Cousas de Salvaterra, primeiras escaramuzas

Cousas de Salvaterra, primeiras escaramuzas
Antón Lorenzo González Saque
Antón Lorenzo González “Xaque”

Publicouse neste xornal no mes de Xuño pasado a descrición da segunda entrada e conquista da vila de Salvaterra polos portugueses o 15 de agosto de 1643. Naquel intre aínda non tiña localizada a información da primeira entrada que fixeron dous anos antes, nin tampouco a situación prebélica o longo da fronteira. Evidentemente non hai segunda sin haber primeira e agora que podo, recúo un pouco na historia para ofrecerlle ós lectores o que faltaba dando comezo polo contexto prebélico e inicio das hostilidades.

Dentro da chamada guerra de restauración portuguesa século XVII, deu comezo esta o primeiro de decembro de 1640 e rematou co Tratado de Lisboa en 1668. Neste período o reino de España participou na guerra dos trinta anos e na guerra franco-española, Portugal enfrontouse tamén con Holanda. O reino español tivo que escoller e deu prioridade o conflito do levantamento en Cataluña.

Nomeou o rei portugués Don João IV para gobernador das armas de entre Douro e Miño o Xeneral Don Gastão Coutinho. Este preséntase a primeiros de xaneiro de 1641 na cidade do Porto, de alí partiu a Viana do Castelo e Caminha. As armas portuguesas estiveran ociosas moitos anos pero Gustão Coutinho viña coa experiencia de exercitalas na Armada e no continente africano.

As primeiras medidas que tomou foi facerse unha composición de lugar vendo o estado da provincia e os medios humanos, xente leal e valente apta para a guerra, así como as materiais e as instalacións militares coas que contaba, até dezaseis prazas cercadas e amuralladas.

Foi visitando a fronteira dende Caminha até Melgaço acompañado pola nobleza, “que se desvelaba en seguilo e obedécelo”. Fortificou Camiña, vila cercada de cantería e a Ínsua da Barra na Foz do río Miño, oposta á vila da Garda, Tamuxe, O Rosal e outras; Vila Nova de Cerveira cercada con muros de cantería e con trincheiras e estacadas oposta a Barca de Goián, a sazón presidio; Valença en oposición a Tui, (cercada de muros nos tempos do Rei Don Diniz o mesmo que as vilas de Caminha, Vilanova de Cerveira e Lapela); Lapela fronte a Porto e Arantei; Monção, (fundada polo Rei Don Alfonso III), cercada de muro alto, fronte a Salvaterra; Valadares, terra aberta en oposición a lugares como Cela, Barcela, etc.; Melgaço con excelente Castelo antigo, ante Arbo, Crecente, Fornelos, etc. Xa na raia seca da Galiza, Ponte Barxas fronte a Desteriz e outros lugares; Castro Leboreiro fronte a Lobeira, Lindoso fronte a Ferreiros, Gogin, etc.; Nóbrega correspondente ás terras de Entrimo; Lanhoso fronte a fortaleza de Arauxo, do Condado de Monterrei; Aguiar de Pena, Celorico de Basto, etc.

Mandou reclutar soldados que pronto se puxeron á práctica do exercicio militar por medio de capitáns e oficiais veteranos que sabían pelexar e mandar na arte da guerra.

Foi en Salvaterra onde pronto se presentou a desculpa e a ocasión para principiar a loita armada, detonante da guerra que levaría o imperio español o comezo da súa desaparición. Aconteceu con un barco que ía polo Miño cargado de carbón para Monção. Impedírono os mosqueteiros galegos con unha carga sobre a tripulación, abordáronos e capturaron a embarcación.

Os da vila de Monção responderon á provocación colocando dúas pezas de artillería no lugar de Boa Vista por orde do Xeneral, dende alí canonearon a vila de Salvaterra co resultado da perda de vidas humanas e casas destruídas.

Outro tanto fixeron os galegos dende a quinta de Theaens, hoxe Teáns, na ferigresía de Pedra Furada. Dispararon as súas pezas de artillería contra a vila de Monção causando grandes danos nas casas sobranceiras ós muros, advertidos do perigo non houbo baixas.

En Valença os de Tui fixeron o mesmo disparando as baterías para impedir a construción de trincheiras, sobre as que andaba o Xeneral, con tal temeridade que incluso estivo a piques de perecer por causa dun pelourazo que o salpicou de terra e deu co seu chapeu por terra.

En Viana dispuxo soldados e embarcacións que dende Caminha enfrontaban o inimigo na vila da Guarda. Dende Caminha, na Foz do Miño, o capitán João Pita da Rocha apresou dezanove barcos a uns pescadores, recuperando estes un pola noite.

En Melgaço o capitán Francisco de Gouvea Ferraz, natural de Barcelos, indo con uns soldados roldar e vixiar os postos do río Minho, sendo insultados polos vixías galegos con palabras descompostas contra o reino portugués, foi tras eles e saíron fuxindo.

Foi así como comezaron as chamadas guerras Duriminias, (Douro e Minho), crueis e sanguentas.

Chegou a orde do Rei a Don Gastão Coutinho para que se aprestase a guerra contra os galegos. Recibiu esta orde en xullo de 1641 e pronto a puxo en execución.

Comezou por Viana onde dispuxo que dúas lanchas e outras embarcacións fosen sobre a vila da Garda. En Caminha incorporáronse inclusive unha galeota (embarcación longa movida por remos) e dous barcos máis ás ordes de Frei Luís Coelho da Silva, cavaleiro de S. Joaõ. Expedidas todas a ordes, mandou o Xeneral equipar un barco que dirixiu a Insua pero o único que lograron foi capturar dous barcos de pescadores que logo liberou por parecerlle de pouco interese e avisarlles estes do mal estado do río, prognosticándolle segura ruína de seguir. Procedeu o Xeneral a retirada contrariado, “por verse Neptuno embravecido”.

En Melgaço ordenou a João de Sousa, capitán Maior desa vila, entrase o mesmo tempo por Ponte Barxas. Antonio Gonçalves de Olivença polo porto dos Cabaleiros. Por Lindoso Manoel de Sousa de Abreu e pola Portela do Home a Vasco de Azevedo Coutinho señor de São Joaõ de Rei; foron estes ataques simultaneados o vinte catro de agosto de 1641, segunda feira.

Con mellor fortuna entrou Vasco de Azevedo Coutinho coas súas tropas na zona de Lindoso. Tivo o aviso de estar os galegos previdos por un soldado portugués dos vindos de Cataluña que no día anterior se pasara o inimigo.

En Lindoso causou grande receo a fuxida do soldado. Para contrarrestar o máis que certo aviso ós galegos, antes da incursión portuguesa, ofreceuse un soldado dos vindos de Flandes, facer de espía, recoñecendo as forzas galegas e súa situación o cal animou os portugueses.

Con esa información atacaron por diversos puntos ós galegos que, inda con certa resistencia, non puideron evitar a desfeita. Foron dos primeiros en entrar Manoel de Sousa de Abreu, Antonio de Sousa Cirne, Gómes Correa e outras persoas nobres até quince ou dezaseis os cales encontrando algúns bandos de galegos, por diferentes partes, avanzaron e os puxeron en fuxida por aquelas montañas, saqueando lugares e conseguindo bos despoxos.

En troques no Porto dos Cabaleiros non fixeron entrada ese día polas noticias que tiveron de que os galegos tiñan alí moito poder, sendo por iso desculpados polo Xeneral, dado que era un primeiro ensaio das armas portuguesas.

Acordados do letargo, mudaron as ordes, mandouse entrar cun escuadrón formado por nove compañías, na vangarda o capitán Gaspar Casado Maciel. Entrou na cuarta feira pola mañá coa xente dividida en tres corpos, un de D. Vasco Coutinho e Luís de Brito, sobriños do Xeneral, e xente de Francisco de Azevedo Coutinho. No segundo ía o capitán maior de Braga e moita nobreza de Ponte da Lima. No terceiro, capitáns da ordenanza de Monção, Arcos e Valadares.

O primeiro tomou un outeiro, outro parou a vista do inimigo que parecía non facer moito caso a pesar de estar a tiro de mosquete. Confiaban os galegos tanto en se que nin sequera quixeron pedir socorros.

Pondo en orde as tropas Antonio Gonçalves de Olivenza, avanzaron os tres corpos do exército a un mesmo tempo non querendo os galegos agardar dándose en retirada. Continuaron os portugueses pola Galiza, saqueando aldeas sen resistencia, encamiñáronse a Pradenda por onde andara Don João de Sousa e Diogo de Barros de Almeida saqueando, procedendo de seguido a retirada.

Destacaron especialmente nestas operacións Antonio Gonçalves de Olivença e Rui Pereira de Souto Maior, capitán maior e Alcaide maior da vila de Caminha.

Por Ponte Barxas entrou Don João de Sousa con uns seiscentos homes , levou a vangarda o capitán Francisco de Gouvea Ferraz. Fuxiron os galegos rematando coa morte de quince ou vinte deles. Os portugueses fixéronse con catrocentas cabezas de gando e algunha roupa.

A anécdota destas xornadas está en que un labrador portugués furtou un cáliz da igrexa de Padrenda. O ter o Xeneral noticia diso, castigou o labrador e mandou pronto restituir o cáliz. Era Gastão Coutinho moi observante á veneración da igrexas, obra digna da súa piedade cristiá e oficio de capitán católico.

SUCESOS MILITARES DAS ARMAS PORTUGUESAES.

DR. JOÃO SALGADO DE ARAUJO, ABADE DE PERA.

LISBOA 1644