No Concello de Nigrán, na praza da Carrasca da parroquia de Parada, está o hotel restaurante A Queimada. Este negocio fundado en 1973 cumpre medio século no presente ano, e nós quixemos aproveitar unha celebración tan bonita para coñecelos un pouco máis.
Adrián Comesaña xerente
“Queremos que cada cliente que nos distinga coa súa confianza sinta que a nosa casa é tamén a súa”
Este ano é especial para vós , verdade?
Pois si, desde logo que si. Este ano cumprimos medio século, e iso non acontece todos os días. Concretamente o 11 de abril do 73 foi o día que naceu o noso negocio. Para min, e para toda a miña familia tamén, é un orgullo inmenso podermos ter estado xa 50 anos dando servizo a tantos e tantos clientes que nos distinguiron, e nos distinguen coa súa compañía ao longo destas cinco décadas. Sen eles, nada disto podería ser posible. E aproveito a oportunidade das páxinas da vosa publicación para agradecer, desde o máis profundo do meu corazón, a súa confianza,e para asumir o compromiso de seguir dando o mellor de nós para que cada cliente que nos visite sinta que a nosa casa é tamén a súa.
Quen fundou o hotel Queimada?
Fundárono os meus avós Luciano e Isolina.
Os teus avós, os fundadores do negocio, son de Parada?
Si. Eran de aquí, agora xa non viven.
Pero cando se fundou o negocio aínda non era hotel?
Non, isto comezou sendo unha taberna. Estaba á beira da Praza, na praza xogábase moito aos bolos celtas, era un sitio de tránsito de xente. E os meus avós, con moi bo criterio, creo eu, decidiron fundar aquí a taberna, para darlle servizo ás moitas persoas que viñan a xogar aos bolos ou a pasar o seu tempo de lecer na praza.
Hai moita tradición por esta zona de xogar aos bolos?
Si. Por toda a comarca do Val Miñor desde hai moitos anos.
Como foron os inicios do negocio?
Os meus avós fundárono como taberna e tamén servían comidas.
Polo que me contan, a túa avoa tiña sona de moi boa cociñeira?
Si, abofé que é así. O cabrito da miña avoa era moi famoso, e fíxate que despois de tanto tempo aínda se fala do cabrito do Queimada. Nos primeiros tempos do negocio nas partidas de bolos xogábase un carneiro ou un galo, logo a miña avoa asábao e comíase. Aí empezou a fama do cabrito da miña avoa. Aos poucos anos xa empezou a traballar o meu pai no negocio familiar, comezou a levalo el e isto foi crecendo. De taberna pasou a cafetería cun pequeno restaurante.
E cando se converte isto nun hotel?
Antes de pasar a ser hotel, fíxose restaurante grande e empezouse a facer vodas. A primeira voda que se fixo foi a dunha curmá do meu pai. O espazo foise ampliando por fases. Tiñamos un salón abaixo e fixemos outro arriba, e a continuación está a nosa casa, isto é unha casa e un negocio familiar. O hotel veu máis tarde, fai uns 30 anos.
Cantas habitacións ten o hotel?
Arredor de 30.
Cales son as épocas fortes para vós?
En realidade, temos traballo estable case todo o ano polo parque empresarial. No verán, un pouquiño máis forte, pero está compensado. Cando eu era pequeno non era así. Empezábase a ter traballo en Semana Santa, logo na época das comuñóns e o verán. O meu pai vendía uvas para facer viño e ao acabar a colleita tiñamos baixón de traballo outra vez ata a Semana Santa seguinte. Agora afortunadamente o volume de traballo é bastante estable.
E como levades o restaurante, tedes menú do día?
Pola semana traballamos con menú do día, temos unha media de 150 menús diarios. A fin de semana traballamos con Carta e tamén temos bastantes eventos culinarios.
Que perfil de clientes tedes aquí?
Un perfil moi variado. Aquí traballamos con comida tradicional e vén xente de todos os estilos. Maior, novo e non tan novo. Clientes do meu pai que agora son clientes meus. Temos clientes de segunda e terceira xeración. Familias que casaron aquí e logo fíxose bautizo, comuñón e voda dos seus descendentes.
Tes unha irmá, traballa aquí tamén?
Si, tamén.
Este ano cumprides medio século. Crees que poderá seguir a saga familiar e que o Queimada chegue a celebrar o século de existencia ininterrompida?
Ha ha ha ha. Aínda falta moito para iso. Pero si, eu confío en que si. Isto é un negocio de futuro. Eu nacín e críeme aquí e non concibo a miña vida sen isto.
A hostalería é un traballo que require moitas horas. Tes tempo para a túa vida persoal?
Si, pero pouco.
Colles vacacións de cando en vez?
Se, pechamos en Nadal, desde o 24 ata despois de Reis.
Pois nada Adrián, só desexarche que en 50 anos alguén de A Nova Peneira entreviste a alguén de A Queimada para celebrarmos xuntos o primeiro século de vida
Moitas grazas e Tino. Eu remato dando de novo grazas infinitas a todas as persoas que nestes 50 anos nos honraron coa súa compañía. O meu corazón e o da miña familia están con eles, con todos e cada un.