O pasado día 21 deste mes de xuño no Instituto Pino Manso do Porriño presentouse o 3º número da revista de filosofía “OPINO”. A alma mater deste marabilloso experimento é Pedro Ocampo, profesor de filosofía nese mesmo centro, que desde o pasado número está moi ben acompañado polo seu compañeiro, profesor de debuxo, Juan Carlos Lago. Na presentación dun número, que trata de centrarse no máis significativo da natureza do adolescente, déronse cita máis de 70 mozos e mozas. E foi unha circunstancia marabillosa, case podería dicir que emocionante, pois amosa que a mocidade actual non é distinta á de ningunha outra xeración. Se se lles ilusiona, respecta , valora e se fomenta o seu pensamento crítico poden chegar a ser homes e mulleres libres, comprometidos e con capacidade de distinguir o xusto do inxusto.
A edición desta revista conta co apoio institucional e económico do Concello do Porriño, de feito o alcalde Alejandro Lorenzo achegouse ata o instituto a amosar o seu compromiso aos profesores que a coordinan e dirixen. Nós alegrámonos moito de que sexa así, e facemos votos para que nunca deixe de selo, pois contribuír a que os mozos e mozas sexan capaces de construír un pensamento crítico autónomo é una tarefa dun mérito sobresaínte e das que poden deixar pegada na historia do Porriño.
Na presentación á que acudiron un número asombroso de adolescentes , membros do equipo de redacción do número que se presentaba e dos dous anteriores, a proposta do profesor Juan Carlos Lago dedicouse unha atronadora ovación a Pedro Ocampo por ser “ ese tolo que coa súa ilusión, talento e traballo consegue facer realidade o que para moitos outros nunca pasaría das fronteiras da imaxinación”.
Nós conversamos con dúas das alumnas protagonistas do equipo de redacción deste número de OPINO
Amina Díaz e Natalia Márquez
Ambas son do Porriño, Amina ten 17 anos e Natalia 18 e veñen de rematar o seu segundo ano de bacharelato.
Que vas estudar Amina?
Eu dereito.
E ti Natalia?
Eu biomedicina
Participastes as dúas na edición da revista?
Si. Fixemos tarefas de dirección, debuxo e incluso escribimos algún artigo.
Como valoras a experiencia Amina?
De maneira moi positiva. Tratamos de ensinar o mundo no que vivimos desde a perspectiva das persoas da nosa idade. Unha cuestión que a min me parece relevante, e que trata de reflectir OPINO, é como as redes sociais poden influír nas emocións da nosa xeración.
Inflúen significativamente?
Si. Poden ser causa de ansiedade e de medo.
E ti Natalia que pensas desta etapa da túa vida?
Eu valóroa tamén de maneira moi positiva. Foi unha experiencia enriquecedora que contribuíu a ampliar as nosas perspectivas e nos axudou a aprender a pensar por nós mesmas.
Esta é a vosa primeira participación nalgún proxecto de construción colectiva?
Si, é a primeira vez para as dúas que participamos en algo tan serio.
Que lle diriades a quen pensa que a vosa xeración carece de interese polo mundo no que vive, e que non ten capacidade para traballar de maneira colectiva nin de implicarse en proxectos sociais?
Amina
Eu diríalle que é unha visión deformada de como son as cousas. Simplemente non é verdade. Na nosa xeración, eu imaxino que igual que en todas as anteriores, hai persoas que teñen pouco interese na realidade social, e tamén as hai que están moi interesadas. Pero estigmatizar a unha xeración enteira de ningún modo responde á realidade de como é esa xeración.
Natalia
Eu opino que esa maneira de xulgarnos é radicalmente inxusta. Unha persoa adulta que xa ten a súa vida feita e o seu camiño claro, non pode minusvalorar a unha xeración que aínda ten que buscar o seu sitio na vida. Nós non o imos ter fácil e cando as condicións que nós encontremos poden ser peores que as que tiveron os nosos pais , pois a responsabilidade será das xeracións anteriores, non da nosa que aínda non estaba…digo eu.