Ponte Caldelas humanizará a Avenida de Galicia e a estrada do Balneario para devolver á vila o seu esplendor grazas a dúas subvencións europeas

Concello de Ponte Caldelas

O proxecto ascende a máis de un millón de euros

O Concello recibirá máis de 800.000 euros de axuda dos fondos FEDER

Ponte Caldelas, 29 de febreiro de 2020

O Concello de Ponte Caldelas volve a facer historia. O proxecto de devolución do prestixio á vila que iniciou o alcalde Andrés Díaz coa compra dos terreos do balneario para a posta en marcha dunha estación termal e coa remodelación da Praza de España, convertendoa nun espazo de modernidade e para o uso e desfrute dos veciños, continúa agora con dous novos proxectos que siguen apostando por recuperar o esplendor de Ponte Caldelas.

Trátase de dúas humanizacións que se porán en marcha grazas ao intenso traballo e a boa xestión do Concello de Ponte Caldelas, pois é o único concello da provincia de Pontevedra que conseguiu non unha, senón dúas subvencións europeas para a implantación da mobilidade urbana sostible.

O alcalde de Ponte Caldelas recalca que a chegada de subvencións europeas a Ponte Caldelas é un feito histórico, nunca acadado anteriormente nesta administración local, e que demostra, unha vez máis, que unha boa xestión e a total implicación comezan a dar os seus resultados. “A boa situación económica do Concello, o traballo intenso, e presentar bos proxectos traen bos resultados, pois é a primeira vez na historia de Ponte Caldelas que se consiguen dúas subvencións europeas por 884.591,60 euros que nos permitan levar a cabo dous proxectos que suman máis de 1,1 millón de euros”, indica Díaz.

A primeira actuación será unha intervención na Avenida de Galicia, creando unha vía de sentido único con calmado de tráfico cunha ‘zona noble’ empedrada diante do edificio consistorial e do templo, colocando mobiliario urbano, beirarrúas de pedra e creando tamén zonas verdes e espazo de estacionamento en batería, co que se ampliarán o número de prazas. O custe do proxecto son 431.233,33 euros, a subvención concedida é de 344.986,66 euros e o Concello aportará 86.246,67 euros.

O segundo proxecto consiste na mellora dos itinerarios peatonais na estrada do Balneario, de maneira que quedará un vial de sentido único no que se crearán beirarrúas en pedra, estacionamentos en batería para incrementar o número de prazas, incluíndo espazos para o aparcamento de autobuses, así como creación de zonas verdes e dotación de mobiliario urbano. O custo do proxecto é de 674.506,18 euros e a subvención concedida ascende a 539.604,94 euros, tendo que aportar o Concello de Ponte Caldelas 134.901,24 euros.

As axudas recibidas enmárcanse na “Convocatoria de Ayudas a Entidades Locales para proyectos singulares de entidades locales que favorezcan el paso a una economía baja en carbono en el marco del programa operativo FEDER de crecimiento sostenible 2014-2020 (Real Decreto 316/2019, por el que se modifica el Real Decreto 616/2017, de 16 de junio)”, sendo outorgadas polo Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), entidade adscrita ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.