Dezaoito meses despois do inicio da pandemia practicamente ningún centro de saúde do noso País pode funcionar con normalidade. Na área de Vigo, contan con apenas o 50% do persoal necesario. A nefasta política aplicada pola Xunta do Partido Popular tórnase nun desastre inducido que cómpre encadrar na ofensiva que, desde hai máis dunha década, emprenderon contra a sanidade pública en beneficio dos seguros privados.
Unha situación que se manifesta na desatención da poboación e na merma da calidade asistencial e, ao tempo, nunha sobrecarga inasumíbel do propio persoal sanitario que está, literalmente, ao límite das súas forzas. Esgotadas física e mentalmente, tendo que botar mesmo man de ansiolíticos para soportar axendas infinitas. E como corolario padecendo unha infame precariedade laboral. Esa é a recompensa do Goberno do Partido Popular a un persoal sanitario que desde o inicio da pandemia deu, e segue a dar, o mellor de si propio, para que o dereito á saúde poida impoñerse, malia as dificultades, sob os recortes.
O máis perverso deste desastre inducido é que promoveu un enfrontamento inxusto e sen sentido entre a poboación, farta de agardar até 20 días para lograr unha cita telefónica, e o persoal sanitario que acaba por se tornar albo dese malestar. É a cizaña sementada polo Sergas na súa estratexia de “canto peor mellor”, que leva como bandeira a rotunda e absoluta falsidade de “non se pode facer máis”. “É o que hai”, ben podía ser o lema da Consellaría de Sanidade da Xunta de Feixóo.
Pero hai alternativa. Claro que a hai. Así o visan as numerosas propostas concretas e perfectamente factíbeis que o BNG vén trasladando desde hai meses para reconducir esta situación e evitar que tronce a Atención Primaria e que acabe colapsando o conxunto da sanidade pública galega da que é espiña dorsal. Medidas como un plan de choque de 200 millóns de euros, ou a incorporación de outras profesionais sanitarias de especialidades como a psicoloxía clínica, a logopedia, a terapia ocupacional ou o alargamento das carteiras de servizos para que enfermería, matronas ou fisioterapeutas, poidan desenvolver máis funcións con autonomía. Que arredor do 30% das consultas de medicina de familia teñan a ver coa saúde mental visa a importancia deste tipo de reforzos. Para alén de reforzar as restantes categorías, desde as PSX até as administrativas, saturadas por asumiren novos procesos e tarefas derivados da Covid.
Como de maneira tan teimuda como pedagóxica afirma a deputada e portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento galego, Montse Prado, non podemos comprar o relato da impotencia, o discurso de que nada se pode facer, porque nesa resignación reside a vitoria dos que queren destruír a rede asistencial pública.
Non abonda tampouco con nos laiar. Non chega coa queixa nin a denuncia. Cómpre actuar e rebelarse. Temos que saír á rúa a mobilizarnos con contundencia para esixir o noso dereito á saúde e a unha sanidade pública universal, gratuíta e de calidade. Temos xa data e hora na manifestación convocada pola Xunta de Persoal do CHUVI: 30 de setembro ás 20h desde o PAC de Pizarro en Vigo.