A perda do tráfico dos contedores de froitas no porto de Marín supón unha mala noticia para a nosa vila, como antes o foi para Vigo, que deixa en evidencia a mala xestión das Autoridades Portuarias de Marín e de Vigo.
Recentemente o presidente da AP de Marín presumía dos “éxitos” e crecementos do porto como se fosen un logro da súa xestión. Agora conténtase con que o tráfico que perdemos en Marín vai para Vigo e non para outro país. Que podemos esperar cando temos uns portos, o de Vigo e Marín, xestionados por dúas persoas que gozan dun “retiro dourado” e como único mérito teñen o carné do Partido Popular.
Do mesmo xeito que viñeron os contedores para Marín agora vanse para Vigo, a perda deste tráfico é por unha decisión empresarial. As empresas xogan cuns portos que compiten entre eles cando o normal sería a cooperación, e esta política non é a máis intelixente nin a mellor para competir con grandes depredadores empresariais que só buscan o seu beneficio. Por iso perde Vigo e perde Marín.
Antes tamén marcharon os barcos pesqueiros.
A frota pesqueira con base no porto de Marín foi desaparecendo nos últimos anos. Uns foron despezados, outros vendidos e outros abandeirados en terceiros países para poder seguir pescando (unha grande mostra de patriotismo español e amor á bandeira). A lonxa de Marín é unha caricatura do que foi no seu día, un tempo no que o peirao estaba cheo de barcos e Marín de mariñeiros. Perdéronse 3.000 postos de traballo sen que ningunha administración fixera ren, e moito menos a Autoridade Portuaria que fixo todo o posíbel por mandar os barcos a Vigo. Non entanto, preocúpanse moito por manter a conta de resultados de Ence a costa da nosa ría.
A autoridade portuaria, cando menos a de Marín, é un ente opaco que vive de costas aos concello sen aportar ren á mellora da nosa calidade de vida. Este organismo está ao servizo das grandes empresas asentadas non porto ás que non se pode molestar, e só cede espazos para uso de todos/as despois de moito petarlles na porta. Tratan ao pobo de Marín cun aire de superioridade e calquera petición que se lles fai é como un desprezo dun vasalo face o seu señor feudal.
Porén, é peor a posición de quen goberna o concello mantendo unha actitude servil que trata de impedir e dilatar no tempo calquera petición que se lle faga ao porto, como a moción presentada polo BNG para retirar os contedores que hai diante da Alameda de Marín. Non teñen a valentía nin a altura de miras para demandar, como fixeron en Vigo ou Vilagarcía, unha maior implicación e apoio da Autoridade Portuaria na mellora urbanística de Marín.
Merecemos unha mellor xestión dos nosos portos, os portos de interese xeral deben pasar a Galiza.
Cos portos galegos pasa o mesmo que cos aeroportos, compiten entre eles e despois temos que coller o avión en Porto. Non podemos continuar cuns reinos de taifas pelexando por ofrecerse ao mellor poxador para acadar tráficos, necesitamos complementar os portos galegos e para iso é necesario o traspaso das competencias.
Para poder planificar e promover unha política portuaria sensata de colaboración entre todos eles. Achegar a administración e o servizos públicos ao pobo sempre é mellor para ter unha xestión máis eficiente, e para ter a quen tirarlle das orellas cando o fai mal.
PD: Quero deixar claro que a marcha deste tráfico de froita non é culpa do BNG por solicitar que se retiren os contedores que afean as vistas desde a Alameda de Marín. É unha demanda xusta que debe ser atendida, non hai escusa para non facelo. Non podemos ofrecerlle as persoas que pasean pola Alameda a visión de catro alturas de estruturas metálicas baleiras e sen uso, non é a imaxe que debe dar Marín.