Dende o grupo municipal do BNG vimos de tomar a decisión de abandonar o goberno de Forcarei

Logotipo BNG

Son moitas as problemáticas que levan a esta decisión e sobre todo, a ausencia de goberno e compromiso do PSOE coa veciñanza que votou cambio.

Despois de seis anos apoiando a transformación neste concello sentimos que non se avanza, que non se xestiona e que non se atende o esencial no concello, actuando exclusivamente no accesorio e ante un goberno así, entendemos non ten sentido formar parte del.

Son moitísimos os incumprimentos co BNG, dende a ausencia de orzamentos en seis anos, ao incumprimento do acordo de goberno e a non asignación de áreas ou aos moitos incumprimentos de acordos puntuais, como pode ser a celebración do San Xoán, a falta de compromiso para financiar un estudo técnico para loitar contra a última remesa de parques eólicos que estamos a sufrir neste momento ou a estabilidade nas subvencións ás asociacións.

Vemos unha falta de xestión preocupante e sobre todo, falta de coordinación coas persoas que estamos próximas, o que xa levou a que se declarara un caso como transfuguismo ou o abandono dalgunha concelleira do goberno, sendo esta a mesma tónica co BNG, ausencia total de cesión de competencias ou delegación das mesmas.

Ante esta situación consideramos que non ten sentido permanecer nun goberno que nin xestiona, nin deixa xestionar, polo que o BNG entendemos que os cidadáns non nos elixiron para formar parte de algo así.

Sair do goberno non é unha carta blanca para que Verónica Pichel faga o que queira, é unha esixencia firme e inmediata de que se aproben uns orzamentos negociados que dean continuidade ao servizo de axuda no fogar, o cal so se pode manter ata o vran tal e como xa dixemos nos plenos de inicio de ano.

Pola nosa parte deixamos prácticamente finalizados os pregos para a licitación fai xa semanas, pero seguimos sen ver avances na negociación co resto de forzas políticas dos orzamentos que permitan sacar adiante a axuda no fogar ou as subvencións ás asociacións, polo que esiximos se tomen medidas inmediatas.