O pasado domingo 18 de maio disputouse a final da Copa Deputación de fútbol no Estadio Municipal de Pasarón de Pontevedra. A final masculina enfrontou ao Club Juventud Cambados e ao C.D. Cultural Areas. Ambos equipos clasificáronse para a final da Copa Deputación despois de que o Juventud Cambados superase ao C.D. Ribadumia por cinco goles a cero e o C.D. Cultural Areas ao Xuvenil de Ponteareas nos penaltis. Esta final xogouse ás 12 do mediodía e o C.D. Cultural Areas conseguiu gañala pola mínima, 0-1. Este foi un partido inesquecible para o equipo da parroquia de Areas, pois é a primeira vez que conseguen levantar esta copa. Esta é unha competición de grande popularidade no fútbol base da provincia, nela participaron este ano un total de 159 equipos masculinos e femininos da provincia adscritos ás delegacións de Pontevedra, Vigo e Santiago e inscritos nas distintas divisións da categoría afeccionados en masculinos e sénior en femininos, de ámbito autonómico. Ese mesmo domingo pola tarde tamén se xogou a final feminina entre o San Roque Casablanca e o Domaio FC, resultando o equipo de Domaio gañador da Copa Feminina. Nós falamos coa presidenta do equipo de Areas
Placeres Boente González, presidenta do Club Deportivo Cultural Areas.
“ Teño un orgullo por estes rapaces que non me cabe dentro do corpo”
Parabéns polo tan esperado título Placeres, cóntame como foi o proceso para chegar a xogar a final deste trofeo ?
Pois non foi doado, comezamos a xogar a principios de agosto, na pretemporada disputando partidos para pasar á seguinte ronda con equipos da provincia. O partido de semifinais, que se xogou contra o outro equipo referente da vila, o Juvenil de Ponteareas, foi moi intenso e conseguimos pasar á final nos penaltis despois de empatar o partido 1-1. Con este resultado e gañando a penaltis logramos xogar a final e gañala. Teño un orgullo por estes rapaces que non me colle dentro.
Imaxino que na final as emocións de toda a familia do Areas estarían disparadas?
Para nós, que somos un club humilde, xogar esta final xa foi un premio. Os rapaces merecían esta final e merecían gañala. Foi unha partido con moitos nervios, intenso e moi bonito. Só podo dicir que estes rapaces son estupendos, dano todo polo equipo e pola afección e non puido acabar mellor a temporada para nós.
Que significa para o club gañar este trofeo?
Levamos un ano con algunhas lesión importantes e rematar así foi brillante. Estes rapaces dérono todo deles para conseguir chegar á final, e gañala foi incrible. Só lles podo dar as grazas por estar tan implicados co equipo, como se foran de aquí de sempre. Son uns rapaces estupendos, moi bos compañeiros e fixeron todo o que estaba nas súas mas para levar esta copa para Areas.
Tiñades expectativas de gañala?
A verdade é que non moitas. Viñamos de perder co Cambados na casa no partido de liga e chegar con eles á final e gañarlla foi impresionante e unha moi boa sorpresa.
È a primeira vez que a gañades?
Siiiiii, chegamos á final o ano pasado pero perdémola e desta volta gañamos. Desde que eu estou como presidenta do club, para a próxima temporada xa son oito anos, é o noso primeiro trofeo.
E como o viviu a afección de Areas?
Foi un orgullo e unha festa incríbel. A afección apoiounos sempre, foron vernos a Pontevedra e a darnos todo o seu cariño un montón de afeccionados. Quero agradecerlles todo o seu apoio e que estiveran con nós o martes para celebralo na vila. Sen eles nós non chegaríamos tan lonxe.
Fálame desta gran festa en Ponteareas, digna dun club de primeira, o pasado martes 20 de maio, como foi o recibimento polas autoridades e a celebración coa afección por todo o concello?
No partido do domingo xa estaba no palco representación do concello e despois de gañar a Copa puxéronse en contacto con nós para facer o recibimento de autoridades na casa consistorial o propio domingo pero, como esa tarde xogaba o Celta e xa había festa en Balaidos por se se clasificaban para Europa, decidimos pospoñelo. O luns non podían desde o concello así que, o martes pola tarde, recibíronos as autoridades cunha gran festa e saímos ao balcón para mostrarlle a Copa a toda a afección. Tanto o Concello como a afección mostráronos todo o seu apoio e o seu cariño. Foi impresionante poder ensinarlles a Copa polo balcón e logo seguimos a festa por toda a vila, tanto centro como parroquias. Os xogadores ían subidos en dúas camionetas e detrás levabamos unha procesión de coches impresionante. Así percorremos todo Ponteareas.
Teño que agradecer as autoridades, Policía Local e Garda Civil que estiveran a nosa disposición para esta festa parando e organizando o tráfico para que puideramos pasar. Todo o mundo se portou moi ben con nós e é de agradecer.
Logo seguimos a festa no campo do Areas pero esta tivo que acabar cedo porque o día seguinte había que traballar e os pequechos aínda teñen cole. Para o final de temporada faremos algo máis grande.
Cando remata a temporada e que tedes pensado facer para festexalo?
Os maiores remataron co final da Copa. Coas categorías inferiores aínda temos un torneo no campo do Areas desde o 16 de xuño ata o 21, aquí tamén rematará esta temporada para eles.
O seguinte último venres do mes, día 27, temos organizada unha gran festa no campo de fútbol para toda a familia do Areas. Xogadores, familiares e afección están invitados a pasar o venres con nós. Para os máis pequechos teremos inchables e moita festa para todos os que queiran celebrar este magnífico final de temporada. Tamén dicir que volveremos coas categorías inferiores en setembro e abrimos as nosas portas para todos aqueles pequechos e pequechas que queiran vir probar este deporte con nós.
Valórame a temporada que acaba de rematar.
Moi boa, moi orgullosa, doulle un dez para estes xogadores e esta afección, estou moi orgullosa deles e síntome moi ben como presidenta deste club, cada vez estou mellor aquí e teño moi boas sensacións para a temporada que ven.
Fálame disto, que expectativas hai para a seguinte temporada?
Esta temporada foi boa, aínda que tivemos algunhas lesións importantes case xogamos os playoff de ascenso. Este ano ao final non puido ser, quedamos sétimos pero penso que para a temporada que ven aínda o imos facer mellor e conseguiremos máis logros.
Tedes en mente facer algún cambio, ou fichaxe nova?
Algún pequeno cambio temos que facer, o adestrador proponnos facer algunha fichaxe de reforzo, pero ata que rematemos a temporada a finais de xuño non se vai poder facer nada máis.
Moitas grazas pola conversa Placeres e sorte para a vindeira temporada.
Grazas a ti.
