Galiza en loita por unha vida digna
O medre imparábel dos prezos fai máis difíciles as condicións de vida, levando á ruína as clases traballadoras galegas. Á suba da electricidade, dos combustíbeis e de moitos produtos de primeira necesidade hai que engadir unha grave deterioración dos servizos públicos e retroceso nas políticas sociais.
A vivenda é un dereito fundamental para todas as persoas pero a especulación converteuna nun luxo que a fai inaccesíbel para a maioría social.
Unha suba descontrolada dos prezos, agravada pola seca, pero provocada polas guerras imperialistas e a ofensiva belicista emprendida polos Estados Unidos, que conta co entreguismo da Unión Europea e do Estado español. Aumenta o gasto militar dos Estados e o papel criminal da OTAN.
Moitas familias non teñen onde vivir ou como acceder a bens básicos. Con ilo, multiplícanse os efectos negativos das precarias modalidades de contratación impostas polas sucesivas reformas laborais (a tempo parcial, fixa-descontinua, ETT, etc.,), que impiden ter condicións laborais e salariais estábeis e con dereitos.
Fronte a esta realidade, o capital segue enriquecéndose de forma imparábel, obtendo beneficios astronómicos. O IBEX 35 fulmina resultados e as empresas chegan a cifras nunca antes rexistradas.
As respostas dos gobernos demostran pouca vontade para darlle solución e tomaren medidas contra o capital. As manobras especulativas das grandes empresas sobre os mercados, controlando os prezos, fan máis extraordinarios os seus beneficios.
Todo isto pasa cando o capitalismo está nunha deriva reaccionaria. Alentan a ultradereita e o fascismo, que no noso caso é fomentando a ideoloxía españolista, negando a realidade plurinacional do Estado español, estando o pobo galego claramente prexudicado. Repiten o feito noutros momentos da historia: reforzar os mecanismos de explotación e represión ante o aumento do descontento social pola dureza das súas políticas económicas que xeran desemprego, baixos salarios e aumento da pobreza.
Hai que dar un paso adiante e comprometerse para que sexa maior a capacidade das forzas sindicais, sociais e políticas soberanistas, a través da loita social, as que impidamos, como até o de agora, que vaian a máis estas derivas españolistas e reaccionarias.
Compre ir a máis na resposta que levamos meses promovendo, coas folgas en moitos convenios colectivos, e avanzar coa convocatoria de Folga Xeral para o 11 de novembro.
Temos que evitar que a clase traballadora galega paguemos, máis unha vez, esta nova crise, cando outras políticas públicas son necesarias e posíbeis, como vimos defendendo desde hai meses, coas Propostas por unha Galiza con Dereitos, Traballo Digno e Igualdade.
É urxente a aprobación polo Goberno galego e Goberno español un Plan de Choque asentado en:
1.- Paralizar o aumento do gasto militar para destinalo aos servizos públicos e ter un sistema público galego digno de atención ás persoas.
2.- Intervención pública nos sectores estratéxicos (vivenda, financeiro, enerxético e alimentación) para garantir uns mínimos de benestar social.
3.- Fixar nos 1.374,74 euros mensuais o SMI con carácter retroactivo desde o 1 de xullo de 2026 para cumprir xa a Carta Social Europea. Garantir o carácter non compensábel nin absorbíbel de ningún dos complementos salariais. Aprobar a descentralización do SMI.
4.- Promover o dereito á negociación colectiva, o poder adquisitivo dos salarios e as cláusulas revisión salarial conforme o IPC real, garantindo a prevalencia dos convenios galegos fronte aos estatais.
5.- Os gobernos fixarán por lei prezos populares en produtos básicos de alimentación e prezos xustos para quen os produce. Demandamos actuacións contra quen especula nos mercados.
6.- Prohibir os desafiuzamentos, conxelar as cláusulas das rendas dos alugueiros e a non aplicación das subas de xuros nas hipotecas.
7.- Aprobar un Plan de acción que poña a disposición inmediatatodas as vivendas da SAREB para os sectores sociais máis necesitados. Intervir o mercado fixando os prezos máximos de alugueiro acordes co salario medio do lugar, que obrigatoriamente deberán cumprir os grandes posuidores. Creación dun Banco Galego de Vivenda para aluguer social.
8 .- Creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade, que garanta a enerxía ao servizo do pobo. Aprobación dunha Tarifa Eléctrica Galega, abaratando a factura da electricidade, tendo en conta o carácter produtor e exportador de enerxía que ten o noso país. Así mesmo, limpar da factura os cargos que non teñen relación directa co funcionamento do sistema eléctrico,cambiar o sistema de fixación de prezos e desvincular o prezo da electricidade do prezo do gas.
9.- Fixación dun prezo máximo da gasolina e do diésel mentres non se estabilicen os prezos e non se avance nunha solución fiscal xusta, tomando como base o prezo medio nas gasolineiras ao 24 de febreiro de 2022.
10.- Reforzar os servizos de mobilidade mellorando horarios para facilitar e ampliar os traxectos gratuítos.
O 11 de novembro, paremos todo!


