A Guarda, 30 de maio de 2025
A Agrupación Socialista da Guarda celebrou unha asemblea extraordinaria, na que se procedeu á renovación completa da Executiva Municipal, marcando así unha nova etapa para o proxecto socialista no municipio.
Durante a sesión, as persoas afiliadas elixiron a nova dirección local que estará encabezada por Bárbara Domínguez, que asume o cargo de Secretaria Xeral. Xunto a ela, conforman a nova Executiva:
- Alejandro González, Secretario de Organización.
- Fátima Rodríguez, Secretaria de Política Municipal.
- Alberto Lomba, Secretario de Militancia e Acción Electoral.
- Miguel Sousa, Secretario de Administración e Formación.
- Emilia Rodríguez, Secretaria de Igualdade.
A nova dirección quere expresar o agradecemento sinceiro á saínte polo traballo e a adicación destes últimos anos, durante os cales contribuíron a manter viva a presenza do Partido Socialista na Guarda e a defender os intereses da veciñanza.
Amosan un equipo renovado, cohesionado e con vontade firme de traballar a prol da cidadanía da Guarda, consolidando o compromiso dos socialistas guardeses coa participación, a igualdade e o progreso da vila.
Ademais, salientan a boa sintonía e coordinación entre a portavoz municipal, Fátima Rodríguez, e os concelleiros Rafa Álvarez e Lucía Trigo, unha colaboración fluída e constante que reforza a labor do partido.
Bárbara Domínguez agradeceu a confianza depositada pola militancia e destacou que a nova executiva “traballará arreo para acrecentar o contacto coa veciñanza, ampliar a base social do proxecto socialista e seguir sendo unha forza útil para mellorar a vida das persoas”.
A Agrupación Socialista da Guarda inicia así unha nova etapa con ilusión e cun compromiso firme coa Guarda e coa súa veciñanza, traballando dende a esquerda progresista para achegar solucións reais aos retos locais.
