Queremos ser unha autonomía do estado español?

Artigo de opinión A Nova Peneira

O anuncio da disolución de Causa Galiza fíxome reflexionar sobre o espazo independentista galego. Volvín ler un escrito elaborado polo Colectivo Nacionalista de Marín en Agosto do 2013 baixo o título “Soberanía Nacional, achegas ao debate” que analizaba a situación política do momento.

(https://colectivonacionalista.wordpress.com/2013/08/16/soberania-nacional-achegas-ao-debate/)

Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Sergas

Daquela o estado español comezaba a ampliar o abano e a oferta do mercado partidario coa promoción da extinta UPyD, e facendo de IU a alternativa de “esquerdas”. Os fachas modernos e os rebeldes moderados para manter atrapado un electorado que escapaba do PP e do PSOE.

Fracasados eses experimentos e liquidada UPyD, apareceron novos actores como Ciudadanos, Vox ou Podemos, desapareceron AGE e as Mareas, Catalunya estivo a piques de ser independente.

En 2023 Ciudadanos e Podemos está en vías de extinción e o sistema xa elaborou un novo produto electoral: Sumar. O independentismo catalán non resistiu o embate do estado español e camiña por diversos sendeiros.

Na Galiza do 2013 parecía que a reivindicación da nosa independencia, e a ruptura con España, gañaba adeptos dentro do soberanismo. A constitución de Anova e a coalición electoral AGE cambiaran o panorama político da Galiza e provocaran o reposicionamento dun BNG ao bordo do precipicio.

Porén, como aconteceu no estado español, algúns foron desaparecendo e outros ocuparon o seu lugar electoral e moderando o seu discurso para adaptarse, unha vez máis, ao posibilismo electoral. Como se as institucións autonómicas fosen a panacea para solucionar os graves problemas de dependencia que ten o noso país e a Xunta fose a terra prometida.

Até hoxe Galiza non mellorou en nada a súa situación.

Dicíase no 2013 que “a dominación española en Galiza, máis clara e contundente desde a entrada na CEE, supón unha longa condena a cadea perpetua, unha espoliación dos nosos recursos naturais, do noso pobo como man de obra barata, e un intento de eliminación física da nosa cultura e da nosa lingua para facernos desaparecer como nación e integrarnos nunha España de señoritos latifundistas e toreros, de procesións e militares, de curas e empresarios e políticos corruptos e sen escrúpulos.”

No 2023 pouco ou nada cambiou. Hoxe Galiza continúa sendo un enorme latifundio de eucaliptos e unha produtora barata de enerxía para beneficio do capital e da capital. O noso territorio vai camiño, unha vez mais, de ser transformado para converter os nosos montes e a nosa costa nun enorme parque eólico, facendo imposíbel a vida no rural e a actividade pesqueira. Empresas foráneas comezan a mercar terras para producir, mais ben fabricar, escapando da seca do sur da península.

A suicida política enerxética imposta pola Unión Europea que pretende vendernos un futuro “verde”, leva aparellada a nosa transformación nunha enorme central eléctrica ao servizo de intereses alleos.

Temos moitos problemas e pouca capacidade para solucionalos dentro da estrutura institucional do estado español. As grandes decisións políticas e económicas tómanse noutro nivel, noutra liga da que non participamos, na Unión Europa, na Otan, no FMI, no Banco Mundial, etc. E despois os intermediarios, o goberno español e o goberno da Xunta, fan que se cumpran.

Que capacidade tería un goberno autonómico para reverter a ameaza eólica? Que podería facer para impedir os recortes no sector pesqueiro? Como faría que as empresas pagaran impostos na Galiza? Como vai parar os recortes nos servizos públicos se veñen impostos desde Bruxelas?

Necesitamos traballar para mellorar a situación social e económica do pobo galego, necesitamos reverter a situación do idioma, necesitamos blindar os nosos servizos públicos. Precisamos con urxencia romper as cadeas que nós atan a España, a UE e a Otan.

Para isto necesitamos instrumentos novos que falen claro e sem disimulos, un programa político de superación do marco autonómico e apostar pola soberanía nacional, que só pode vir coa nosa independencia e por un modelo socialista. Iso ou quedarnos para sempre nunha autonomía máis do estado español.

Marín, 4 de Maio de 2023.

Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago