Tomiño acolle a exposición ‘Río Miño. Memorias transfronteirizas’

Tomiño acolle a exposición ‘Río Miño. Memorias transfronteirizas’

A mostra estará aberta ao público do 29 de agosto ao 13 de setembro no Mercado de Tomiño. Está organizada pola AECT Río Minho e a CIM Alto Minho ao abeiro do programa SmartMinho

Tomiño, 28 de agosto de 2020

Tomiño é a nova parada da exposición itinerante ‘Río Miño. Memorias transfronteirizas’, unha mostra que transportará ao público as dúas marxes do río con quioscos interactivos, filmes e paneis interpretativos e que poderá visitarse dende o 29 de agosto ata o 13 de setembro no Mercado de Tomiño.

Esta exposición procura achegar ao público ás augas frías do Miño, un río que divide dous países e une unha cultura con técnicas de pesca e memorias en común, con lugares marabillosos e chea de tesouros vivos, de persoas cun profundo coñecemento e práctica local que agora se descobren. A través de todo o percorrido, as persoas visitantes mergullaranse nas dúas marxes do río e no mundo das persoas que habitan as súas ribeiras: as súas técnicas, música, gastronomía, lingua e xogos. 

Tomiño e Cerveira, unidas como Eurocidade, son un claro exemplo de que o río Miño lonxe de separar territorios os une. O río é unha fronteira que une a ambos concellos nun proxecto de cooperación transfronteiriza e xestión compartida, de colaboración institucional e de valorización do patrimonio natural e cultural. Un símbolo das relacións entre Galicia e Portugal que agora recolle esta exposición. 

A mostra está promovida pola AECT Rio Minho e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho (CIM Alto Minho) en colaboración coa Deputación de Pontevedra, o Agrupamento Europeu de Cooperação Territorial do Rio Minho e o Centro de Estudos Euro-Regionais da Galiza/Norte de Portugal. 

A exposición amosa unha compilación dos contidos desenvolvidos ao abeiro de dúas accións do proxecto SmartMinho, cofinanciado polo programa Interreg VA, centradas na recuperación e promoción do patrimonio inmaterial transfronteirizo: un estudo das pesqueiras do Río Miño como exemplo do patrimonio cultural herdado polas comunidades ribeiregas do río e o proxecto Tesouros Vivos, que recolle o testemuño de persoas que posúen un profundo coñecemento ou habilidade que remite a unha práctica cultural inmaterial.