Celso Milleiro
O Concello de Marín conta con 6 centros públicos de infantil e primaria: CEIP A Laxe, CEIPP O Sequelo, CEIPP O Carballal e EEI O Grupo, CEIP de Seixo e o CEIP de Ardán, así como os concertados CPR A Inmaculada, CPRP San Narciso e o CPRP Os Praceres, este último no concello de Pontevedra mais con moito alumnado de Marín debido á súa proximidade. Nesta parroquia atopamos o centro público CEIPP A Carballeira.
Hai tres anos naceron no concello de Marín 115 nenos, un número cada vez menor aos habidos nos anos anteriores, son os que van entrar neste vindeiro curso escolar 2026-2027. Mais os datos non son moi prometedores, dado que para o curso 2027-2028 os nacidos no 2024 foron 90 crianzas. A todo isto, debemos ter en conta os nenos nacidos fora do concello, na súa meirande parte no estranxeiro, e restar os que vaian estudar a outros centros fora do termo municipal, na súa meirande parte a centros concertados do concello de Pontevedra.
O Ensino Público Obrigatorio esmorece a marchas forzadas na vila de Marín, non é unha declaración catastrófica senón unha realidade demostrábel cuxa principal causa é debida á baixa da natalidade e en menor medida á existencia dos centros concertados. Esta situación, de seguir así, levará o inevitábel peche de centros.
Tanto Seixo como O Carballal semella que van a resistir de momento mellor esta investida demográfica, por algo tan esencial e lóxico como é contar con servizos. No caso de Seixo por ter principalmente un centro de Galiña Azul, e no Sequelo por contar entre outras cun itinerario de bus que percorre unha boa parte da vila marinense. En resumidas contas, os pais procuran comodidades e iso conséguese con bos servizos.
Os centros concertados, tamén prexudicados pola baixa natalidade, son sabedores que para poder resistir precisan medrar os servizos e melloralos. Aquí topamos coa axuda da Xunta e a ideoloxía política do partido que a goberna, un lastre intencionado contra o ensino público.
A baixa natalidade non obedece a un capricho e egoísmo por parte da xente nova. Certo é que moitos non queren pasar polo sacrificio que fixeron os seus pais e avós, mais cómpre revitalizar a natalidade con melloras sociais: medre dos salarios, mellor acceso á vivenda, mellores prestacións educativas e servizos que permitan aos pais e nais compaxinar as súas vidas e os seus traballos, etc.
Se hoxe en día Galiza precisa emigrantes non é pola demanda de emprego por unha bonanza económica, senón porque cada vez somos menos debido á baixada da natalidade, a empregos máis precarios e polo tanto mal remunerados. Os que máis protestan contra a emigración son os mesmos que a favorecen, cunha política lesiva contra os dereitos e benestar das xentes de aquí. A baixa natalidade é o síntoma das políticas aplicadas polos partidos sistémicos: coas privatizacións, a diminución de dereitos laborais, unha política que fai que os que máis gañan paguen menos á Facenda, favorecéndoos con beneficios fiscais incluídos, que non redunda na mellora económica nin no benestar xeral das xentes, aínda que aparente todo o contrario, senón que a acrecenta as fendas e diferenzas entre as capas sociais, o que leva a unha baixada demográfica, facendo que os máis novos prioricen outras cuestións nas súas vidas.
Celso Milleiro, Investigador da Historia de Marín.





