Radiografía política dos 34 concellos da área de influencia de A Nova Peneira ante as eleccións municipais do 28 M

28 M Eleccións
Tino Lago.

Neste traballo ofrecémoslle a situación aritmética actual das 34 corporacións municipais dos concellos da nosa área de influencia e un prognostico do que pensamos pode acontecer nas eleccións municipais do 28 M en cada concello, sustentado nunha breve análise razoada das circunstancias políticas deste mandato, e da nosa valoración das mesmas.

VIGO

Alcalde actual: Abel Caballero PSOE

Prognóstico 28 M : Sen cambio

Corporación actual:

PSOE- 20

PP-5

MAREA DE VIGO -2

BNG -1

Non parece que en Vigo vaia acontecer nada que resulte significativo. O alcalde aínda non semella sufrir un desgaste relevante e, malia o conflito coa veciñanza de Vigo centro, polas molestias que lles ocasiona o peculiar nadal da nosa cidade, ou coas parroquias de Bembrive e Beade , pola estrada proxectada, semella que o descenso en votos e apoios vai ser moi pequeno.

Supoño que perderá algo que recollerá o PP, pero non máis dun ou dous asentos ao sumo. Por outra parte na esquerda do PSOE todo apunta a que o BNG subirá e que a Marea de Vigo baixará. Pode inverterse a situación actual de 1( Bng)-2 ( Marea) a 2 ( Bng) 1 ( Marea), ou o que parece menos probable pero non de todo imposible é que o Bloque acade eses 3 asentos coa conseguinte desaparición da forza que novamente liderará Rubén Pérez.


Comarca de Redondela

Redondela

Alcaldesa actual Digna Rivas PSOE

Prognóstico 28 M: Sen cambio

Corporación actual:

PP- 9

PSOE- 7

AER- 3

BNG- 2

A volta de Javier Bas a liderar a candidatura popular abre unha porta á esperanza para os conservadores redondeláns , de recuperar a alcaldía, malia que a posibilidade de que iso aconteza é moi pequena, non de todo imposible pero moi pouco probable.

Digna Rivas perdería a alcaldía de Redondela se o PP logra a maioría absoluta dos votos, algo realmente difícil, nunca na historia o logrou, e nada indica que agora o vaia lograr. Na corporación actual o PP ten 9 asentos, o 9 pelado, quedou moito máis cerca do 8 que de chegar ao 10.E a maioría absoluta está en 11. Javier Bas presentouse a 3 eleccións, liderando a candidatura popular. No 2011, o seu mellor resultado, acada o 41,57% dos votos, no 2015 o 37,95% e no 2019 o 37,32%. Para lograr a maioría absoluta, a máxica cifra de 11 actas, tería que pórse en números de arredor do 46%. Non é posible. A esquerda en Redondela ten un voto moi fiel e parece inverosimil que os populares aspiren a unha suba de arredor de 9 puntos.

Agora ben, hai outra posibilidade de cambio electoral que é moi difícil pero non imposible. Vexamos cal é: Ninguén discute que os nacionalistas do BNG van obter unha moi importante suba que probablemente lles achegue aos seus máximos históricos. Esta situación pode que vaia en paralelo a unha relevante baixada de AER. Pero non creo que esta presumible baixada chegue a facelos desaparecer do concello. Pasar de 3 a 0 é moi complicado. E os representantes de AER anunciaron nas nosas páxinas que en ningún caso apoiarían a reelección de Digna Rivas. Se novamente a representación que poida obter AER, se a obtén, resulta decisiva na elección de alcalde/esa, ábrese un escenario de difícil saída onde todo sería posible, desde un novo candidato/a do PSOE ata unha alcaldía do BNG ou ata a volta de Javier Bas.

Pazos De Borbén

Alcalde Actual Andrés Iglesias PP

Prognóstico 28 M :Novo alcalde Luciano Otero Alternativa Veciñal

Corporación actual:

PP- 6

Alternativa veciñal- 3

C´s- 2

O PP tivo , por ser elegante, unha sorte inmensa en ter conservado esta alcaldía en 2019. Fíxoo por moi poucos votos, favorecido pola friki candidatura que, baixo a marca de Ciudadanos, presentaba ao ex alcalde Conde como candidato a desbancar a Andrés Iglesias e despois dunha serie de empadroamentos misteriosos que en determinados puntos do concello se produciron a última hora.

Desta volta non vai haber friki candidatura e imaxino que o asunto do censo estará máis controlado polas forzas da oposición, polo tanto non me quero imaxinar outra hipótese que non sexa a derrota, por fin, do pésimo goberno popular que ten a este concello sumido no desleixo e no atraso.

Todo apunta a unha nova maioría alternativa, presumiblemente liderada por Luciano Otero de Alternativa Veciñal acompañados pola case segura entrada dos nacionalistas do BNG liderados polo veciño do Pousiño Xurxo Pardo.

O Psoe presenta un novo candidato.Chámase Anselmo Táboas e é de Nespereira, lidera unha lista con varios independentes nas súas ringleiras que é toda unha incógnita o resultado que poida ter.

Fornelos de Montes

Alcalde actual Emiliano Lage PSOE

Prognóstico 28 M : Sen cambio

Corporación actual:

PSOE- 7

PP- 1

BNG- 1

Este concello permanecerá inamovible , o goberno do PSOE , comandado por o alcalde Emiliano Lage ten as rendas do concello collidas con puño de ferro. Só o BNG na persoa da súa única concelleira , a veciña de Traspielas Mila Casal, fai oposición pois os distintos concelleiros do PP nos últimos mandatos exercen moi dignamente o seu papel de procesión dos caladiños. E atrevémonos a prognosticar un resultado idéntico ao do 2019.

Soutomaior

Alcalde actual : Agustín Reguera PP

Prognóstico 28 M : Novo alcalde Manuel Lourenzo BNG

Corporación actual:

PP- 7

BNG- 6

Este é outro dos concellos nos que o PP tivo a axuda inestimable da deusa Fortuna. Só 43 votos lle permitiron conservar á alcaldía, pois acadou 2050 fronte os 2007 que conseguiu a lista nacionalista que encabezaba o profesor e actual deputado Manuel Lourenzo. Os 286 votos que naquel ano recibiu a lista do PSOE amosan que no concello de Soutomaior hai unha maioría social que quere cambio. E penso que desta volta esa maioría vai ser máis ampla, pois nestes catro anos a maiores o alcalde Agustín Reguera e o goberno popular non fixeron outra cousa que acumular máis desgaste. Aínda que o resultado vai estar moi axustado, case se podía dicir que un empate técnico, apostamos polo cambio e por unha nova alcaldía nacionalista neste concello da comarca de Redondela.


Comarca de O Morrazo

Marín

Alcaldesa actual: María Ramallo PP

Prognóstico 28 M: Sen cambio

Corporación actual:

PP- 15

PSOE- 5

BNG- 1

En Marín acadou o PP no 2019 unha maioría abafadora, 15 concelleiros e concelleiras de 21 posibles .É certo que a socioloxía desta vila, colonizada pola escola naval militar, é moi conservadora, pero en calquera caso o PP está sobre representado.

No 2019 houbo unha fragmentación delirante das opcións de esquerdas, pois alén do PSOE 4 candidaturas competiron polo mesmo espazo: O BNG que conseguiu 1 representante , Ser de Marín ,Marea de Marín e Podemos Marín. E entre os tres sumaron 1.530 votos que serviron para obter un total de 0 asentos no pleno da corporación marinense.

Esa situación xa non vai acontecer. Malia que haberá unha candidatura de Vox só o PP, o PSOE e o BNG optan, sendo realistas, a conseguir representación nas eleccións do 28 M. A sobre representación do PP acabouse, e asemade percíbese nas rúas de Marín un importante desgaste do actual goberno. A desastrosa política sanitaria do PP está a obter un nivel elevado de contestación social tanto en Marín como en Seixo, a perda alarmante de poboación que sofre Marín, a nula política cultural, os graves problemas para atopar aparcamento, a escasísima conexión de Marín co seu mar… están xerando un movemento de malestar cada vez maior. Presumo que o PP vai conservar a maioría absoluta pero polos pelos. Asemade parece claro que os nacionalistas van experimentar unha suba notable tanto en votos como en actas que lles pode levar a multiplicar por 5 a súa representación e colocar á veciña de Pardavila Lucía Santos en disposición realista de ser alcaldesa no 2027.

BUEU

Alcalde actual: Félix Juncal BNG

Prognóstico 28 M: Sen cambio

Corporación actual:

BNG -8

PP- 6

PSOE- 2

ACB-1

No 2019 o alcalde Félix Juncal gañou as eleccións con solvencia pero perdeu a maioría absoluta. Só un pacto de goberno con ACB, que posibilitou incluír ao seu concelleiro Julio Villanueva como vicealcalde, permitiu sumar a 9 acta e poder gobernar de maneira estable.

O alcalde Juncal amosou en distintas ocasións a súa satisfacción co resultado do devandito pacto, ata tal punto que este ano os membros de ACB se integran na lista do BNG. Así pois Laura Ogando irá no número 3 e o propio Villanueva ocupará o posto número 9 que esperan lles permita acadar unha nova maioría absoluta.

O PP está a desenvolver unha campaña de oposición moi dura, tratando de trasladar nas rúas a imaxe dun goberno relaxado e que se toma a súa responsabilidade con pouco interese. Non é real. Se calquera persoa con honestidade intelectual se tomase a molestia de coñecer os resultados destes catro anos de goberno, vería que o equipo que lidera Félix Juncal traballa moito e ben.

Cangas

Alcaldesa actual: Victoria Portas ACE

Prognóstico 28 M: Nova alcaldesa Araceli Gestido BNG

Corporación actual:

PP- 7

ACE- 3

Non adscrita- 1( Ex concelleira de ACE)

PSOE- 4

BNG- 3

AVANTE- 3

Cangas é unha vila de enorme complexidade á hora de analizar a súa socioloxía política. Porén atrevémonos a dicir que a actual alcaldesa ten 0 posibilidade de repetir no cargo. A coalición pola que se presentou, e que lle deu á alcaldía despois da morte de Xose Manuel Pazos, ACE, vai nestes comicios co seu espazo dividido en 3 opcións: Alternativa dos Veciños que liderará Victoria Portas co histórico Mariano Abalo no último posto, Podemos e Esquerda Unida. Un BNG sólido e solvente liderado por unha candidata moi capaz, Araceli Gestido, debera obter un grande resultado que lle permita liderar un goberno de esquerdas. Asemade supoño que recollerá a maior parte do voto de Avante que este ano tomou a decisión de non presentarse.

O PSOE ten tamén unha boa candidata, e non é descartable que poida superar ao Bloque e obter a alcaldía, pero véxoo difícil pois o PSOE ten pouca cancha de onde crecer, e o BNG ten campo para medrar tanto no nicho de AVANTE como no voto máis nacionalista da antiga ACE, que poidan estar desencantados co lamentable espectáculo dado após da morte do alcalde, o grande Xose Manuel Pazos.

A dereita volve confiar en Jose Enrique Sotelo para liderar a súa aposta. Vai ser sen dúbida a lista máis votada pero vexo complicado que poida obter a maioría necesaria para gobernar, difícil pero non imposible. Hai que ter en conta que a fragmentación da antiga ACE pode propiciar que un bo número de votantes de esquerdas queden sen representación e que o PP reciba un premio excesivo. O antigo rival de Sotelo, Gestido que no 2019 presentara unha lista chamada “Cangas decide” intégrase na lista do PP. Que voltas dá a vida¡. É unha mágoa que non se lembren de Nardo Faro para completar a lista, e desta maneira ter o dream team da dereita de Cangas en modo champions league.

Moaña

Alcaldesa actual: Leticia Santos BNG

Prognóstico 28 M: Sen cambios.

Corporación actual:

BNG- 7

PSOE- 3

PP- 6

Coalición independente por Moaña- 1

Nada que dicir aquí. Leticia Santos vai volver gañar e máis que probablemente a rozar ou incluso a superar a maioría absoluta e o resultado só se explica por un motivo: Unha moi boa xestión dunha alcaldesa brillante, acompañada dun equipo brillante, incluídos os seus socios do PSOE, que van facer que Leticia sexa alcaldesa do seu pobo ata que ela queira selo.

Vilaboa

Alcalde actual : César Poza PSOE

Prognóstico 28 M: Sen cambio

Corporación actual:

PSOE- 6

PP- 4

BNG- 3

Nas eleccións do 2019 César Poza non foi escollido alcalde desta localidade. Foino o seu compañeiro Francisco Costa. Este renunciou ao cargo por motivos persoais o ano seguinte, co que o actual alcalde chegou ao posto de rebote. A renuncia do alcalde anterior propiciou que o BNG rompese o pacto de goberno que mantiña cos socialistas. Esta decisión dos nacionalistas, que cambiaron de voceira despois da retirada de Ornela Fernández, non foi ben entendida pola veciñanza e prevese que Vilaboa vai ser un dos poucos concellos nos que perdan representación. O PP ten expectativas de crecemento e esperanzas de obter o goberno desta vila. De feito a presentación dos 61 candidatos e candidatas populares ás alcaldías da provincia, coa presenza, do presidente Rueda, fíxose nesta localidade. E non desboto que o consiga, porén, con reservas vou dicir que a suba que si van experimentar os populares de Vilaboa non vai ser suficiente para poder levar ao seu aspirante Alberto Acuña á alcaldía desta vila.


Comarca da Louriña

Mos

Alcaldesa actual:Nidia Arévalo PP

Prognóstico 28 M: Sen cambio

Corporación actual:

PP- 9

PSOE- 4

Gañamos- 1

BNG- 1

Non adscritos 2( 1 ex PSOE e 1 ex GañaMos)

Teño 53 anos, levo máis de 20 analizando a actualidade política do país galego. Entrevistei a ducias de alcaldes e a alcaldesas, analicei centos de episodios políticos e podo dicir, con honestidade intelectual absoluta e sen medo a equivocarme, que Nidia Arévalo é a peor alcaldesa de todas e todos os que coñecín nunca.

-O seu goberno é desastroso na xestión. A situación económica de Mos é moi mala e eles e só eles son os responsables.

-O seu goberno bipolariza á súa propia veciñanza en amigos e inimigos. O peor que pode facer calquera servidor público, que non vin facer nunca a ninguén, nin sequera a históricos alcaldes do franquismo como Costas en Covelo, e que a incapacita para dirixir nin sequera unha comunidade de veciños. Non esquezamos que esta indixente intelectual tivo a ousadía de cualificar a toda unha CM, a de Tameiga, que non lle baila as augas como non grata.

Na vida todo ten o seu final. A alcaldía de Nidia Arévalo tamén o terá. Encantaríame equivocarme pero non creo que sexa desta volta. Penso que polos pelos conservará a maioría absoluta. E cando por fin remate este pesadelo que sofre a veciñanza de Mos, cando os que teñen medo perdan o medo e poidan falar con liberdade, agardo que todos os que participaron neste goberno de disparate, ben sexa colaborando, ben sexa mirando para outro lado, ben sexa montando friki candidaturas que quitarán 150/200 votos que no van facer outra cousa que favorecer a conservación da maioría do PP, queden retratados ante a historia.

Salceda de Caselas

Alcaldesa actual: Verónica Tourón PSOE

Prognóstico 28 M: Alcaldía compartida Verónica Tourón( PSOE)/ Loli Castiñeira( MS)

Corporación actual:

Movemento Salceda- 4

PSOE- 3

PP- 6

En Salceda o resultado do 2019 fixo que o histórico Marcos Besada perdera despois de moitos anos a maioría necesaria para gobernar, e se vira obrigado a dar un paso atrás renunciando á alcaldía. O PP foi a lista máis votada e só un pacto de MS e o PSOE podería evitar o goberno do PP. E non foi fácil, practicamente se concretou nos últimos minutos. A condición resultante de tal pacto foi que a alcaldía debera ser compartida entre as dúas mulleres que lideraban as listas de MS e do PSOE. Loli Castiñeira foi a alcaldesa os dous primeiros anos e a socialista Verónica Tourón ocupou o cargo os dous últimos do mandato. Na eleccións de maio o candidato popular Santiago Rodríguez repetirá ao fronte da lista da dereita salcedense. E se non me falla a memoria xa será a 4º ocasión que o intente. Fracasou nas tres primeiras e todo apunta que volverá fracasar na 4º. O PP repite candidato por puro descarte, creo eu, porque non encontrou a ninguén mellor.

Semella que o PSOE e MS terán que volver a entenderse, non desboto que entre o BNG na corporación, aínda que o vexo moi difícil. E claro, despois da alcaldía compartida deste mandato, a que quede por encima das dúas mulleres candidatas con opcións como lle di á outra que quere a alcaldía para ela soa? Non o vexo posible, e si vexo moi probable unha repetición da fórmula actual pois nin MS nin o PSOE teñen opción de acadar a maioría absoluta.

O Porriño

Alcalde actual: Alejandro Lorenzo PP

Prognóstico 28 M:Sen cambio

Corporación actual:

PP- 8

PSOE- 3

EU-Son- 2

BNG- 2

UDDL- 1

Non adscritos-1

Na comarca da Louriña este parece ser o caso no que o prognóstico sobre o que vai acontecer no mes de maio ao respecto de quen vai ser o futuro alcalde alcaldesa está máis claro: O popular Alejandro Lorenzo, vai, presumiblemente, a acadar a maioría absoluta.

O Porriño sobe este ano de 17 a 21 concelleiras/os ao superar os 20.000 habitantes pero non creo que iso supoña ningunha variable significativa na distribución de actas. O PSOE desta vila ten pinta de estar condenado a sufrir unha longa travesía no deserto. Manuel Carrera non se vai volver presentar co que o panorama da dereita aclárase moito: todo o voto para o PP. O BNG axudado por un contexto favorable en todo o país, por un moi bo traballo dos seus representantes no Concello e pola enorme calidade política do seu candidato Pedro Pereira, vai experimentar unha suba significativa e EU encabezada pola valente, traballadora e comprometida Patricia Sío, malia que o contexto non é favorable para eles, merece aguantar e agardo que aguante.

Por desgraza esta vila da Louriña terá que sufrir como en Mos ou Salvaterra outra friki candidatura presuntamente de esquerdas que non vai facer outra cousa que facilitar o triunfo da dereita.


Comarca do Baixo Miño

O Rosal.

Alcaldesa actual: Ánxela Fernández BNG

Prognóstico 28 M: Sen cambios

Corporación actual:

BNG- 7

PP- 5

PSOE- 1

O BNG non debera ter ningún problema para conservar esta alcaldía, incluso mellorando os resultados que lle deron a histórica maioría absoluta no ano 2019.O proxecto de reforma substancial do seu concello, cuxa xoia da coroa é a remodelación da praza do Calvario, unido á política de universalizar a cultura e a súa accesibilidade e sensibilidade vai facer, creo eu, que Ánxela Fernández obteña un apoio maioritario nas vindeiras eleccións municipais. Asemade neste concello a oposición neste mandato nin estivo, nin está nin se lle espera.

Oia.

Alcaldesa actual: Cristina Correa PP

Prognóstico: Sen cambios

Corporación actual:

PP- 6

PSOE- 4

BNG- 1

A popular Cristina Correa vai conservar esta alcaldía case con certeza. E non é que non tivera conflitos nin polémicas nestes catro anos: A situación da sanidade, os intentos do seu partido de chantar inmensos parques eólicos na serra da Groba… Porén os moitos anos nos que o PP creou neste concello estruturas clientelares, previas a Cristina Correa, dificultan en gran medida a creación de alternativas sólidas. Presúmese unha importante suba do nacionalismo despois do grande traballo do seu concelleiro Xosé Antón Rodríguez “Xuster”.

Tomiño

Alcaldesa actual: Sandra González BNG

Prognóstico 28 M: Sen cambios

Corporación actual:

BNG- 11

PP-4

PSOE- 2

Pouco despois de que Ana Pontón accedera , no ano 2016, á súa actual responsabilidade no BNG, concedía unha entrevista a este medio de comunicación na que manifestaba que Sandra González, alcaldesa de Tomiño, era unha das súas referentes políticas. E esa forma de entender a realidade é compartida pola inmensa maioría sa sociedade tomiñesa. Sandra é unha política brillante, con ela e co BNG Tomiño é inmensamente mellor do que era antes, e vai seguir sendo a alcaldesa de Tomiño mentres ela queira.

Tui

Alcalde actual: Enrique Cabaleiro PSOE

Prognóstico 28 M: Sen cambio

Corporación actual:

PSOE- 8

PP- 3

BNG- 2

C´s- 2

Converxencia 21- 1

En Marea- 1

Tui é unha cidade cunha complexísima aritmética municipal malia que xa se vai aclarando un pouco a cousa porque se a composición da corporación do 2019 resulta complicada, a do 2015 era un auténtico xeroglífico para expertos en exiptoloxía. Lembremos que naquel mandato chegou a haber ata 8 organizacións políticas con representación municipal nun concello que só ten 17 actas. O resultado de Tui non é tan fácil de prognosticar como os 3 anteriores. Presúmese un desgaste de certa relevancia do grupo de goberno, unha suba igualmente relevante do PP que imaxino recollerá como mínimo os dous concelleiros que están baixo as siglas do defunto C,S. E unha suba tamén do BNG liderado pola médica Carme Núñez que imaxino levará a acta de En Marea, Lano Alonso xa non se vai presentar, e pode ser que lle quite algo ao PSdeG pola súa esquerda. En calquera caso imos apostar porque Enrique Cabaleiro vai conservar a alcaldía. Si, o bloque da dereita vai subir e o da esquerda, lastrado polo máis que presumible descenso do PSdeG, vai baixar. Pero non cremos que lle dea á dereita tudense para sumar 9 asentos e converter a Nico Montes, o novo candidato popular, en alcalde de Tui.

A Guarda

Alcalde actual: Antonio Lomba PSOE

Prognóstico 28 M: Novo alcalde Anxo Baz BNG

Corporación actual:

PSOE- 5

BNG- 5

PP- 6

CG- 1

A Guarda é outra vila na que, como Tui, non resulta doado prognosticar quen vai ocupar a alcaldía despois dos comicios de maio. A dificultade está, ao meu xuízo, en dilucidar quen vai ter máis votos entre as dúas forzas que constituíron o bipartito inicial do 2019, que como é sabido non resultou e acabou por romper, o PSdeG ou o BNG? Naquel momento só 84 votos separaron a ambas forzas, que foi os que fixeron que o socialista Antonio Lomba puidese conservar a alcaldía. É probable que o PP sexa o partido máis votado na localidade pero parece case imposible que poida acadar unha maioría suficiente para gobernar. O perfil do seu candidato, Roberto Carrero, dá para o que dá, para obter os votos dos segmentos da dereita tradicional. Pero carece de capacidade política para penetrar en ningún outro segmento de poboación.

E, malia que non resulta fácil, como nos casos anteriores ímonos mollar para dicir que o desgaste inequívoco que sofre o PSdeG en xeral e Antonio Lomba en particular parece entrever que van ser superados desta volta polo BNG e o nacionalista Anxo Baz semella que se converterá no vindeiro alcalde da localidade.


Comarca do Val Miñor

Nigrán

Alcalde actual: Juan González PSOE

Prognóstico 28 M: Sen cambio

Corporación actual:

PSOE- 13

PP- 4

No ano 2019 o partido socialista rompeu todos os rexistros de voto en Nigrán pois acadou o máis do 62% dos sufraxios quedando moi cerca do demencial 67% do seu compañeiro Abel Caballero o alcalde de Vigo. Aínda que os perfiles de ambos son moi diferentes. Juan é un bo alcalde e é un tipo sensato, razoable e sobre todo moi amable.

Nas eleccións de maio non é posible que aconteza ningún tipo de cambio, o PSOE vai conservar a súa maioría absoluta con comodidade e a única novidade salientable vai ser a máis que probable recuperación da representación municipal dos nacionalistas galegos do BNG liderados por Xavier Rodríguez, un moi bo candidato. A antiga Nigrán decide preséntase dividida en dúas partes EU, que novamente liderará Cuevas, tamén un bo candidato, e Podemos. Eses que dan leccións de unidade popular pero que nin sequera son capaces de chegar a un acordo entre eles. A candidatura de EU ten unha mínima posibilidade de entrar se consegue captar algo de voto descontento do PSOE, e a outra como a de Mos, Salvaterra, ou a de Máis País do Porriño non ten oportunidade algunha.

Baiona

Alcalde actual: Carlos Gómez PSOE

Prognóstico 28M: Novo alcalde Jesús Vázquez Almuiña PP

Corporación actual:

PSOE- 6

Nós Baiona- 2

BNG- 2

PP- 6

C´s- 1

Baiona é unha vila socioloxicamente conservadora, a Baiona mariñeira e proletaria é numericamente inferior á Baiona burguesa, en gran medida derivada de persoas doutras localidades, pero dese estrato social, que fixeron casa nesa localidade e que alí votan. Hai catro anos o PP perdeu a maioría absoluta, ao meu xuízo, polo asunto do campo de Golf de Baredo. A tolemia popular de querer chantar un campo de golf para os señoritos ergueu a toda esa parroquia en pé contra o abuso flagrante, e fíxolles perder unha grande cantidade de votos.

Por desgraza o goberno tripartito apenas puido tirar rendibilidade destes anos de goberno, lastrados pola pandemia e por outros conflitos. E o asunto das multas que supostamente o alcalde se quitou a si mesmo déixano nunha situación complicada para poder repetir. Ollo, non é imposible, pero si difícil. O PP trae de novo a Almuiña como salvador pero realmente eu pregúntome: que lle ven a ese home para ter a sona que ten?, que fixo de salientable cando foi alcalde para merecer repetir?

Gondomar

Alcalde actual: Paco Ferreira PSOE

Prognóstico 28 M: Sen cambio

Corporación actual:

PSOE- 9

PP- 4

Manifesto Miñor- 2

BNG- 1

C´s- 1

En Gondomar ninguén discute que Paco Ferreira volverá gañar as eleccións con comodidade. Xa non está tan claro que poida conservar a maioría absoluta, certo malestar nalgunhas parroquias que se senten non tan ben tratadas como outras, e nalgunhas rúas do casco urbano que non ven o asunto das peonalizacións, poden facela perigar, aínda que eu me inclino por pensar que a vai conservar. En calquera caso está por ver como lle sae ao alcalde a xogada de incorporar a Manolo Gómez á súa candidatura, un home con ese percorrido tan pouco fiable: PSOE-IXG-C,S-PSOE non teño claro se lle vai sumar ou restar. A oposición firme e decidida da nacionalista Manuela Rodríguez semella que vai ser premiada cunha suba importante de apoios e actas. Agora teñen unha e non desboto que multipliquen por 3, e que por outra parte se produza un importante descenso de MM de Antonio Arauxo.


Comarca das Terras de Pontevedra

Ponte Caldelas

Alcalde actual: Andrés Díaz PSOE

Prognóstico 28 M: Sen cambio

Corporación actual:

PSOE- 8

PP- 3

BNG- 2

Andrés Díaz manterá a súa maioría absoluta con certeza, e máis que probablemente ampliará os seus 8 edís actuais nun máis que perderá o PP. Sobre o seu candidato, traballador do concello veciño de A Lama, están saíndo unha serie de denuncias referentes ao suposto intento de crear un posto ad hoc na biblioteca municipal para a súa persoa que o convertería en funcionario do concello de A Lama. E a veciñanza de Ponte Caldelas xa está cansa de ese modus operandi que padeceu o seu concello tantos anos en mans dinásticas populares.

Cerdedo-Cotobade

Alcalde actual Jorge Cubela PP

Prognóstico 28 M: Sen cambio

Corporación actual:

PP- 9

PSOE- 3

BNG- 1

Imposible mudar nada aquí de momento. O 65% de votos que obtivo o PP no 2019 converten a esta praza en inaccesible de momento. Presumo que veremos que cando se acaben os fondos extra que reciben da Xunta pola fusión dos antigos concellos de Cerdedo e de Cotobade as cousas comezarán a mudar aos poucos. En calquera caso apuntamos a unha suba notable do nacionalismo cuxa candidatura encabeza o veciño de Viascón Ernesto Filgueira.


Comarca Terra de Montes

Forcarei

Alcaldesa actual: Verónica Pichel PSOE

Prognóstico 28 M: Sen Cambio

Corporación actual:

PSOE- 5

PP- 5

BNG- 1

A perda desta alcaldía supuxo un golpe moi duro e inesperado para os populares. A alcaldesa naquel momento, a popular Belén Cachafeiro, cedía o seu asento á socialista Verónica Pichel. A súa chegada supuxo un sopro de esperanza para un concello demasiado tempo en mans populares. A valoración destes catro anos foi porén algo decepcionante. Xa comezou mal non sendo capaz de integrar ao concelleiro do BNG no goberno. O resultado das eleccións foi :5 (PP) 5 (PSOE) 1 (BNG). O PP gañounas con 150 votos de avantaxe e Verónica foi alcaldesa grazas ao voto favorable do BNG na investidura, porén a súa actitude ás veces parecía máis propia dunha alcaldesa cunha maioría absoluta que a de quen ten a súa maioría collida con pinzas como ela. O candidato do BNG, Roberto Jorge Correa, é un home enormemente solvente que lidera unha lista de grande calidade política que ten toda a pinta de mellorar os resultados da do 2019. Se isto se confirma serán eles novamente os que decidan quen vai ser a próxima alcaldesa de Forcarei, pois non parece que ningunhas da dúas candidatas con opcións, Belén do PP e Verónica do PSOE teñan posibilidades de acadala. Faría ben a actual alcaldesa en mudar substancialmente a súa actitude no mandato que comezará o 29-M e construír un goberno que desenvolva políticas adecuadas que permitan evitar que a dereita recupere o control desta localidade, e que ela poida obter o apoio do BNG que desde logo non vai ser de balde.

A Lama

Alcalde actual : Jorge Canda PP

Prognóstico 28 M: Novo alcalde David Carrera PP

Corporación actual:

PP- 7

PSOE- 2

C´s- 1

BNG- 1

Este ano o eterno Jorge Canda tomou a decisión, motivado supostamente por un problema de saúde, de non encabezar a candidatura dos Populares na Lama. E será David Carrera quen o faga. Os populares parten dunha maioría moi sólida : 7 actas( 862 votos) + 1 acta( 155 votos) do extinto C,S cuxo concelleiro pasa a integrar as ringleiras populares, fronte aos 356 votos do PSOE e os 133 do BNG. Non parece fácil que cambie nada pero non é imposible pois danse dúas circunstancias que non se deron ata agora:

-O candidato popular non ten nin de lonxe o carisma de Jorge Canda

– Este ano preséntase unha candidatura independente ,UCIN, liderada polo veciño de Fontecova Carlos Rivero, que ten un asombroso nivel de penetración e popularidade na sociedade de A Lama. Numerosos veciños e veciñas manifestáronme a súa intención de votalo e as súas gañas de cambio político no pobo.

Vai ser moi difícil, pero é posible. Inclinámonos a pensar que o PP conservará esta alcaldía con dificultade, pero sen desbotar en absoluto que Carlos Riveiro poida dar a sorpresa.


Comarca do Condado Paradanta

A Cañiza

Alcalde actual : Luís Piña PSOE

Prognóstico 28 M: Novo alcalde Miguel Domínguez PP

Corporación actual:

PSOE- 6

PP- 6

C´s- 1

Esta alcaldía histórica dos populares pasou nas pasadas eleccións a mans socialistas pero non parece que a vaian poder conservar. Nestas eleccións acontecen dous fenómenos que nos levan a pensar que Miguel Domínguez ex alcalde e candidato popular recuperará a alcaldía:

– A alcaldía de Piña foi posible grazas ao voto do concelleiro de C´S pois a realidade é que o PP quitou 96 votos máis que o PSOE. Ciudadanos desaparece e os case 250 votos que acadou no 2019, que lle deron unha acta, parecen máis próximos ao espazo ideolóxico do PP que ao do PSOE.

-Este ano o BNG foi quen de presentar unha candidatura nesta localidade. E todo apunta a que vai obter representación. Na autonómicas, sen facer nada pois na Cañiza carecen, ata agora, de agrupación local, obtiveron o 13% dos votos. E supostamente os 250/300 votos que poidan obter os nacionalistas serán votos que no 2019, polo menos parte deles, se decantaron pola opción socialista, co que parece terriblemente difícil que o PSOE poida manter esta alcaldía.

Covelo

Alcalde actual Pablo Castillo PP

Prognóstico 28 M: Sen cambio

Corporación actual:

PP- 8

BNG- 2

PSOE- 1

Nada que discutir en Covelo, Pablo Castillo manterá a súa maioría absoluta sen o máis mínimo problema. Castillo naceu para isto, é un político que engancha moi ben con as maiorías sociais, aínda que a súa praxe política deixa moito que desexar.

A extraordinaria candidatura do BNG liderada polas dúas concelleiras actuais está en situación de experimentar un crecemento notable, que agardo lles sitúe en disposición de aspirar de maneira realista á alcaldía nas eleccións do 2027.

As Neves

Alcalde actual: Xosé Manuel Rodríguez BNG

Prognóstico 28 M: Sen cambio

Corporación actual:

BNG- 4

PP- 4

PSOE- 3

O fermoso pobo de As Neves é un exemplo notorio de como adoita ser a evolución dos gobernos BNG. É terriblemente difícil entrar, sempre ou case sempre faise pactando con outras forzas políticas, e normalmente unha xestión decente, pensando só no ben común, dálles unhas cómodas maiorías absolutas. Así pasará tamén nas Neves. A brillante xestión do equipo que lidera o Xosé de Tortoreos, destacamos o moi ambicioso programa Vive Nas Neves, máis que probablemente lle dea a maioría absoluta.

O actual socio de goberno, Marcelino Couto do PSOE, merece tamén obter un bo resultado pola súa seriedade, lealdade e rigor no goberno.

Por certo, estaría moi ben que puideramos saber quen ou como se financian as campañas electorais de listas que máis ben parecen motivadas por explicacións de tipo psicolóxico, que por razóns políticas.

Mondariz Balneario

Alcalde actual: Jose Antonio Lorenzo PP

Prognóstico 28 M: Novo alcalde César Gil BNG

Corporación actual:

PP- 4

BNG- 3

A maioría da veciñanza deste concello quere cambio. A maioría deste concello quere que César Gil sexa o seu alcalde. E así o quixo tamén no 2019. Só a presenza de ducias de persoas que están censadas alí, pero non viven no concello e que misteriosamente, seguramente motivados por unha estraña conxunción astral que lles fixo confluír a todos no pobo o día das votacións, se achegaron ese día a votar, impediu por tan só 3 votos o cambio tan necesario dun goberno de inacción e desleixo que só se limita a deixar pasar o tempo.

Porén este ano a situación é diferente á do 2019. Naquela convocatoria electoral só se presentaron dúas alternativas e desta volta serán 4: A do PP, que cambia de candidato pois o actual alcalde xubílase, e presenta a unha muller que nunca, pero nunca xamais, participou en nada na vida pública da vila, a do BNG formada por persoas da Vila que viven e participan do seu pobo, e a de dúas candidaturas paracaidistas que, como os cogomelos en outono, soen aparecer nos distintos procesos electorais. Non fixeron nada nos catro anos anteriores e agora achéganse como salvadores. Unha delas liderada por unha persoa claramente situada en posicións de dereitas pode facer algo de dano ao PP, e a outra liderada por un home connotado co PSOE que vive en Mallorca, pode facer o propio coa do BNG. En calquera caso penso que desta volta, despois de catro anos máis de inacción e desleixo, César Gil obterá a confianza maioritaria e será o novo alcalde.

Salvaterra de Miño

Alcaldesa actual: Marta Valcárcel PP

Prognóstico 28M: Sen cambio.

Corporación actual:

PP- 7

PSOE- 4

BNG- 2

No ano 2019 Arturo Grandal, o sempiterno alcalde de Salvaterra, xubilábase e naquel momento había unhas enormes perspectivas de cambio. Todo apuntaba á construción dun goberno alternativo entre o PSOE e o BNG liderado pola socialista Rocío Bernárdez, pero non foi así. As esperanzas resultaron frustradas e o PP non só non perdeu a maioría senón que subiu arredor de 500 votos.

A maquinaria do PPdeG é poderosísima a ás veces a oposición non a ten en conta a súa dimensión enorme que lles permite traballar o voto case casa por casa e familia por familia.

Este ano as expectativas de cambio parecen menores. Hai unha serie de novidades significativas: -Salvaterra sobe de 13 a 17 actas -O Bng estrea candidata na persoa da brillante avogada Patricia Mariño -O PSOE muda de candidato, Rocío abandona o 1º posto da lista e é substituída polo veciño de Oleiros Félix González, un home con moi boa aceptación na súa parroquia -Unha friki candidatura de Podemos, sen a menor conexión coa realidade social do pobo e con 0 traballo político ás súas costas, vai dificultar calquera esperanza de cambio. E malia que a suba de concelleiros abre un escenario diferente e de difícil prognóstico, pensamos que a potente estrutura do PP local vailles permitir conservar a súa maioría. Aínda que haberá que ter en conta o que fai, se fai algo, Arturo Grandal na campaña pois a súa capacidade de influencia é moi grande.

Crecente

Alcalde actual: Julio César García PP

Prognóstico 28 M: Sen cambio

Corporación actual:

PP- 8

PSOE- 2

BNG- 1

Esta é unha praza dificilísima para a esquerda política. O PP leva toda a vida gobernando Crecente, de feito o actual alcalde é fillo do alcalde anterior quen, como os antigos señores feudais, pasoulle o goberno do concello ao seu fillo. As potentísimas estruturas clientelares do PP teñen un doutorado cun laude nivel premium no concello de Crecente. Cómpre traballar desde a base para tratar de crear alicerces sólidos que permitan a medio prazo confrontar con posibilidades de éxito.

Mondariz

Alcalde actual: Xose Emilio Barros BNG

Prognóstico 28 M

Corporación actual:

AporM- 4

BNG- 3

PP- 2

PSOE- 1

C´s- 1

No caso de Mondariz non nos atrevamos a prognosticar resultado, pois é o máis complicado de todos. Xa é de sobra coñecida a forma en que o BNG accedeu ao goberno de Mondariz, e as razóns que explican a existencia de dúas forzas políticas cun corpus ideolóxico semellante. AporM é unha das escasas consecuencias da ruptura do nacionalismo en Amio que aínda permanecen vivas, e as relacións co BNG local están nun nivel de tensión tan elevada que non parece posible agardar ningún tipo de reconciliación.

Supomos que o BNG vai subir o 28 M, a alcaldía adoita dar un plus electoral se se fai ben, e Xosé Emilio Barros fíxoo moi ben. Pero subirá o necesario para poder sumar 6 co PSOE? É difícil, pero non imposible.

Parece máis probable que a cifra máxica de 6 actas resulte da suma do que poida obter AporM + PP. E desta volta o PP cun candidato novo, non vai facer o que fixo Ana Corredoira no 2019. O que parece máis probable é que faga o contrario e o vindeiro goberno de Mondariz resulte dun pacto do PP con Calis. É seguro que puidera haber tal pacto? Non, pero si probable.

ARBO

Alcalde actual Horacio Gil PP

Prognóstico 28 M: Novo alcalde Baltasar Vallejo AGRELAR

Corporación actual:

PP- 6

AGRELAR- 5

Outro concello que sería claramente nacionalista pero que por desgrazas aínda sofre as consecuencias de Amio, e en consecuencia dálle a alcaldía a un alcalde do PP bastante limitado politicamente. No ano 2015 o PP gañou a alcaldía de ARBO a AGRELAR do ex BNG Xavier Simón, un brillante profesor, que está a unha distancia intelectual sideral do alcalde Horacio Gil, por 38 votos. O BNG quitou 54 votos. No 2019 cos mesmos protagonistas encabezando ambas listas o PP gañou por 66 votos. O BNG quitou 66 votos, si, non é unha broma 66 votos. Desta volta Xavier Simón non encabezará a candidatura de AGRELAR, faino Baltasar Vallejo que xa era concelleiro neste mandato. Simón vai no número 6 na lista da agrupación de electores de Arbo, imaxino que intentan acadar desta forma a vitoria, que lle daría a 6º acta, que se lles escapou polos pelos nas dúas últimas eleccións.

Por outra parte o ex alcalde Manuel Rivera, de case 80 anos de idade, que foi rexedor de Arbo durante 16 anos representando ao PP, e como é tradición neste partido con episodios polémicos varios, anunciou que lideraría unha lista independente. Está por ver o que lle pode restar ao PP ao igual que o que lle pode quitar a lista do BNG a Agrelar. En calquera caso parece que como no 15 e como no 19 a vitoria decidirase por moi poucos votos. Nós ímonos mollar pois vemos con máis posibilidades de danar ao PP pola dereita á lista de Rivera, que á do BNG de facerlle dano á de AGRELAR.

Ponteareas

Alcaldesa actual: Cristina Fernández BNG

Prognóstico 28 M: Sen cambio.

Corporación actual:

BNG- 9

PP- 5

ACIP- 4

PSOE- 3

A candidata do PP, Nava Castro, non é ningunha novidade para Ponteareas. Ela é a filla de Pepe Castro a quen os ponteareáns padeceron moitos anos exercendo de monarca local. E ela xa foi alcaldesa de Ponteareas entre o 2000 e o 2003, e non fixo nada diferente á tónica xeral dos distintos gobernos da dereita que padeceu Ponteareas: Un desastre. O Goberno do Bng co defunto Pepe Represas primeiro, e coa combativa Cristina Fernández agora emprendeu unha transformación radical de Ponteareas, que está no camiño avanzado de converterse nunha vila para as persoas: xusta, humana e accesible.

Nava Castro non foi a primeira opción de candidata para os populares. Pedíronllo a varias persoas antes, que rexeitaron o ofrecemento. Nava é a candidata por descarte, non pode achegar nada novo para mellorar Ponteareas e o BNG debe de consolidar o goberno desta vila. Meréceo e vaino facer.

Primer comentario

Deixa a túa opinión