Ernesto Filgueira: “Este cambio no nomenclator non responde só ao cumprimento dunha Lei, trátase, ante todo, dun acto de xustiza democrática e de dignidade colectiva”
Insta ao alcalde a cumprir co aprobado no pleno de novembro de 2021 para retirar todo vestixio da ditadura do espazo público de Cerdedo Cotobade
Cerdedo Cotobade, 7 de setembro de 2026.
O BNG vén de presentar unha moción para o Pleno na que se solicita render unha homenaxe ao último alcalde republicano de Cerdedo, substituíndo a rúa Manuel Gutiérrez Torres (alcalde franquista e xefe da Falanxe de Cerdedo entre os anos 1959 e 1954 e entre 1958 e 1965) por rúa Antonio Sueiro Cadavide (último alcalde republicano do concello).
Na iniciativa, na que se contempla tamén unha condea do golpe militar e a ditadura franquista, instase ao goberno municipal a cumprir cos acordos plenarios de novembro de 2021 que reclamaba, entre outros aspectos a creación dunha comisión para a eliminación da simboloxía franquista no espazo público de Cerdedo Cotobade así como das mencións conmemorativas do alzamento e ditadura franquista.
O portavoz nacionalista, Ernesto Filgueira lembra que o golpe militar do 18 de xullo contra o réxime democrático vixente no estado español tivo como consecuencia na Galiza unha cruenta e brutal represión ao longo dos anos da guerra e durante todo o período da ditadura franquista. Esta represión tivo múltiples manifestacións: depuración laboral, sancións económicas, espolio de bens, persecución ideolóxica, acoso e exclusion social… e Cerdedo Cotobade ben sabe de todo o descrito, especialmente nas terras de Cerdedo. A imposicion violenta da ideoloxía, da moral, da educacion e dos valores franquistas afectou a toda a sociedade e os seus efectos prolónganse no tempo máis alá de 1975.
Para o BNG é unha obriga das institucións ter un posicionamento claro de condena do golpe de estado do 36, da ditadura franquista e da brutal represión que sufriron miles de galeg@s, entre eles veciños de Cerdedo Cotobade ao longo deste terríbel período histórico. “Levamos anos tentando que o PP local ao frente do goberno municipal cumpra co aprobado en sede plenaria no ano 2021 a proposta do BNG no que se lle esixía a eliminación de toda a simboloxía de exaltación da ditadura franquista no concello e concretamente dos símbolos falanxistas nas fontes públicas, edificios e outros bens públicos, .máis o PP de Jorge Cubela segue a incumprir intencionamente este acordo”, lembro Ernesto Filgueira
Ademáis para o BNG é fundamental pór en valor a memoria do último Alcalde Republicano de Cerdedo, don Antonio Sueiro Cadavide, en tres períodos xuño 1931-decembro 1932, abril 1933- outubro 1934, desde febreiro de 1936 (despois da vitoria da Frente Popular) até o golpe de Estado, se ben nesta etapa foi afastado da alcaldía ao ter que afrontar un proceso xudicial por suposta falsidade documental.
Don Antonio tamén fora detido, procesado e encarcerado, xunto con outros compañeiros, pola acusación de teren participado ou organizado actos en Cerdedo relacionados coa Revolución de outubro de 1934. Fora labrego, canteiro, carpinteiro e gaiteiro. Emigrou aos Estados Unidos durante a década de 1920. Militante do agrarismo desde antes da II República, presidira e Sociedade de Agricultores e Obreiros de Lourido. Fundou a Sociedade de Recreo e Instrución de Limeres, dedicada á educación e á cultura. Foi militante de Izquierda Republicana.
Outro dos cambios vitais para a reparación e a memoria da veciñanza de Cerdedo é o cambio de nome da rúa adicada a Manuel Gutiérrez Torres. Nomeada así na primeira metade da década de 1990, cos votos a favor só do PP. En abril de 2006, por unanimidade, a corporación municipal decide retirar o seu nome da rúa; 8 meses despois, o 15 de decembro, o PP revogou o acordo para mantela. O BNG votou en contra e o PSOE abstívose.
“Desde o BNG agardamos que esta vez si, Cubela cumpra coa súa obriga, elimine os múltiples vestixios da ditadura que están presentes aínda no noso concello, e renda a merecida homenaxe aquelas persoas demócratas que, como Antonio Sueiro Cadavide, sufriron nas súas carnes a represión do réxime da franquista”, concluíu Ernesto Filgueira


