Por desgraza para Mos a súa veciñanza terá que soportar 4 anos máis á pésima alcaldesa que padece, á que o transfuguismo político lle deu un día a alcaldía e á que o cancro político que padece Galicia desde a noite dos tempos, dun modus operandi que bipolariza á sociedade en amigos e inimigos, posibilita que a siga mantendo. Nós seguiremos, como sempre, obedecendo á nosa única xefa, a nosa conciencia, e denunciando unha e mil veces que este tipo de políticos e políticas non están capacitados para dirixir nin unha comunidade de veciños. E tardará máis ou menos, pero todo na vida ten a súa fin e algún día, máis pronto que tarde, desaparecerá o medo en Mos e chegará a liberdade que só pode ser consecuencia da xustiza social, a igualdade e a verdade. Comezamos o mandato presente falando co grupo municipal do Bng e continuámolo conversando coa voceira municipal socialista.
“ O votante progresista de Mos non pode perder a esperanza. Este nefasto goberno acabará pos ser derrotado nas urnas”
Comecemos polo principio: Como valoras o resultado das pasadas eleccións estatais?
Valóroo de maneira moi positiva. No medio dun contexto terriblemente difícil, no que unha onda reaccionaria parece que conquista diversos países do mundo, á que España non é allea, e onde unha campaña brutal dos voceiros mediáticos da dereita presenta como ilexítimo ao actual goberno, a esquerda resistiu e amosou que somos máis os que non queremos que nos goberne a dereita e a ultradereita. Non podo deixar de manifestar , unha vez máis, o meu orgullo de militancia socialista, feminista, progresista e galeguista.
Haberá acordo para formar goberno ou consideras que se pode dar un escenario de repetición de eleccións?
Agardo un exercicio de responsabilidade colectiva, e que si se poida constituír un goberno presidido por Pedro Sánchez. A alternativa dun goberno do PP e Vox sería terrible.
Ben, o PP di que ten que gobernar a lista máis votada?
A historia da democracia española está ateigada de exemplos nos que o PP gobernou concellos ou comunidades autónomas sen ser a lista máis votada. Eles , que constantemente se auto denominan “constitucionalistas, deberían deixar que se cumpra a constitución e deixar a un lado o cinismo e a hipocrisía.
En Mos?
En Mos os resultados da esquerda foron moi dignos. De feito gañou as eleccións con claridade. A suma do voto PSOE , SUMAR e BNG foi do 56,1% fronte o 42,6 que acadan o PP e Vox.
Como é posible que, en Mos, haxa tanta diferencia entre dous procesos electorais tan seguidos?.Nas municipais de maio o PP , a dereita, gaña por 9 puntos de avantaxe 53-44. E en Xullo a esquerda acada a vitoria por 14 puntos. É dicir , en dous meses houbo unha variación sideral de 23 puntos. Por que?
Non é nada fácil responder a esa pregunta. Xa me gustaría a min ter a chave exacta que explicase esta situación pois se trasladaramos os resultados das estatais ás municipais o partido socialista tería a alcaldía de Mos con seguridade. Probablemente non sexa un único motivo, senón unha suma de varias razóns o que o explique. Así por exemplo:-Son procesos electorais distintos, e nas municipais se vota nunha clave diferente ás xerais- Despois das municipais a posibilidade da terrible involución que suporía o goberno de Feijoo+ Abascal estivo máis cerca que nunca e a esquerda mobilizouse máis-A estrutura nepotista e caciquil que ten montado o PP en Mos é inmensa e terrible e resulta moi difícil loitar contra ela……
En calquera caso a nosa teima ten que ser convencer, seducir ás máis de 3.000 persoas que nos votaron nas estatais para que tamén confíen en nós nas municipais.
Chegaches a pensar que ti poderías ser un problema?.
Si claro. De feito puxen o meu cargo a disposición da militancia. Pero os meus compañeiros e compañeiras enchéronme de orgullo ao amosarme a súa confianza. E, en realidade se miramos os resultados das municipais na nos comarca, en case toda a nosa provincia diría eu, vemos como a onda conservadora fixo que o PP subira e o PSOE baixara.
O PP de Mos , nos procesos electorais, ten unha forma de traballar, ir casa por casa a pedir o voto que ao meu modo de ver roza o coactivo. Pero seica funciona..?
Nós tamén imos polas casas, pero a explicar o noso programa e a dar a coñecer as nosas propostas. A pedir o voto, como fan eles, desde logo que non. Como dis ti, roza o coactivo. E non sei se funciona ou non funciona, pero desde logo que nós nunca imos facer iso. Outra cousa que me deixou abraiada foi que foran por todas as parroquias a falar mal da miña persoa.
De ti persoalmente?
Si. E que conste que non se trataba de crítica política, algo absolutamente lícito ao que estamos sometidas todas as persoas que voluntariamente nos dedicamos á política. Tratábase de ataques persoais. Entre outras cousas dicían que non facía nada da Deputación.
E iso é verdade?
Iso é unha calumnia estratosférica. Os colectivos de Mos que trataron comigo saben perfectamente que esa é unha absoluta falsidade.
Cal é a situación do grupo municipal socialista?
Estamos ilusionados e decididos a seguir batendo, coa razón e a palabra, unha e mil veces nas almas e nos corazóns da veciñanza de Mos ata que poidamos convencer á maioría de que a esquerda goberna mellor que a dereita, de que a xustiza social e a igualdade son preferibles ao nepotismo e ao caciquismo.
Non haberá risco de transfuguismo?
Non, ningún en absoluto. Coido que xa aprendemos dos erros pasados e que non se volverán repetir.
Podemos formular unha primeira valoración de como se presenta este mandato?
É aínda moi pronto, pero semella que a alcaldesa non vai mudar un chisco a súa actitude despótica e desconsiderada cara a quen non a vota. De feito xa se encargou de recordar que ela ten maioría absoluta e que , segundo o seu punto de vista, iso lexitímaa para facer o que lle pete.
Cales son as liñas mestras da oposición que pretendedes desenvolver estes catro anos?
Será unha oposición propositiva, construtiva e moi firme na defensa dos intereses da veciñanza. Incidiremos especialmente en dous aspectos que consideramos esenciais para Mos que son as infraestruturas e o saneamento, así como na atención social a quen máis o necesite ou na adecuada xestión económica.
A alcaldesa é agora senadora. Ti cres que afectará ao desenvolvemento do seu traballo na alcaldía?
Vai ter menos tempo para dedicar ao concello, vai ter que ir a Madrid con frecuencia. O lóxico é que si que afecte.
Que saída lle ves ao asunto do Celta en Tameiga?
O outro día preguntamos nas comisións cales ían ser os seguintes pasos e o Concello, como se non fose con eles como se eles non fosen actores principais no estado das cousas, miran para outro lado e din que a cousa non vai con eles, que é un asunto da Xunta e que eles non saben que vai pasar.
Eu creo que pronto imos ter novas. Non penso que lles interese que a tensión social que sen dúbida se producirá, cando o Celta queira concretar o seu proxecto en Tameiga , lles estoupe en plena campaña das autonómicas.
Ti como estás de ánimos para afrontar estes catro anos?
Estou cunha forza enorme. O votante progresista de Mos non pode perder a esperanza. Este goberno nefasto acabará sendo derrotado nas urnas.