
Calcúlase que, por cada ocupación, emítense 277 tertulias de radio e televisión en horarios de máxima audiencia. A este dato hai que engadirlle a encomiable labor informativa sobre este tema dos xornais, youtubers e influencers.
Os ocupas son boa xente se os comparamos, por exemplo, coa cantidade de asasinos en potencia que van ao volante dun coche ou de delincuentes armados que transitan polas rúas. As probabilidades de falecemento cando colles o automóbil son infinitamente maiores que as de que me ocupen a casa cando estea de volta. Paradoxalmente, preocúpanos moito menos perder a vida que perder a propiedade. Será porque sabemos que, en caso de morte, no paraíso vai estar agardando por nós un adosado cunha parceliña ao redor protexida polo Todopoderoso, Prosegur e Securitas Direct.
Teño que recoñecer que a voráxine informativa que hai sobre o asunto provoca que a parte racional do meu cerebro sucumba, esgotada, e acabe créndose que a posibilidade de volver ao meu fogar e atoparme cos malditos usurpadores de vivenda sentados no sofá, cos pés enriba da mesa e vendo a televisión, sexa elevada.
En cambio, teño un compañeiro de traballo, que para todo toma decisións en función das estatísticas, que di que, cando ten pensamentos irracionais acerca dos problemas que poden xurdir ao habitar un piso, prefire saír á rúa porque as probabilidades de que asalten a súa residencia para roubar son miles de veces superiores ás de que o fagan coa intención de ocupar. Ultimamente é difícil atopalo no seu domicilio, porque está obsesionado cunha banda itinerante de albaneses moi violentos, que entran nas casas e golpean aos propietarios de xeito salvaxe. Para tranquilizalo, dígolle que non son albaneses, senón alaveses, o cal o calma de xeito instantáneo, porque, como bo patriota, prefire a man de obra nacional.
O lavado de cerebro ao que estamos sendo sometidos chega a tal extremo que, o outro día, nos programas de Marranarosa e Losantros aseguraron que os ocupas estaban detrás dun caso de atropelo nun paso de peóns, cando, en realidade, o dono da vivenda confundiu a dous técnicos, que ían facer a inspección periódica da instalación do butano, cuns inimigos da propiedade privada e, atemorizado, botouse a correr.
Cando abandono os pensamentos irracionais, póñome no lugar dunha familia con fillos pequenos, que non ten onde acubillarse nos fríos e húmidos invernos. Na súa situación, eu tampouco dubidaría en forzar a porta dun piso embargado por un banco a outra familia que non puido facer fronte á hipoteca pola espectacular subida do Euríbor e do prezo dos alimentos, provocada por un ruso que decidiu invadir Ucraína.
Os ocupas perigosos non son a ínfima cantidade de persoas que, por desesperación, deciden asaltar un inmoble baleiro, senón os fondos voitre, como Goldman Sachs, a banca, a usura de moitos propietarios e ata comunidades autónomas, como a de Madrid, que vendeu 3.000 fogares de persoas con baixos ingresos a fondos que, para botar aos veciños, comezaron a subirlles o alugueiro ata que moitos non puideron facerlle fronte e non lles quedou máis opción que marchar. Pero estas figuras son consideradas persoas de ben, indispensables para manter a sociedade do benestar, aínda que sexa sobre o sufrimento e a miseria dos demais.
