
O PP e o BNG aproveitáronse da situación de falta de interventor para expoñer unhas contas que non se axustan á realidade. Díaz pide rigor e seriedade na información que difunde a oposición sobre a situación económica do Concello
Ponte Caldelas, 7 de novembro do 2019
A corporación local de Ponte Caldelas cumpre co obxectivo de estabilidade orzamentaria. Así o determina a execución trimestral das Entidades Locais que, como cada trimestre, o interventor ten a obriga de enviar ao Ministerio de Facenda certificando a situación económica do concello. Neste documento tamén se reflexa que a corporación cumpre coa regra de gasto ao peche do trimestre corrente e que, aínda estando suxeitos a un Plan Económico Financeiro, cumprirá tamén o límite da regra de gasto establecida no mesmo.
Como se pode comprobar neste último informe trimestral do interventor, do que se dará conta no vindeiro pleno, e que corresponde aos meses de xullo, agosto e setembro, a situación económica do concello é boa, e Ponte Caldelas é un concello solvente. O nivel de gastos e ingresos, segundo os datos do informe de Intervención, está equilibrado.
O Concello conta neste momento cun remanente de tesourería de máis de 836.000 euros, é dicir, máis de 800.000 euros de aforro. Polos datos que se manexan, o Concello rematará o ano cunha débeda dun millón de euros, unha cifra igual á que se atopou o tripartito fai catro anos, pero logo de levar a cabo importantes avances para o municipio, como a renovación integral da Praza de España, o cambio de céspede no campo de fútbol de Chan da Barcia, as actuacións en todos os parques infantís do municipio, a mellora do paseo da Calzada, a compra dos terreos do antigo Balneario e centos de actuacións no rural que melloraron notablemente a calidade de vida da veciñanza.
“Expoñemos os datos con prudencia, á espera da liquidación anual, pero queremos amosarvos a realidade do voso concello, porque este goberno é responsable, rigoroso e transparente na xestión”, indica o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, que recalca a importancia de trasladar á cidadanía datos reais sobre a situación municipal.
A oposición, PP e BNG, quixeron aproveitarse da situación de falta de interventor, o que derivou na imposibilidade de pago de facturas. Tamén se quixeron aproveitar dun erro burocrático na tramitación do Plan Económico Financeiro, o que supuxo que o concello tivese que bloquear unha partida de diñeiro superior á real, unha cuestión que en breve estará solucionada e que fará que os pagos se normalicen nas próximas semanas. “Pedimos seriedade á oposición e esiximos unha desculpa pública por ter enganado ás veciñas e veciños de Ponte Caldelas”.