Dicía, no abrente da década dos oitenta do século pasado, aquel inesquecible personaxe creado pola fantástica Lolo Rico:“ Viva el mal, viva el capital”.E nin que a “Bruxa Avería “ fose vidente, porque hoxe, medio século máis tarde, o mal está máis vivo que nunca. E no seu afán de engrosar as contas de resultados dos que realmente mandan no mundo , semella que non se cansa de presentar proxectos ultra agresivos para o planeta, un planeta espremido ata uns niveis moi perigosos para a continuidade da vida a longo prazo. Proxectos de nulo impacto para as maiorías sociais e de enorme solvencia para as oligarquías económicas. As elites económicas extractivas semella que lle colleron “ cariño” á Serra da Groba.
Esta Serra é un espazo marabilloso que se encontra entre as comarcas do Baixo Miño e do Val Miñor. Este enclave natural destaca por posuír unha enorme colonia de cabalos en liberdade e outras especies de animais e vexetais como raposos, xabaríns ,coellos, anfibios, aves, carballos , loureiros, salgueiros… Tamén é salientable a existencia da fonda pegada da historia humana en forma dunha grande concentración de arte rupestre, das máis importantes de Galicia, e por ofrecernos diversos acuíferos, pozas e recunchos naturais de grande beleza .
Nos últimos anos foron moitos os intentos de realizar proxectos de negocio neste espazo, que calquera administración minimamente sensata debera blindar de contado para deixalo en herdanza ás xeracións futuras. Desde ideas absolutamente disparatadas como os intentos de construír un campo de golf, ata as tentativas de inzar a Groba de enormes torres eólicas cuxa dimensión xigantesca e as actuacións necesarias para facer realidade a montaxe dos parques, suporían a morte dunha das paraxes de maior beleza do país galego.
De momento todas as tentativas de agresión foron derrotadas grazas á forza imparable da sociedade civil organizada e ao traballo encomiable de distintas plataformas como SOS GROBA ou o IEM, pero o mal non descansa nunca e agora chegan
As centrais hidroeléctricas de bombeo.
Estamos falando dun proxecto dobre que contén dúas centrais hidroeléctricas de auga mariña diferentes, pero conectadas. Son do mesmo promotor, a empresa Jealsa, e están intentando tramitalas como se fosen dous proxectos diferentes
Unha das centrais está proxectada no termo municipal de Oia e a outra no do Rosal. Están pensadas para evacuar conxuntamente a súa produción á subestación de Atios no Porriño.
Cal é o seu obxectivo?
Producir enerxía eléctrica bombeando auga mariña que se almacenaría en dúas grandes balsas no alto Serra da Groba. O concepto teórico pode parecer interesante: Producir enerxía a partir da auga do mar a priori parece unha boa idea, que tería bastante menos impacto no medio ambiente cá que se produce a partir de combustibles fósiles.
Por outra parte a produción de enerxía eólica non é estable, depende das circunstancias climatolóxicas. E se queremos que a electricidade dependa dos parques eólicos, necesitamos que sempre sexan capaces de achegar a enerxía que o sistema demande.
As cousas son máis complicadas do que parecen
E tanto que o son. A produción de enerxía non é a que nós queiramos senón que está en directa relación cun concepto científico denominado Factor de Planta: A relación entre a enerxía instalada e a que a planta podería producir. No caso dos eólicos en Galicia estamos falando de arredor do 23,5%. É dicir se temos 100 MW só poderiamos garantir unha produción de 23,5 MW.
A idea destas dúas centrais hidroeléctricas sería utilizar a enerxía sobrante para bombear auga, e cando necesitemos producir enerxía eléctrica facelo soltando a auga almacenada.
Cal sería o problema?
Que para producir unha unidade de enerxía hidroeléctrica necesitamos previamente dúas unidades de enerxía para poder bombear a auga en altura. É dicir; é indispensable gastar dúas unidades de enerxía para poder producir unha.
Entre o factor de planta e esta última cuestión estamos en que para poder bombear a auga destas dúas centrais hidroeléctricas proxectadas sería absolutamente imprescindible a instalación de varios parques eólicos complementarios que nos deran a enerxía necesaria para podermos levar a auga desde o mar ata as balsas que se situarían na Serra.
De non ser así, ou subimos a auga a caldeiros ou seria imposible producir luz para acender unha soa bombilla.
Necesitamos oito MW instalados de eólica para recuperar un. E o peor é que non se trataría de produción pensada para alimentar as centrais senón de enerxía sobrante, produción que o mercado non é capaz de asumir en determinados momentos
De onde sae toda a enerxía necesaria para que as centrais hidroeléctricas poidan bombear a auga?
Parece inevitable conectalo coa idea de que nas costas de Oia e A Guarda estean proxectados catro polígonos eólicos mariños.
Tamén están os parques eólicos na Groba, tanto os 6 anulados como os 4 proxectados. A enerxía necesaria para alimentar a estas centrais ten que estar necesariamente vinculada a algún parque eólico. Pero a enerxía que lles puidera sobrar a eses parques non sería suficiente para alimentar ás centrais de bombeo. Sería necesario un grupo de polígonos de parques eólicos. Onde Están?, por que non aparecen en ningún sitio?.E hai que ter en conta que teoricamente non serían parques eólicos feitos ad hoc para alimentar estas centrais, senón que estas centrais estarían feitas para aproveitar excedentes de produción.
Asemade non só serían estas dúas últimas centrais das que acabamos de coñecer o proxecto, en Oia e en Portecelo( O Rosal) senón que tamén estaría a proxectada en Punta Centinela, na zona de Mougás que xa coñecemos con anterioridade.
Esta de Mougás tamén ten proxectado derivar a súa produción á subestación de Atios.

Casualidade?
No universo dos negocios desta dimensión non existen as casualidades. Semella que todo deriva dun plan industrial, deseñado por alguén, para a parte sur de Galicia, do que non nos queren dicir nada, e que imos coñecendo así aos poucos con motivo de que o impacto de algo tan inmenso, que suporía inzar dos parques eólicos, necesarios para alimentar as centrais hidroeléctricas de bombeo, enormes cantidades de terreo, teña a menor contestación social posible.
En que fase estamos agora?
Nunha fase de exposición pública na que se pide autorización administrativa para ocupar as franxas litorais necesarias para construír as centrais hidroeléctricas.
Pero só se solicita autorización para iso. Por que motivo nin se solicita autorización nin se explica que se vai facer para producir a enerxía necesaria para alimentar esas centrais?
Agora mesmo a sociedade civil máis lúcida está preparando as alegacións pertinentes. Probablemente, a Xunta fará todo o posible para que estes proxectos progresen. Esto último é unha pura especulación, pero tendo en conta o historial e as políticas habituais da administración autonómica galega parece razoable pensar que vai ser así.
Tamén é certo que considerando o rigor a experiencia e a preparación das plataformas que sen dúbida liderarán de novo a defensa do territorio, o IEM e SOS Groba, non o van ter nada fácil.
A auga salgada podería causar problemas na Groba?
Si, claro que podería. Problemas moi serios que incluso, se houbese unha fuga importante, poderían fastidiar os acuíferos de auga doce da Serra. No proxecto falan do modelo dunha central de Xapón na que desenvolveron un polímero especial co que tapizarían a balsa, e garantirían que non se producirían filtracións..Pero claro. A saber..
Como se financiarían?
Con fondos europeos. O obxectivo é facer negocio, só ese e nada máis que ese. A sostenibilidade enerxética importa en realidade bastante menos que nada a quen deseña este tipo de cousas para que uns poucos gañen moito diñeiro a costa de empobrecer as posibilidades de moitos, e de deteriorar seriamente o medio ambiente.
Ninguén mete un montón de cartos para montar unhas centrais, e ver se a algún parque eólico indefinido e indeterminado lle sobra algo de enerxía para que poidan funcionar. Non hai enerxía sobrante para alimentar iso en toda a contorna. Alguén terá que facer parques eólicos ad hoc para alimentalas
Ninguén arrisca unha enorme cantidade de cartos montando centrais por se soa a frauta que lles permita alimentalas. Todo está perfectamente deseñado. Por que non nos contan todo o que pretenden facer?
PS. Infinitas grazas ao noso amigo Bruno Centelles pola súa información. Sen el este artigo, e moitos outros, non serían posibles.

Dirección A Nova Peneira




