O BNG leva novamente ao parlamento galego a situación do centro de saúde da Guarda

Sanidade A Guarda BNG

Anxo Baz: “A desantención do Centro de Saúde da Guarda por parte da Xunta de Galiza é unha auténtica vergoña, están deteriorando ata límites escandalosos a atención primaria no noso Concello”

O centro de saúde da Guarda padece desde fai anos unha situación que os propios profesionais da sanidade califican de extrema. A falta de cobertura das ausencias dos profesionais- en algún caso por máis dun ano- fan que o colapso da atención primaria sanitaría sexa unha realidade cotía.

O portavoz municipal do BNG Anxo Baz afirma “Hai veciños e veciñas que levan máis dun ano sen médica/o de referencia, o que implica un deterioro da atención sen precedentes. A desantención do centro de saúde da Guarda por parte da Xunta de Galiza é unha auténtica vergoña, están deteriorando ata límites escandalosos a atención primaria no noso Concello”.

Pola súa parte o Deputado no Parlamento Galego do BNG Manuel Lourenzo, declara “ a situación acada tal nivel de gravidade que hai escasos días o centro de saúde ficou con un único facultativo para atender a toda a veciñanza, o que obrigaría a deixar o centro de sáude sen atención, se houbese unha urxencia que obrigase a saír”.

Por todo isto o Deputado nacionalista ven de presentar no Parlamento Galego unha proposta para solucionar urxentemente os problemas deste centro cubrindo as baixas e ausencias de persoal e dotanto ao centro de saúde do persoal necesario, reforzando os servizos de enfermaría, pediatría e PSX e contemplando o dobre equipo en urxencias no PAC.