A Oposición de Mos toma a palabra

A Oposición de Mos toma a palabra
G.Figueiredo e Tino Lago

Grupo municipal do PSdeG – PSOE

Os socialistas mosenses son o principal grupo de oposición ao goberno do PP nesta localidade da Louriña. E nós iniciamos esta xeira de entrevistas a toda a oposición mosense( PSOE, GañaMos e BNG) falando con eles. Todo parece indicar que a súa voceira, e tamén deputada provincial, Victoria Alonso repetirá como candidata . Ela amósase moi animada e convencida de que no 2023 si haberá cambio político en Mos. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa cos concelleiros e concelleiras socialistas de Mos.

Percibimos nas rúas de Mos un malestar crecente cara ao goberno municipal, e unha onda imparable de simpatía cara ao proxecto socialista. Temos a convicción de que no 2023 haberá cambio de goberno”

Valorade ao goberno municipal neste mandato?.

O que máis chama a atención , non xa neste mandato, senón desde que Mos padece o desgoberno da súa nefasta alcaldesa, é a desastrosa xestión económica. Os recursos malgástanse de maneira flagrante e as necesidades reais da maioría da veciñanza están totalmente desatendidas. O resultado da catástrofe financiera é que o concello ten que recorrer en moitas ocasións ao recoñecemento extraxudicial de crédito e que moitos dos traballos que se encargan, que non serven para nada,son executados digamos que por empresas amigas

Ponde algún exemplo deste suposto dispendio económico que mencionades?

Todos os temas que a alcaldesa leva a xuízo como a defensa do proxecto de Mouriño, á Comunidade de Montes, ás traídas de augas. A alcaldesa paga a defensa de todos estes casos con diñeiro público que non está orzado.

E este malgasto, en que situación económica deixa o concello?

Temos unha débeda bancaria de case 5 millóns de euros e todos os anos hai recoñecementos extraxudiciais que a aumentan entre 800.000 e 1 millón de euros .

Mesmo agora, para acabar o mandato pediron un crédito de 800.000€ á Xunta de Galicia para facer unhas obras innecesarias en San Eleuterio que van deixar sen aparcamento aos veciños e veciñas.

Levabamos dous anos sen licitar o contrato de lixo, imos facelo agora, e este contrato supón un millón e medio de euros máis anuais, antes custaba 600.000€. Están a encarecerse moitísimo todos os contratos.

Queda clara a vosa posición sobre a xestión económica deste goberno. Agora queremos coñecer que pensades sobre o trato á veciñanza. O goberno de Mos trata igual ás persoas que claramente se connotan co PP ,cás persoas que claramente se connotan en posicións contrarias ?

É unha desgraza e profundamente inxusto pero a resposta a esa pregunta é un NON rotundo. Non hai un trato igualitario. Hai parroquias ás que se lle dá trato de favor e outras que se lles quere castigar. Barrios, asociacións e colectivos que non están de acordo coa xestión deste goberno vense afectados e outros que si o están son beneficiados. A veciñanza mosense merécese un trato igualitario e non o ten.

A recente declaración de proxecto de interese autonómico ao proxecto do Celta en Tameiga vai conducir irremediablemente a un intento de expropiación?

Se os propietarios non queren ceder nin vender, a única vía que queda é a expropiación para que poida levar a cabo este proxecto. E parece claro que o dono do Celta non quere desistir do seu intento de facer negocio cos montes de Tameiga

Hai algunha previsión de que o intento de expropiar poida ser inminente ou credes que van esperar ás eleccións municipais?

Isto está na Xunta de Galicia e non nos facilitan información de como vai o expediente, nin no Concello de Mos nin na Xunta .

E a vosa posición segue sendo claramente en contra?

Estas instalacións van ser totalmente privadas e benefician a unha soa persoa, a Mouriño. Xa o vimos cos campos de adestramento do Celta que se fixeron en Pereiras, dixeron que os clubs de fútbol de Mos poderían adestrar alí e non é verdade, adestra exclusivamente o Celta. Sabemos que é un intento de Mouriño de facerse con activos e patrimonio para poder vender o equipo e facer negocio, non beneficia en nada ao noso pobo.

E que problema hai en Pereiras coa auga? ao parecer houbo este verán restricións e cortes de auga.

Este verán algunha traída sufriu cortes de subministración, tiveron menos cantidade e menos potencia de auga. Preguntamos por isto nun pleno e a alcaldesa presentou informes nos que alegan que é por culpa da seca.

Pero sospéitase que puido ter algunha incidencia a auga que necesita o Celta para regar os campos de fútbol, non?

Se se escava e se constrúe encima da terra onde están os pozos e traídas de auga, é de supoñer que isto afectará negativamente a cantidade e potencia da auga.

Tamén este inverno, os días que houbo choiva forte, ao estar o monte con desterre e sen árbores, provocou que a choiva fixese riadas asolagando leiras e estradas.

Mantilla, ti vives en Pereiras, cando se iniciou todo este proceso do proxecto do Celta, a Comunidade de Montes de Pereiras,presuntamente controlada por persoas afíns ao Partido Popular, deulle o beneplácito para facer estas instalacións coa aprobación maioritaria dos comuneiros e comuneiras. No momento actual cal é o sentir maioritario que percibes en Pereiras, a túa parroquia?

Creo que agora mesmo é desfavorable. Xa daquela saíu o proxecto aprobado, pero por pouca diferenza de votos. Se se fai hoxe esta Asemblea, eu creo que o proxecto non sairía adiante.

Cales foron as vosas principais liñas de acción política no traballo de oposición que mantivestes estes anos?

Foron sobre todo no tema económico. Somos un concello pequeno cun orzamento anual de 10 millóns de euros e a metade xa se vai en salarios para o persoal. Hai que administrar moi ben os nosos recursos para poder sacar a adiante proxectos de interese.

Tamén facemos fincapé na necesidade de dotar ao noso Concello dun plan urbanístico. Buscar unha localización para o novo Concello e crear a partir de aí un núcleo urbano. Somos un concello moi disperso, pero creo que aínda estamos a tempo de que o Concello de Mos teña un centro e que podamos crecer a partir de aí.

Necesitamos facer humanizacións con sentido e atendendo ás necesidades da xente, tamén temos que canalizar as augas e limpar ben as cunetas cando se roza para que as riadas da choiva non vaian pola estrada…

É verdade que as empresas marchan de maneira axigantada do parque Empresarial Monte Faquiña?

Non, isto é rotundamente falso. Si que marcharon algunhas empresas por motivos diversos, pero no momento xa están novas empresas ocupando os espazos baleiros. Isto é un bulo que claramente espeta o PP en contra da Comunidade de Montes de Tameiga para tratar de desgastalos pola súa posición contraria ao proxecto de Celta.

Para o 2023 vai haber eleccións municipais. Xa tedes definido que vas ser ti a candidata Victoria?

Temos un proxecto e unha lista á que pretendemos que se lle dea continuidade, pero iso teno que decidir a militancia na nosa próxima asemblea que se fará este mes de outubro.

E se tes a aprobación da militancia, cal é a túa vontade política?

A miña vontade é seguir a pleno rendemento para poder mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas.

O que me molesta profundamente é a maneira de facer política de Partido Popular. Fan políticas de agresións persoais e descualificacións constantes nos plenos cara á oposición, no canto de defender as súas propostas.

Se obteño a confianza maioritaria dos meus compañeiros e compañeiras de partido, a miña vontade é encabezar de novo a candidatura do Partido Socialista de Mos. Estou animada, con forzas e ilusión de ser a próxima alcaldesa de Mos.

A previsión realista que temos para o 2023 é alcanzar a alcaldía?, hai posibilidades de que cambie a maioría en Mos?

Rotundamente si. No ano 2019 foron moii poucos votos os que fixeron que conservara a maioría. O que percibimos agora nas rúas é unha sensación de malestar continuo e constante contra o goberno municipal e unha crecente onda de apoios ao proxecto socialista.