Milana Bonita
Vivir nunha organización social, chamémoslle democracia, é como circular pola rede de estradas. Hai quen defende que as direccións prohibidas coartan a súa liberdade e salta as liñas continuas ao crer que o seu desexo de chegar cinco minutos antes está por riba da seguridade de quen se cruza no camiño. Quero pensar que son poucos autos. Que a maioría fica no sentido común, o do autobús, na ringleira que respecta as limitacións de velocidade para non estrelarse e tamén para salvagardar a vida de quen vai cara outro lado. Aínda que paguen peaxe.
Logo están os abusóns. Circulan sen miramentos cos seus camións de grande tonelaxe obstruíndo a calzada e escorando á gabia –só o símil dáme calafríos- á rapazada dos Seiscentos. Cren que a Terra é da súa propiedade e aínda que non teñan preferencia de paso, impoñen pola forza a súa preferencia de peso.
Tamén hai quen vai pola rúa do medio sen importarlle o que pasa ao lado. E quen fai luces para afear o abuso do camión. Normalmente un auto pequeno que non foi quen de escorar dabondo para acumular tanto no maleteiro, e vai lixeiro de peso. É entón cando os abusóns chaman a rebato. Xúntanse tres ou catro e empurran para botalo da estrada. Ás veces mesmo hai un garda, –coñecido da praza de touros ou do puticlub dalgunha recta- que esquece que o seu traballo é defender o máis débil e bótalles unha man ata logralo. E o coche pequeno terá que facer un camiño menos recto mais irá coas rodas menos cheas de barro.
Ás veces, a súa fazaña provoca un tsunami na ringleira calada. A escena inicial de La la land. A bucina de moitos outros utilitarios logrará acalar o tronar bélico do tráiler que levaba o formigón armado. E soñaremos que, desta volta si, aprendemos o conto da balanza que decanta a tonelaxe co peso pequeno de moitas cilindradas. Pero axiña virá unha mala rotonda na que o mundo siga dando voltas.
Haberá tamén algunha moto que se farte de pagar peaxe – que a AP-9 éche moito gasto – e decida saírse da estrada 78. Acelerando á liberdade.
-Pero que se cren estes, que son camións?.
Non fai falla nin rebato. As saídas son tomadas polos tanques do exército. As emisoras dos coches oficiais proclaman que non hai dereito. Que hai que ser egoísta para querer probar novos trazados. Acúsase á disidencia de romper a boa sintonía desa rede onde nunca se pon o sol, na que –disque pacificamente- conviven, dende hai séculos, vehículos de todos os tamaños. E os que historicamente saltaron o semáforo, invadiron as rotondas, ocuparon os cruces e aparcaron sobre o paso de peóns, din que eses cabalos de ferro son uns abusóns que romperon o consenso, que non respectaron as leis de circulación. E os perseguen polos camiños, co garda aínda subindo os calzóns.
A foto do radar sorpréndenos no telexornal coa imaxe de outros autos pequenos, moitos, Peugeot 205, Renault Clio, mesmo ducias de Seiscentos, que cren que os seus dereitos serán mellor representados polos vehículos con máis peso -Mátame camión!-, e por iso pisan o freo, collen o seguinte cambio de dirección e desandan o camiño andado. Miles e miles de quilómetros. Sen darse conta, quedoulles atrás a maleta do avó, aquela co que cruzara o Atlántico na viaxe que argallou o poeta nun barco de nome raro.
Seguen o camión sen mirar o retrovisor, sen decatarse de que bloquean o paso da ringleira eterna de coches pequenos.
E non avanzamos.
Allá donde se cruzan los caminos, canta Sabina na radio, e aínda que non sexa o alalá de Uxía, nós xa imos cantaruxando.