Boas novas co Servizo de Matronas pero seguimos moi en precario co de Pediatría
Desde a Plataforma de Cerdedo pola Sanidade Pública queremos dar a coñecer que por fin teremos Servizo de Matrona para as mulleres de Cerdedo no Centro de Saúde de Tenorio, a partir deste mes de setembro, sen ter que desprazarnos ao Centro de Lérez en Pontevedra. Despois das reclamacións presentadas, concentracións e notas de prensa solicitando ter esta atención sanitaria, tan imprescindible para as mulleres desde a puberdade ata a vellez, conseguimos o dereito a contar con este servizo, que desaparecera de Cerdedo hai anos.
Con motivo de recuperar a presenza das Matronas na Sanidade Pública temos organizada unha charla cunha matrona, María Vila, membro da Asociación Galega de Matronas, o día 22 de setembro ás 19 h no Casa da Cultura de Cerdedo.
“Pode sorprender, mais o oficio de matrona é ben descoñecido. As matronas poden desenvolver moitas tarefas máis alá do seguimento do embarazo, axuda no parto e na crianza.
Entre outras, impartir cursos para fortalecer o solo pelviano e previr a incontinencia urinaria; abordar a menopausa e dar charlas de educación afectivo-sexual con perspectiva de xénero; informar respecto do control da natalidade, métodos anticonceptivos, prevención de enfermidades de transmisión sexual, cancro de cérvix ou de mama e tratamento de disfuncións sexuais; detectar en primeira instancia situacións de violencia de xénero; atender á diversidade sexual ou aportar información cualificada sobre interrupción voluntaria do embarazo. Estas son, entre outras, as funcións recollidas na Carteira de servizos da especialidade de enfermaría obstétrico-xinecolóxica [Matrona] de Atención Primaria de Galicia do Sergas (febreiro, 2022)”.
Este texto forma parte do artigo que sobre o tema escribíu hai uns meses Lola Varela, membro da nosa Plataforma, e que lle enviamos como anexo.
Máis, por outra banda debemos manifestar o noso gran malestar por continuar a ter un Servizo de Pediatría en condicións moi precarias. Despois de pasar o verán sen apenas atención neste eido, agora co comezo de setembro, haberá consulta para as crianzas en Tenorio só os días 5, 19 e 26 deste mes e no Centro de Saúde de Forcarei un día á semana, os mércores pola tarde.
Consideramos que os nosos nenos e nenas están desatendidos con tan poucos días de consulta e ademais non hai seguridade tan sequera de que estes días se manteñan nos vindeiros meses. Como consecuencia está o desprazarse a Urxencias pediátricas a Pontevedra ou acudir á consultas privadas en A Estrada ou o Carballiño, situados a média hora ou algo máis de viaxe.
Para rematar, denunciar que a Atención Primaria do Centro de Saúde de Cerdedo, despois de máis de dous anos de actividade da nosa plataforma, mellorou bastante e temos médico ou médica case todos os días, pero hoxe mesmo volvemos a estar sen ningún facultativo.
A situación non é a desexable aínda. Vivimos moi ao día e con moita arbitrariedade, todo isto provoca unha falta de estabilidade que repercute na falta de coñecemento dos e das pacientes, que aseguraría un mellor coidado e máis próximo, importante nunha zona como a Terra de Montes de poboación moi embellecida.