O Paseo do Louro un novo despropósito do goberno de Mos

O Paseo do Louro un novo despropósito do goberno de Mos

En breve, imaxino que poucos días antes das eleccións, veremos á alcaldesa de Mos inaugurando o paseo do Louro. Esta obra faise sen ningún tipo de consenso con boa parte da veciñanza afectada e execútase pola vía da expropiación. Na devandita expropiación págaselles aos afectados a misérrima cantidade de 4€ por metro cadrado. A obra é innecesaria , xa existe un camiño á beira do Louro, carísima, supón un moi importante desembolso económico para o concello de Mos, acaba con vexetación sen motivo algún e substitúea por un escenario semi urbano e é un exemplo máis de como actúa este goberno: ordeno e mando.Nós falamos cun dos veciños afectados.

Óscar Carreira.

Cal foi o motivo das expropiacións Óscar?

Que unha serie de veciños de Louredo afectados polo trazado da senda do Louro non estaban de acordo con ceder as súas fincas .

E fixéronllo saber á alcaldesa?

Si, nunha asemblea deixáronllo meridianamente claro. E como ela tivo a oposición veciñal ao seu intento de levar as fincas pola vía de non pagar nada, pois colleu e expropiounas.

A que prezo?

4€ o metro cadrado. O máis curioso é que para a ampliación do parque da auga da Pesqueira aos propietarios mercoulles os terreos pagándolles a 12€ o metro cadrado.

Os tribunais déronlle a razón ao concello, verdade?

Si. Pero advirten que o trazado non ten as medidas de seguridade necesarias. Así o advirten as dúas sentencias dicindo que hai un risco de accidentes das persoas que sexan usuarias desa senda,.

Non recorrestes ao supremo?

Non, e unicamente non o fixemos por motivos económicos.

Como se financia esa obra?

Nun principio a idea era que o financiamento se cubrise ao 50% polo concello de Mos e pola confederación Hidrográfica. No proxecto a obra estaba valorada en 210.000€. Pero a confederación espetoulle as deficiencias de seguridade que mencionan as sentenzas e finalmente acabou por retirarlle o seu apoio económico.

E logo?

Pois o concello ten que abonar o importe íntegro da obra con fondos propios. E agora xa non era esa cantidade, senón 187.000€. O proxecto que estaba aprobado é substancialmente diferente á obra que están facendo. Os trazados son distintos e hai algúns tramos que non se constrúen.

As consecuencias na vexetación e na contorna?

O que denominaban “ podas selectivas” acabaron por converterse nunha tala masiva de árbores. En principio as expropiacións estaban para unha senda de 3 metros de ancho e parece que a realidade é que a senda está entre os 4 e 5 metros.

Cando ten previsto rematar a obra?

Imaxino que pouco antes das eleccións. A min chámame a atención que a empresa adxudicataria da obra reciba tantos encargos do Concello.

Que lonxitude ten o paseo?

Hai un primeiro tramo, xa feito, de arredor de 600 metros e outro que se está executando aínda duns 300 metros aproximadamente. Escasamente un quilómetro.

E esa senda era necesaria?.En realidade achega algo?

Na contorna na que está situada é un disparate. O Camiño xa está trazado, pegado ao río. Facer un paralelo non ten sentido e incluso o enlace non está exento de perigo. De feito hai uns meses un concelleiro estivo alí e dixo que están formulando a hipótese de facer un sentido único.