G.Figueiredo
Por fin despois dun ano de sequía no que se refire a festas gastronómicas, volve a Festa do Viño de Salvaterra e os veciños e visitantes da vila poderán gozar dos magníficos viños que se cultivan nas terras do Condado.
Está é a segunda festa gastronómica máis antiga de Galicia, remontándose as súas orixes ao ano 1959.
Desde entón vén celebrándose anualmente e de forma ininterrompida cada última fin de semana do mes de agosto, agás o ano pasado que por mor da crise sanitaria do Covid19 tivo que se suspender como a maioría dos eventos no noso país . As diferentes actividades da festa teñen lugar no interior da rexia fortaleza de pedra, un marco incomparable no que gozar dos seus afamados caldos.
Durante os tres días de celebración da festa, é posible degustar este exquisito produto acompañándoo da rica gastronomía local. Paralelamente, durante os días de festa, sucédense exposicións, actuacións e concertos que amenizan estas xornadas enogastronómicas.
Ademais, os asistentes terán a oportunidade de degustar o viño branco “Condado do Tea”, un viño propio da subzona e amparado polos controis de calidade da Denominación de Orixe Rías Baixas. Un viño único, froito da combinación perfecta entre diferentes variedades autóctonas de uva e encomiado por mestres da gastronomía galega como o grande escritor galego Álvaro Cunqueiro no seu libro “A cociña galega”.
Así mesmo, en cada edición desde o ano 2000, un grupo de expertos elixen os “Viños deliciosos do Ano”, un recoñecemento aos mellores viños da comarca do Condado do Tea e ao bo facer dos viticultores.
No ano 2016, a Festa do Viño do Condado do Tea foi declarada “Festa de Interese Turístico de Galicia”. É organizada polo Concello de Salvaterra e a súa celebración é nun lugar tan emblemático como é o recinto amurallado da vila.
Sobre a festa deste ano contarvos que a pesares da situación sanitaria que restrinxe de forma considerable a celebración de moitos actos gastronómicos e multitudinarios dos que nos podemos deleitar ao longo do ano por toda Galicia, o Concello de Salvaterra de Miño non quixo deixar pasar a ocasión outro ano máis e decidiu celebrar a súa festa por excelencia, a Festa do Viño do Condado do Tea, declarada Festa de Interese turístico de Galicia e totalmente adaptada a normativa COVID.
Deste modo a conmemoración da festa este ano xirará en base a cinco grandes piares, a “Cata á procura dos viños deliciosos do ano”, “o Túnel do Viño”, “Catas Comentadas” , “Visita ás adegas” e “Concertos”.
As actividades desenvolveranse os días 27, 28 e 29 de agosto. Así o túnel do viño arrancará o venres pola mañá ata o domingo, nas instalacións do Museo da Ciencia do Viño, durante ese fin de semana os participantes poderán degustar os viños das 27 adegas que participan da subzona do Condado do Tea e dos espumosos da Do Rías Baixas. Durante o venres 27, sábado 28 e domingo 29 celebrarase no Museo dá Ciencia do Viño do Condado o antes mencionado Túnel do Viño cuxos horarios serán:
Venres 27 e sábado 28; de 11.00 a 12.30 horas, de 12.45 a 14.15 horas, de 18.00 a 19.30 horas e de 19.45 a 21.15 horas.
Xa o domingo 29; de 11.00 a 12.30 horas e de 12.45 a 14.15 horas.
O prezo por visita ascenderá a 15 euros.
Durante os mesmos días todos aqueles que queiran poderán desfrutar das catas comentadas que ofrecerán 14 das adegas participantes na Casa do Viño.
Tamén nesa fin de semana seis adegas que participan na Festa ofrecen a posibilidade de visitas as súas instalacións con degustación de viño incluída.
Todas as persoas que queiran participar nalgunha das actividades que se realizan en torno a Festa do Viño do Condado do Tea terán que inscribirse.
E o sábado 28 levarase a cabo a cata á procura dos viños deliciosos do ano.
Este ano tampouco faltará a música arredor das celebracións, así o venres teremos o concerto da “Banda Crebinsky”, o sábado estará con nós “Susana Seivane” e o domingo pecharase con “A Roda”, os concertos celebraranse na praza do Concello. Todos serán ás 22:30 horas e de balde por orde de chegada ata completar aforo.
Unha programación ampla e variada, de acordo coas restricións sanitarias vixentes.
As adegas participantes festa do viño do condado do tea deste 2021 son:
ADEGAS VIÑA NORA JOSE ARAUJO PEÑA ADEGA FILLABOA, S.A. SEÑORIO DEL SOBRAL, S.L. PAZO SAN MAURO, S.A. PAZOS DE LUSCO S.L. BODEGAS AS LAXAS, S.A. BODEGAS MARQUES DE VIZHOJA, S.A. ADEGA MARIA BARGIELA ADEGAS LAVALSEÑORIO DE RUBIOS PAZO PONDALEIDO SELA ABADÍA DE TORTOREOS | VINICOLA DEL MIÑO ADEGA VEIRA ARAL ADEGA ADRAL ADEGAS GALEGAS FINCA GARABELOS PAZO AS BARREIRAS VALTEAGENAROS PAZO PEGULLAL EIDO DA FONTE ADEGAS GANDARA TERRAS DO SURTRICO |
De seguido vos deixo o cartel da festa por se queredes ter toda a información competa e dicirvos que o pasedese en grande, desfrutedes e o fagades con sentidiño e sempre seguindo as recomendacións sanitarias.
fonte: Concello de Salvaterra