No próximo pleno ordinario da corporación municipal do Porriño vaise producir un relevo no grupo municipal de Eu Son, pois o que foi o seu portavoz nos últimos anos Pedro Ocampo, tomou a decisión de abandonar a política orgánica. Será substituído pola veciña de Torneiros Patricia Sío. Nós falamos con ambos
PEDRO OCAMPO
Creo que hai unha novidade moi importante no que respecta ao voso grupo municipal, non Pedro?
Si, despois dunha profunda reflexión persoal tomei a decisión de deixar a miña actividade política institucional
E a orgánica?
Non, seguirei como coordinador local de Esquerda Unida e no seu Consello Nacional. A política ten moitos escenarios, non só o institucional, de feito o orgánico paréceme máis importante xa que ter unha organización sólida de cadros políticos formados é a única posibilidade de que poidas transmitir a túa mensaxe ás xeracións futuras
A Eu Son, facer política de rúa directamente conectada coa realidade social non se lle esqueceu?
En absoluto, todo o contrario. Esa forma de facer política é a nosa razón de ser.
Cal é o motivo de que abandones o concello?
Ben, quero deixar claro que eu sigo plenamente identificado e comprometido co proxecto de Esquerda Unida, pero despois de reflexionar, confeso que o tempo do confinamento axudou, decidín que a miña etapa institucional rematou e que a renovación e frescura que vai achegar a miña compañeira Patricia suporá un plus importante para o noso grupo municipal. Eu non vin á política para estar eternamente nin para vivir dela, todo ten os seus ciclos e o meu no Concello, chegou á súa fin
Cando vas executar a túa decisión?
No pleno ordinario de xullo, que se non me equivoco é o xoves 30
Comunicaches a túa decisión aos órganos de Esquerda Unida e aos militantes de Eu S on?
Si, claro
O estrepitoso fracaso electoral de Galicia en Común influíu na túa decisión?
Non, nada en absoluto. Xa a tiña tomada desde bastante antes das eleccións
Arrepínteste da decisión de non ter entrado no goberno?
En absoluto, de feito cada vez estou máis seguro de que fixemos o correcto
Como valoras este primeiro ano do bipartito PSOE-BNG?
Para min a expectativa de mellora que había coa entrada do bloque no goberno non se cumpriu. De feito nós no pleno ordinario de xuño chegamos a pedir a dimisión da alcaldesa
Ben falamos agora coa compañeira que toma o relevo
PATRICIA SIO
De onde es ti Patricia?
Do Porriño, en concreto da parroquia de Torneiros
Cal é a túa actividade profesional?
Eu son licenciada en dereito e traballo como auxiliar administrativa na asesoría xurídica da Universidade de Vigo
E a túa historia política?
Eu sempre fun simpatizante e votante de Esquerda Unida. Nunca me decidira a implicarme directamente ata o 15 M e a eclosión de Podemos. Estiven un tempo no espazo Podemos ata que a propia evolución dos acontecementos políticos levoume a tomar a decisión de militar en Esquerda Unida e de ser unha máis de Eu Son Porriño. De feito nas municipais do 19 ía de número 3, e agora entrarei en substitución do noso compañeiro Pedro. Como falabas antes con Pedro concordo na imperiosa necesidade de facer política de rúa, colaborando con movementos sociais e veciñais. Eu estou na plataforma anti lindano
Compartes a valoración negativa de Pedro sobre o bipartito ?
Compártoa total e absolutamente
A chegada do BNG non achegou, para ti, nada positivo?
Non, nada en absoluto. A xestión segue sendo escura caótica e nada xenerosa, despótica e sen empatía pola veciñanza. Este goberno so actúa para o centro do pobo, está desconectado da problemática que viven as parroquias do Porriño.
Paréceme que es unha muller con moita enerxía?
Son unha persoa moi vehemente e estou moi ilusionada con esta nova etapa política. Agradezo o apoio de todas as compañeiras e compañeiros de EU SON porque o ambiente no que facemos política é extraordinario e así todo faise máis fácil
Cales son as liñas de traballo fundamentais que vas defender no Concello?
Eu pretendo darlle continuidade ao traballo político do noso grupo municipal; defenderei a transparencia a participación e pularei por mellorar a desastrosa xestión económica. Sempre aportando como fixemos por exemplo coa nosa moción para mellorar a contratación que foi desbotada por toda a corporación
Eu Son Porriño, ten espazo para crecer?
Estou segura, desde logo na agrupación local traballaremos para que sexa así.