A crise sanitaria inda é grave. Día tras día as cifras de mortos dobran e triplican as do tren que envorcou en Santiago vai para sete anos. Pero os hospitais volven ao seu ritmo de traballo anterior e daquela as urxencias vanse trasladando cara a crise económica. Os expertos auguran maiores perdas que na crise financeira do 2008. Polo tanto, nos próximos meses volveremos escoitar moitas palestras e faladoiros sobre economía.
Dous temas teñen captado a miña atención. Un a escala europea, o outro na española. A nova presidenta da Comisión Europea no discurso de apertura do Parlamento europeo proclamou “non deixaremos a ninguén atrás”. Angela Merkel, obxecto de unánime encomio pola súa dirección ao fronte da pandemia en Alemaña, na reunión do 23 de abril dos líderes da UE, na que se discutiu como evitar que a crise do virus derivara nunha nova crise de débeda como foi a anterior, deixou clara cal era a posición dos que agora chaman catro “frugais”, Finlandia, Austria, Países Baixos e Alemaña: nada de transferencias aos países do sur. Quen necesite cartos que os compre e que pague relixiosamente o seu prezo, claro.
No territorio do Reino de España o tema é a saída inmediata do Estado en axuda dos traballadores e das empresas que se viron forzadas a quedar na casa ou baixar a persiana. A medida recibiu mesmo o apoio de quen hai oito anos apuntárase as medidas de austeridade. Son dúas crises distintas din. Esta está causada por un fenómeno externo a economía que detivo a actividade económica. Ademais esas medidas son temporais. Durarán o tempo en que empresas e traballadores reinicien as súas actividades. Pero, a maiores desa medida, é intención do goberno instituír unha axuda permanente con certas condicións ás familias. Unha variante de renda básica que, pola contra, ten suscitado a contrariedade da oposición. Son moi significativas as declaracións contrarias da Igrexa.
Os dous temas, na miña opinión, teñen un fondo común. Os países do norte non están dispostos a financiar aos do sur do mesmo xeito que en España, como en outros países europeos, os “ricos” non están dispostos a financiar aos “pobres”. O que aquí interesa é que en ambos os dous casos os argumentos que pesan máis en contra da transferencia de fondos dos países ricos aos pobres, ou das clases, hoxe máis ben, do un por cento máis rico, á maioría pobre, non son estritamente económicos, que tamén, senón, repárese na presenza da Igrexa, morais ou de principios.
Os defensores da renda básica sosteñen a súa pretensión na idea de liberdade real. Para eles ser libre é non depender de outros. Sexa dun Estado ou dalgún grupo de poder privado. Os detractores sosteñen que esa liberdade implica un risco moral. Na súa opinión promovería a irresponsabilidade económica. A idea de que non é necesario traballar para vivir. O certo é que esa idea non se sostén cos feitos. Os países do sur traballan máis horas que os do norte e os que reciben unha renda básica seguen traballando. Así lles vai.