Non descarta mobilizacións ou mesmo retomar a convocatoria de folga
Compostela, 28 de agosto de 2020
A FGAMT-CIG denunciou esta mañá, de forma simultánea en todas as áreas sanitarias, a “desidia” da Xunta de Galiza e nomeadamente da consellaría de Sanidade polo “escurantismo” no novo concurso do servizo de ambulancias convencionais (as que realizan diálises, tratamentos, altas, traslados hospitalarios…), que rematou o pasado 15 de agosto. Asegura que a día de hoxe seguen sen saber cales son as condicións en que se vai prestar este servizo en diante e demanda unha xuntanza urxente coa administración. De non se producir avanza que non descartan iniciar mobilizacións ou mesmo retomar a convocatoria de folga.
A FGAMT-CIG lembra que hai máis dun ano a consellaría de Sanidade comprometeuse con todas as centrais sindicais a mantelas informadas permanentemente de cales ían ser as condicións nas que sairía o novo prego. Previo ás eleccións autonómicas, a raíz de certas informacións nas que se avanzaba a posibilidade de eliminar determinados servizos, como podían ser as diálises ou outros tratamentos deste concurso, as traballadoras e traballadores iniciaron mobilizacións e mesmo chegou a convocarse unha folga que estaba previsto que comezara nos días previos á xornada electoral.
Diante desa posibilidade representantes da FGAMT foron recibidos polo Xerente do SERGAS para dar garantías de que non se ían recortar servizos e informar de que se convocaría unha xuntanza despois das eleccións para explicar as condicións e recoller as propostas do sector para as ter en conta na elaboración dos pregos do concurso. Porén, denuncian, “nada disto se produciu”.
Aseguran que xa se presentaron dúas solicitudes de reunión que non foron atendidas e mais se intentou falar telefonicamente coa consellaría e non foi posible. As empresas a información que dan é que o concurso se vai prorrogar por un período de seis meses, sen ningún tipo de suba económica o que deixa ao persoal nunha situación moi grave “para o mantemento da calidade do servizo e mais para facer fronte á suba acordada no convenio para o mes de novembro”. Unha suba que, por outra banda, a propia consellaría coñece porque foi parte na negociación do convenio colectivo.
Mantemento de todos os servizos
O que demandan é que se manteñan todos os servizos que se están prestando neste momento; que non haxa recortes nos postos de traballo; que se realicen melloras na calidade asistencial, nas ambulancias, na masificación, no número máximo de doentes que poden ir en cada vehículo e que se garanta un financiamento que permita atender as condicións pactadas no convenio.
No caso de non recibir unha chamada da consellaría para convocar esa reunión, na próxima semana iniciaranse as asembleas para acordar mobilización, sen descartar retomar a convocatoria de folga, no caso de que non sexan atendidas estas demandas.