Alba Roza Santos

Ao espertar póñome a facer a cama. Tenso e coloco ben as sábenas. Digo ‘sábenas’ e, ao cambiar o ‘a’ polo ‘e’, lembro a forma de falar da miña avoa. Lembro cando espertaba para ir ao colexio e era ela a que me facía a cama para poder roubarlle cinco minutos máis á mañá. Os matices que agocha ese ‘e’, pronunciado sen decatarme, pérdense cando vou a unha tenda e leo letreiros coma “Sábanas a quince euros”.

As palabras moitas veces gardan códigos compartidos, xeitos de ver o mundo e de relacionarnos cos nosos: veciños, amigos e familiares. As conversas na casa sobre a suba do prezo da luz, a apertura dun bar no centro da vila ou os “disques” e “seicas” ás agachadas aparecen cheos dos matices que nos da a fala. A lingua de uso e a forma de expresarse son parte da maneira na que unha comunidade experimenta e interpreta o que lle acontece (toda lingua expresa unha cosmovisión propia, dise na Lingüística). Para documentar e contar estas realidades sen perder os seus matices o propio é a lingua de seu, neste caso o galego.

Moitos álbumes de recordos teñen recortes da vez que un familiar saiu no xornal. Recoñecemos a festa da nosa parroquia ou o premio que gañou o noso curmán. O xornalismo local aterra nas realidades máis próximas e dá relevancia á nosa contorna.

Así, nestas novas cotiás escritas dende a proximidade da fala, aparecen os douscentos números da Nova Peneira. Unha tirada mensual que, dende o ano 2012, nos achega ao que acontece no seo das nosas vilas, parroquias, lugares e casas.

E que miremos as trescentas!