A memoria

A memoria

A medida que os camiños vitais percorridos fanse máis extensos, e os que aínda quedan por percorrer máis cativos, a memoria ocupa un lugar cada vez máis importante na arquitectura da alma humana. Cando compartimos espazo con outros seres humanos as conversas sobre acontecementos , persoas e experiencias pasadas compartidas ou non, fannos sentir ben e contribúen a construír ambientes de comodidade e calidez. Non se pode vivir sen memoria. Cando unha persoa enferma de alzheimer está nas últimas fases da súa enfermidade perde completamente a conexión coa súa propia identidade, e xa non é. A memoria é a rede que tece as conexións cos que estiveron antes ca nós, cos que se cruzaron con nós nas estradas e meandros das nosas vidas e contribuíron a facer o que somos no presente. O pasado é imprescindible na construción do presente e inevitable no deseño dos soños , esperanzas e expectativas futuras. A memoria pode ser individual , sobre as experiencias de cada un, ou colectiva , sobre os fenómenos históricos que tiveron incidencia nas distintas fases de abalo e devalo da humanidade.

Ambas son imprescindibles e igual de importantes. Coñecer a historia persoal fainos tomar consciencia do noso lugar no mundo e serve para entender o que somos, alén de para manter vivo o recordo das xeracións pasadas nas xeracións futuras. E dignificar a memoria colectiva de quen se comprometeu, da forma e maneira que sexa, en tratar de facer mellor á humanidade é un acto de xustiza para quen arriscou o seu benestar persoal, en moitas ocasións chegando a perder a propia vida, para que os seus semellantes puideran vivir mellor.

No eido da memoria colectiva tivo un papel especialmente meritorio o departamento de memoria histórica da Deputación de Pontevedra , co destacadísimo traballo, entre outros e outras, da grande Montse Fajardo. Este equipo realizou nos dous últimos anos innumerables actos para reivindicar o legado de quen representou a luz de tentar que, por primeira vez na historia do estado español, a igualdade, a prosperidade , a educación e a cultura puidesen ser para todos e non só para as elites que desde a noite dos tempos as gozaban en exclusiva. A luz da República foi apagada de maneira violenta e cruel pola longa noite de pedra do nacional catolicismo español. E ao PP seica non lle interesa que se dignifique a memoria de quen tratou de impedilo, pois Feijoo ten ameazado con derogar a lei de memoria histórica no caso de que chegara a presidir o goberno do estado. A memoria é tan relevante que pode darnos a coñecer , por exemplo, como un home de 29 anos sentiu a necesidade de facer testamento. Iso foi o que coñecín eu hoxe mesmo, grazas á xentileza de Eliseo Fernández, un historiador ferrolán que tivo a ben facilitarme o documento que acompaña este artigo, e grazas tamén á bondade de Lola Varela e Dionisio Pereira que tiveron a amabilidade de facilitarme o contacto de quen é un experto na historia do anarquismo en Galicia.

Aos 29 anos ás persoas da miña xeración nin se nos pasaba pola cabeza á idea da morte, e facer testamento era algo impensable nese abano de idade. Pero Manuel Vargas fíxoo porque era 1937, estaba en Asturias combatendo contra fascismo e a posibilidade da súa propia morte era máis que verosímil. Manuel era o meu avó.

Eu non o coñecín, nin sequera a miña nai o chegou a coñecer. A historia que lle contaron foi que deixou embarazada á miña avoa e desapareceu. Pero claro en 1937, e sendo un activista da CNT, é máis que probable que os motivos que lle levaron a desaparecer fosen a necesidade de conservar a propia vida. A memoria é tan importante que en agosto do 2023 me fixo coñecer que tiven un avó que en xullo de 1937 falaba de liberar a Galicia. A memoria é tan importante que fixo que o orgullo e a emoción case me fixesen esquecer unha molesta dor de xeonllo resultado de que ás veces esquezo que xa non teño 20 anos e fago cousas impropias dos 50. A memoria é tan importante que só pola hostilidade que amosa cara a ela, o PP merece ser derrotado nas urnas en todos e cada un dos procesos electorais futuros.

En memoria de todos os homes e mulleres que algunha vez na súa vida comprometeron o seu benestar persoal en defensa dos seus semellantes.

Documento do CDMH de Salamanca xentileza de Eliseo Fernández