Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero.
Nos tempos que corren estamos tan metidos na mentira que nos custa moito aceptar as evidencias e moito máis caer na conta do noso enorme erro. O erro da nosa propia desnaturalización. Percíbese esa nosa submisión ás hipóteses dos fala-baratos, ás informacións e aos recortes de prensa, ás fotos trucadas, aos díxome-díxome que tanto no mundo se practican. Son este xeito de involucionar que nos tocou vivir e do que moitas veces non queremos ser conscientes. Difícil é salvarse de tanto conto e de tanta historia mediocre, tanta mentira e tanto matiz polarizante que nos fai confundir ao agresor co agredido e viceversa. Á vítima e ao verdugo facéndonos os “longuis” e sabendo que non podemos nin debemos ser imparciais.
A min, hanme perdoar, dáme moita pena, vergoña quizais, ver enormes grupos de xente dicindo as mesmas cousas, as mesmas xustificacións. Quedo parvo pensando no apaisado das súas expresións e as mesmas reiteracións na desculpa e na mentira, insistentes proclaman a súa neutralidade desde o mesmo dogma. Lémbrame aquel vello concepto de “ovellas do rabaño”, corte sistémico dunha sociedade que non sabe pensar por separado e necesita agregarse ás hordas que conducen e dirixen unánime chusma de vertidos. Sempre vertidos e no disimulo empoleirados.
Descorazona sabernos faltos da orixinalidade e o bo criterio de cada quen, da actitude crítica e discrepante que obriga a reflexionar antes e despois para sacar algún proveito. Baixamos un enorme banzo de liberdades e agora vivimos a urxencia, o consumo e o tropel, coas súas angustias. Estamos pillados polas présas e o gasto, obedecemos reclamos de calquera propaganda prometedora de marcha e ruído, despreocupacións. Ovellas mansas do rabaño.
Síntome estraño ao saber deses grupos tan enormes de xentes aducidas, que seica “fan tendencia”, tribo, son frikis e cousas polo estilo. Penso, e xa o pensaba, que cada vez máis nos roubaron a vontade, a vontade de ser, de sentirnos libres, de decidir, de pertenza, de saber escoller ben para gozar da vida, para vestir ou non vestir, para ir e vir con competencia de poder equivocarnos, reconducirnos e atoparnos. Como di o meu amigo Xío Blanco de Mos_: “…Sonoros, si sonoros. / E semellantes a instrumentos desafinados e rexentes versos. Si, así debera facer a percusión dos poetas do pobo. E a música, a música de fondo que a poñan outros”._
A mesma música é un rollo de repeticións, de ritmos obstinados feitos por máquinas, voces conducidas por sámplers ao servizo de incautos “seguidistas”. No medio claquetas e metrónomos que marcan e miden, mentres quedan amorfas as emocións e faltas de expresión no medio do cálculo contable. Se alguén berra “Oeee”, todos berran “Oeee”. E pásano ben, nesa cretina lea de ovellas. E se as voces son en inglés fanse máis cribles e repiten o que lles impoñen. O espectáculo vén de moi lonxe para que acaten, cedan e consuman. Sobre todo para que paguen e ser condutibles. Quizais non participen nas folgas por baixos soldos, polos desafiuzamentos brutais ou nas de falta de médicos, ou polos dereitos consolidados e necesarios. Irán na mansedume, nesa observancia silandeira que somete.
Ben pensado é unha colonización máis, devastadora. Tan grave ou máis que os espolios da Terra, con eólicos traidores e cheos de prexuízos para castigo dos máis vulnerables. Minas que son perdición, especulacións á par da corruptela dos que din representarnos. Lodos contaminantes que tiran con nocturnidade pestilente no medio dos apartados observatorios, ou as mesmas augas que contaminan terras, outras augas, praias, toda a paisaxe, …todo. E non digamos esta perversa eucaliptización obstinada por parte dos que, seica entendidos, permiten despois sexamos pasto do lume. Non, nós non participamos desa involución da intelixencia humana na que se perden vidas e vida. Nós sabemos que hai outra forma de facer, de gobernar. Sabemos que hai que plantar e sementar, cambiar a paisaxe e a vexetación altamente inflamable por outra que dea oportunidade de goce e continuidade á nosa vida.
É o problema desta aculturación que despraza os nosos modos de facer historia e sociedade, cheos de humanidade, gozos e sufrimentos. Hai que impor as engrenaxes do capitalismo atroz. E aí os temos, mais non contaba eu con esta xente, alienada e gustosamente embebida de ínfulas alleantes. Parecen ser produtos industriais da submisa colonización conformista. Todos contentos e cheos de castelanismos aínda dentro da nosa lingua, de anormais estranxeirismos na insólita burremia do delirio a parecerse a algún fantoche, deses que publicitan as teles, incluída a de aquí, que tamén ten o seu punto de denigrante parodia e fervor oligofrénico, de diccións perturbadas sen que os organismos correspondentes ao caso, chamen á orde.
Pena grande que nos coman O Noso sen que nos deamos conta, que nos leven a paraísos dun inferno servil organizado por lacaios, sipaios escarnecidos nesa “ambulancia” que nos leva ao tanatorio. Pois non, cómpre enfrontarse e non calalo. Cómpre, xa que somos Patria e Matria, erguer a voz e amosar o noso inconformismo. Por unha Galiza ceibe ou ceive, mesmo sen ortografías!





