Ponte Caldelas avanza no desbroce da Área Arqueolóxica de Tourón

Tourón Ponte Caldelas

Durante toda esta semana levouse a cabo a roza con tractores e medios manuais acompañada en todo momento por unha arqueóloga, tal e como determinou a Xunta de Galicia

Ponte Caldelas, 12 de agosto de 2021. 

O Concello de Ponte Caldelas está a ultimar o desbroce da Área Arqueolóxica de Tourón, despois de que en 2020 non se puidese executar debido ás novas esixencias impostas por Patrimonio da Xunta de Galicia e que non se lle esixiran con anterioridade. O luns 9 de agosto iniciáronse os traballos de roza supervisados en todo momento por unha arqueóloga e que contemplan o uso de medios manuais nas zonas próximas ás estacións de petróglifos e mecánicos no resto da zona de traballo dentro dos 15.000 metros cadrados que ocupa a Área Arqueolóxica de Tourón.

Dende o ano 2015, coa chegada de Andrés Díaz á Alcaldía de Ponte Caldelas, este espectacular espazo patrimonial é sometido todos os anos ás labores de roza e conservación. De feito, ese mesmo ano o estado de abandono era tal e os toxos superaban a altura dos tractores que desbrozaban a zona. O ano pasado, 2020, a Xunta impediu a realización destes traballos de mantemento do espazo, ó solicitar ó Concello de Ponte Caldelas a realización dun proxecto que, unha vez enviado por parte do Concello, tardaron máis de nove meses en dar resposta. Ademais, esixiron a supervisión continua dun arqueólogo durante a realización dos traballos, cuestións ámbalas dúas que nunca antes se lle requeriran a esta administración local.

Está previsto que os traballos de desbroce rematen nos vindeiros días e a continuación realizaranse o resto de traballos de reparacións, que non podían levarse a cabo antes da roza do terreo. Díaz insta á Xunta de Galicia a que deixe de poñer atrancos para o coidado e conservación da Área Arqueolóxica, “tendo en conta que non axudan nada na súa conservación nin no seu mantemento. O único que poñen é trabas para poder manter en bo estado este importante legado dos nosos antepasados”.