evitable e poden, se somos quen de razoar, permitir a existencia de flora e fauna, de paisaxe e vida. Agora seralles aínda máis doado manipularnos, estamos baixos de intelixencia propia, de defensas, cheos de virus e contaminación, de fumes e lixos, desposuídos da Lingua, da voz. Indefensos. Menos mal, aquela anarquía nosa, que de vez en cando nos rebela! Teñen a responsabilidade de facelo ben, vinculándonos ao porvir e sen matar as esperanzas, preservando os recursos naturais e deixándonos desfrutar sequera dun venturoso ano novo. Que así sexa!