O 29 de xullo deste ano un veciño do centro de Bueu decidiu sentarse nunha banqueta enriba da tapa dun rexistro que está no paso de pións que atravesa Pazos Fontenla á altura de Eduardo Vincenti. Este feito ocorreu arredor das 10:45 dun xoves, coincidindo co mercado habitual no noso pobo. Desde que estamos coas medidas anti-covid o Concello corta a rúa Montero Ríos os luns e os xoves (días de mercado) para ampliar a distancia “de seguridade” entre postos e tamén entre a clientela. Este feito converte a rúa paralela, Pazos Fontenla, no indiscutible canle principal do tráfico de Bueu.
A acción deste veciño provocou, por todo isto, un considerable atasco e o conseguinte enfado das persoas que quedaron retidas. Eu, temín porque a cousa rematase mal máis a veloz (mais tardía) intervención da Garda Civil acompañada pola Policía Local, evitou un desenlace con peores consecuencias. Un axente falou amablemente co veciño que, sen opoñer ningunha resistencia, desistiu da súa protesta. Este home levaba meses padecendo un continuo “clonc, clonc” debido ao paso dos vehículos por riba dese rexistro. Ruído que tamén padece unha persoa maior coa que convive e o resto da veciñanza do lugar, entre a que me inclúo. Ese mesmo día, preto das once da noite, os operarios da compañía telefónica responsables da tapa, remendaron o problema. Pasaron vinte días e a tapa volve a emitir un ruído, máis leve e metálico desta vez. Non é este o único lugar no que sucede isto mais, se no centro do pobo nos ignoran así, que estará a pasar nas aldeas?
O certo é que a responsabilidade do mantemento desta estrada é da Xunta de Galicia mais o Concello ten que esixir que sexa eficiente. A Garda Civil e a Policía Local deberían anticiparse á queixa do veciño, pois están parados moitas veces nese punto da vía. A Policía Local dirixe o tráfico nese cruce, aínda que é certo que mentres isto sucede non se escoita o ruído da tapa porque queda silenciado polo uso abusivo que fan eles do chifre.
Penso que somos nós @s culpables. A veciñanza está completamente adormecida. Despois deste acto as redes sociais e as terraza dos bares enchíanse de aplausos pola iniciativa dese home, mais seguro que queda só se lle chega unha multa por ter cortado o tráfico. É o que pasa agora: temos wifi e/ou nos deixan tomar unha caña e cremos que somos libres.
Morre o asociacionismo, a loita polo ben común, o apoio @ veciñ@, @ compañeir@, a que a quen o precise
Mentres nós durmimos as administracións dedícanse a gastar os nosos cartos en vender fume. Hai quen coloca monólitos nas entradas de portos que nada teñen que ver co Xacobeo, (pero quedan bonitos e entran na subvención)
Hai quen lle lava a cara a un Centro Social que se cae a cachos por dentro, hai quen coloca nomes a lavadoiros que semellan selvas…
Perdoade, quizais a miña tolemia mais é que me está a afectar o “clinc, clinc” que entra pola fiestra.