

No ano 2015, tras a constitución da nova Deputación de Pontevedra após o escuro período Louzán, o vicepresidente Mosquera puxo en marcha o Plan Revitaliza para axudar aos concellos a xestionar os seus biorresiduos mediante o fomento da compostaxe local.
Este plan perseguía colaborar coas entidades locais para tratar de acadar o difícil obxectivo, imposto pola normativa comunitaria, de conseguir que no ano 2020 se reutilizasen o 50% dos residuos municipais. Superada a data, dentro da provincia de Pontevedra só algúns concellos adheridos ao plan achegáronse ás esixencias da Unión Europea.
Numerosos gobernos locais como os de Baiona e Gondomar sumáronse a esta iniciativa, á que posteriormente fóronse incorporando outros ata chegar na actualidade a estar adheridos ao Plan Revitaliza 47 dos 62 municipios da provincia. Nigrán é un dos 15 e o único do Val Miñor que non o está. Ao igual que Vigo, por suposto, do que tantas veces fai seguidismo.
Os sistemas de xestión do lixo municipal ten que basearse na separación en orixe e na recollida selectiva de todas as fraccións do lixo, incluída a orgánica, e deben acompañarse de medidas fiscais que contemplen o volume de residuos xerado como unha variable a considerar. Así, a taxa de actividades económicas debera configurarse non só atendendo ao criterio de capacidade económica senón tamén á cantidade de residuos que envorque ao sistema de recollida municipal.
Por outra banda, para que os sistemas de recollida selectiva sexan un éxito, hai que facilitarlle á veciñanza a súa aplicación, de aí a importancia dun plan como o Revitaliza que fornece o equipamento necesario para levar a cabo a separación da fracción orgánica, así como a instalación suficiente de colectores de outros residuos especialmente nocivos como os aceites.
Porén, o goberno municipal de Nigrán non ten avantado practicamente nada neste ámbito. Para tapar o seu erro de non terse sumado á iniciativa provincial e a súa teimosía en non adherirse posteriormente, xustifícano con cativos convenios con algunha institución como Ecoembes que proveu duns cantos composteiros individuais que en nada ten que ver cun sistema completo como o revitaliza con composteiros individuais e colectivos e persoal capacitado para a súa xestión.
Neste sentido podemos citar a modo de exemplo como o veciño concello de Gondomar conta con dous Centros de Compostaxe Comunitario e repartiu a través da súa concesionaria de limpeza 183 composteiros individuais e outros 88 a través da Deputación de Pontevedra, para un total de 271 composteiros individuais instalados entre a súa poboación. Resaltar ademais que parte dos restos das podas, un residuo notábel na nosa comarca pola gran cantidade de vivenda residencial existente, empréganse como estruturante nos centros de compostaxe comunitario.
En definitiva, xa instalados no 2021, estamos moi lonxe de cumprir coa normativa europea e, como ocorreu coa depuración de augas residuais, temo que só empezaremos a actuar dilixentemente cando empecen a vir sancións. A única maneira de acadar os obxectivos que marca a lexislación, non xa europea, senón tamén a estatal e galega é separar todas as fraccións dos residuos en orixe. Non hai outra.