Xa nunca será a data conmemorativa de tan infausto día no 1936, fai 85 anos atrás. Dagora en diante na nosa vila será a data na honra dás vítimas, de tódalas vítimas, que provocou o golpe de estado.
Unha fonte conmemorativa de tan infausto día no 1936, fai agora 67 anos. Vestixio fascista co xugo e as flechas, ficou para sempre transformado nun monumento na honra ás vítimas, non ós verdugos.
Moitas foron as vítimas nestas terras, ainda en investigación, pero hoxe quero salientar sen menoscabo dóutras, a figura do Tte. de Alcalde José Domínguez González natural da parroquia de Corzáns. Non vou falar da súa biografía, iso fica para outro artigo, pero sí salientar que cando o mataron fusilado canda nove máis, unha de duas, ou sabían a quen mataban ou acertaron sen querelo. Sí, José Domínguez destacaba por diversas razóns, hoxe voume centrar na súa faceta periodística.
Na súa estadía en Bos Aires ocupou posto de responsabilidade no xornal A Fouce, onde escribiu numerosos artigos, amén noutros xornais arxentinos. Daquela escribía en galego, sen unha normativa como a actual. Os varios artigos coñecidos, en liña coa tendencia arredista do xornal, poden procurarse a través da plataforma Galiciana Dixital.
Unha vez chegado a Galiza, comezou a escribir básicamente para o xornal quincenario Renovación, do Partido Socialista de Ponteareas, poden consultarse os exemplares na Biblioteca Municipal desa vila. Por esixencia de falta de espazo, véxome obrigado a restrinxir moito esta crónica, polo que tan só aportarei breves referenzas ós mesmos, agás o derradeiro que vai íntegro, traducido por primeira vez o galego.
No inverno e primavera de 1936, escribiu que se saiba catro artigos, un datado en Corzáns en decembro de 1935, titulado ¡¡ANI NOVO, VIDA NOVA!!, publicado en primeira páxina o 1º de xaneiro seguinte. Vislumbraba a necesidade imperiosa da unión das forzas de esquerdas face as vindeiras eleccións do 16 de febreiro, remataba con estas bervas, “Quero terminar con un saludo cordial para todos os camaradas presos, e un saludo de lembranza como homenaxe póstumo ás vítimas inmoladas en aras dunha causa noble e xusta como é a redención do proletariado universal”. En clara alusión a revolución de Asturias.
O segundo artigo, datado en Corzáns en xaneiro, titulado “O DEBER DA HORA”, publicado na páxina catro o 1º de febreiro. Destaco ese artigo como “unha arenga a votar polo bloque esquerdista, facendo unha chamada especial o voto femenino, a movilizar os apáticos e un feroz ataque ós monárquicos en especial a Gil Robles e a CEDA”.
O terceiro artigo, datado en Corzáns en febreiro, publicado na páxina tres o 14 de febreiro, xusto dous días antes das eleccións, titulado “¡¡CAMPESIÑOS!!, NON VOS DEIXEDES ENGANAR”. Nese artigo carga de novo contra Gil Robles e os séus aliados de dereitas, como favorecen os de sempre e lembrando os case dous millóns de parados forzosos, remataba así; “¡Campesiños!. Non vos enganedes a vos mesmos, acordade e aprestarvos a defender os vosos dereitos, defendede o pan dos vosos fillos e a liberdade que hoxe peligra máis ca nunca, ¡oideo ben!, máis ca nunca, porque está manexada pola máis grande das reacións que asolaron o noso país. ¡Obreiros campesiños! ¡Traballadores de toda España! Si queredes aplastar para sempre ós inquisidores: Votade o Bloque Popular de Esquerdas.”
Por fín o día 16 o Bloque Popular de Esquerdas logrou a vitoria e semanas máis tarde José Dominguez escribiu o que sería mui probablemente o séu derradeiro artigo periodístico, vai….
HAI QUE SEMENTAR PARA RECOLLER
Este tema que vou expoñer ante a opinión dos meus queridos lectores, está xa bastante gastado si se quere, pero elo non é óbice para que se siga tratando cada día con maior intensidade, con toda intensidade, e con toda serie de consideracións porque ofrece un importante campo de acción a desenrolar, e sobre todo en distritos como o de Salvaterra, que precisan dunha acción constante, serea e meditada, para que sexa eficaz o efecto que se procura.
Por conseguinte, debemos aproveitar este magnífico momento que atravesamos para lanzar o campo a nosa semente e procurar que a súa xerminación non se vexa interrumpida por obstáculos ocultos, por elementos inconscientes que viven exclusivamente para practicar obra de destrución porque non poden acadar o que significa a nobleza de unidade superior…
Neste interesante período histórico, no que todo está revolucionado, hai que aproveitar este matiz tan importante para revolucionar tamén a conciencia dos nosos campesiños que aferrados o perxuizo e a inorancia de creer que a terra é da súa propiedade exclusiva. Viven a vida o marxe de todo movimento, de toda reivindicación social.
Chegou a hora na que todos os soldados que loitamos por esta noble causa, pola xustiza e polo benestar destes parias que sufren unha vida miserenta e chea de privacións, achegémonos a eles coa verdade e a razón, invitándoos a que nos presten o seu concurso, asociándose en grupos colectivos, en todas aquelas aldeas que ainda non exista sociedade algunha.
Esta e a obra á que debemos prestar a maior atención, porque sen dúbida algunha, é a máis importante para a liberación dos traballadores da terra, vítimas como sabemos, da súa propia inercia.
A Federación de Salvaterra de Miño, unida a U. G. T. e o Partido Socialista de reciente fundación, invítavos a que ingresedes no seu seo, para que a vosa emancipación colectiva sexa un feito inexcusable a curto prazo, é preciso terminar coa vida misérrima, que tantos séculos vimos sufrindo por falla de valentía e de organizacións capaces de defender os nosos dereitos.
Nos, estamos empeñados en darlle vida a aquelas organizacións afíns, e crear alí onde non as houbere para unilas no común esforzo, loitando con denuedo contra todo o que intente interrumpir o avance do progreso e a elevación o rango que merece a clase campesiña.
Camaradas, Campesiños, vosa é a palabra…
José DOMÍNGUEZ.
Corzáns, maio de 1936.
(Xornal Renovación, páxina vintecatro, primeiro de maio de 1936)
Salvaterra de Miño a 18 de xullo de 2021.
Antón “Xaque”.