O xornalista Carlos Barros ispe o primeiro medio século de historia da SCD Condado

Carlos Barros

Agardo que o moito que gocei descubrindo estes 50 anos da SCD o poida desfrutar tamén quen queira coñecer a súa historia”

De formación e de vocación xornalista, o mondarizán Carlos Barros é o principal artífice da elaboración dun libro colectivo sobre os 50 anos da SCD Condado, a sociedade que organiza o marabilloso festival da poesía do Condado e da que el forma parte desde o ano 2001. O devandito traballo ten por título: ” 50 Anos de resistencia cultural SCD Condado 1973-2023”, e nós conversamos con Carlos para coñecer mellor esta obra tan interesante, sobre un colectivo que merece todo tipo de recoñecementos pola súa brillante labor.

Lembras cal foi o motivo que che levou a estudares xornalismo?

Xa desde moi novo tiven inquedanzas sociais e políticas e vía que o xornalismo era un espazo no que me podería desenvolver. Sempre apreciei os resultados do xornalismo de investigación e de denuncia. Entendín que podería ser unha vía para realizarme profesionalmente e para poder achegar cousas á sociedade.

O libro por que comeza en 1973?

Ese foi o ano no que a xente que forma a SCD Condado comeza a reunirse. As persoas que a formaron son integrantes e seareiros da SD Salvaterra. No ano 75 materialízase a ruptura e fórmase a SCD Condado, inicialmente como equipo de fútbol alternativo e non tardan nin un ano en comezar a realizar actividades culturais, que son as que acabarán por definir á asociación. O aspecto deportivo pasa de ser un fin a ser un medio de financiamento das actividades culturais.

No 1973 ti xa existías?

Non, eu nacín en 1981. Levo na SCD no 2001 e quixen realizar este traballo para recuperar esta etapa e para coñecela mellor tamén, desde logo.

Caramba, eras un rapaz cando comezaches. Cando se iniciou a túa vinculación emocional coa SCD?

O meu primeiro contacto foi en 1999 cando a asociación lle fai unha homenaxe a Suso Vaamonde uns meses antes de que morra.

Ti estiveches presente nesa homenaxe?

Si, foi algo impresionante. Varios milleiros de persoas asistiron e as emocións estaban presentes de curruncho a curruncho na súa máxima intensidade . O festival levaba parado desde 1995, e cando os integrantes da SCD coñeceron o seu estado de saúde víronse na obriga de homenaxealo para devolverlle a Suso unha pequena parte da inmensidade que el lle deu a SCD.

Cóntanos as principais características do libro?

O primeiro que quero salientar é que se trata dun libro colectivo. Eu fixen a crónica histórica pero o seu nacemento non tería sido posible sen a colaboración de todas as persoas que participaron canda min. O que pretende é recoller os 50 anos de historia da SCD Condado que nace no 73 e fai no 81 o 1º festival da poesía, e ofrecer a perspectiva de persoas involucradas nas diferentes frontes da SCD : Poetas , historiadores, xornalistas.

A historia entre o 73 e o 81 é moi importante pois nos permite entender como un grupo de persoas do asociacionismo de base son capaces de pór en marcha un instrumento tan poderoso como Festival da Poesía.

No libro tamén se recollen 50 poemas representativos da historia do Festival. E publicamos a lista de todos e todas as poetas que estiveron nas 34 edicións que xa se teñen celebrado.

Cantos son?

325 dos que 45 son portugueses.

Dicíasme que este é un libro colectivo. Quen son as persoas que te acompañaron na súa elaboración?

Na Coordinación editorial Irene Cancelas, e en todo o proceso todo o equipo da SCD Condado implicouse ao máximo: Iria Bértolo no relacionado coa fotografía, Bruno Lopes, Vicente Gallego…..e moitas outras persoas.

Onde podemos adquirir o libro?

En Salvaterra témolo nunha zapatería colaboradora, a zapatería de Togui, en Vigo na libraría Cartabón e en Santiago nas librarías Numas, Pedreira e Couceiro. Tamén se pode adquirir contactando con nós a través das redes sociais. E o que recomendo eu e que o 2 de setembro no 35 Festival da Poesía, quen estea interesado no libro nos pregunte pois alí haberá exemplares a esgalla e pódese adquirir tranquilamente.

Como financiastes a edición do libro?

A través dunha campaña de financiamento que fixemos. Alí , das achegas colectivas de 222 persoas conseguimos máis de 11.000€.

Pedistes colaboración ao Concello de Salvaterra?

Si, pero sen moito éxito. Despois de varias tentativas comprométense a comprar 5 exemplares, o que a nós nos parece unha colaboración simbólica que non está á altura dunha obra que recolle unha parte significativa da historia contemporánea de Salvaterra.

Estás satisfeito da acollida que está a ter o libro?

Si, moi satisfeito. A verdade é que está tendo un efecto moi potente o que nos enche de folgos.

Este é o primeiro libro que escribes?

Si.

Gustouche a experiencia?

Moito. Malia ser unha obra feita a contra reloxo a experiencia gustoume moito. Agardo que o que eu gocei descubrindo e coñecendo estes 50 anos o desfrute a xente que se achegue e o lea.