En Ponte Caldelas existe un proxecto deportivo de formación moi meritorio. É a escola municipal de atletismo Gustavo Dacal. A escola está supervisada por Gonzalo Méndez, un veterano atleta marinense presidente do club de atletismo Rías Baixas de Pontevedra. Coa colaboración de Jesús Cortegoso e Adrián Pérez dous adestradores nacionais, Gonzalo, desenvolve este traballo, como tantas ocasións froito do voluntarismo e o sacrificio persoal, que trata de facer realidade a vontade de Gustavo consistente en que o atletismo contribúa á formación das nenas e nenos do pobo no que el naceu.
“NÓS NON QUEREMOS SER UN CLUB CONVENCIONAL, QUEREMOS SER UNHA ESCOLA DE FORMACIÓN PARA QUE OS NENOS E AS NENAS PRACTIQUEN ATLETISMO E QUE LLES AXUDE A LABRARSE UN FUTURO NA SOCIEDADE”
De onde es ti?
Eu son de Marín, pero levo 40 anos vivindo en Pontevedra
Como comezou a túa vinculación co atletismo?
Polo meu pai Manuel Méndez, que nos anos 40 do século pasado era un dos mellores atletas de España
Que disciplina practicaba o teu pai?
El practicaba velocidade. En 1.959 foi o impulsor dun club de atletismo en Marín; o San Miguel
Nesas datas non debeu de ser nada fácil para o teu pai?
Si, a verdade é que o tivo moi difícil. Imaxínate un equipo con mulleres, en pantalón corto, na Galicia dos anos 50.O meu pai tivo moitos problemas para levalo a cabo, pero conseguiuno, e daqueles anos ven a miña paixón e cariño polo atletismo
Ti segues practicándoo en veteranos e tamén competiches profesionalmente
Imos ver , eu practícoo e practiqueino si, pero en España , profesionalmente é case imposible practicalo. Só un número reducidísimo de persoas poden facer do atletismo a súa profesión
Vaia, nin sequera os atletas de elite poden facer deste deporte a súa profesión?
Só os que son medallistas olímpicos
Que disciplina practicabas ti?
En principio velocidade. Nos anos 70 fun campión galego de 100 e de 200 metros, pero o que máis fixen foi medio fondo
Cando nace a escola de atletismo Gustavo Dacal?
Naceu en outubro do 2.018.Gustavo, que como sabes é natural de Ponte Caldelas en concreto do lugar de Xustáns tiña moitas gañas de facer algo relacionado co atletismo, en particular relacionado coa formación de nenos e nenas no seu pobo.
Para quen non o saiba cóntanos quen é Gustavo Dacal?
Gustavo é un magnífico atleta natural de Ponte Caldelas que durante 10 anos foi récord de España de lanzamento de xavelina
Supoño que cando montastes a escola iniciastes unha campaña de captación?
Efectivamente, fomos polos centros de ensino de Ponte Caldelas e comezaron a apuntarse esencialmente nenas. De feito chegamos a ter máis de 20 nenas
E a que achacas que fosen fundamentalmente nenas as interesadas?
Supoño que os nenos estaban máis afeitos a practicar fútbol e as nenas pois tiñan menos alternativas
As nenas son todas de Ponte Caldelas?
Algunha é de A Lama, pero a inmensa maioría si son de Ponte Caldelas
Supoño que a situación sanitaria teravos un pouco parados?
Si claro, agora está todo un pouco no aire. Nós seguimos traballando, pero o grupo é un pouco máis reducido. Porén nós estamos moi contentos tanto pola vontade das rapazas e rapaces de seguir adestrando e progresando como polos resultados deportivos. De feito a fin de semana que facemos esta entrevista( 29 de agosto), tres das nosas nenas Marta Malvar, Sara Castellanos e Laura Iglesias participan no campionato galego absoluto en Coruña
Caramba para o voso club un auténtico éxito?
E tanto que si. E quero mencionar que dispomos dun rapaz que entendo ten unhas enormes potencialidades e que vai para figura deportiva. Chámase Jemal Maschanka, e un neno de 15 anos, e ollo con este nome, porque xa é un dos mellores de España da súa categoría. El vive en Forzáns, e eu vouno buscar dous ou tres días á semana á súa casa e lévoo a Pontevedra a adestrar
Que practica ese rapaz?
600 e 1.000. El é cadete e de momento non pode facer distancias superiores
Os adestramentos onde os facedes?
No pavillón , en verán estamos tamén no campo e fútbol, e no exterior, no paseo do río , traballamos moito. E en Pontevedra ou en Marín tamén facemos algo
Como se porta o concello de Ponte Caldelas con vós?
Eu creo que deberan implicarse un pouco máis. Eu entendo que teñen moitas outras cousas que atender, pero ben, algo máis de implicación si que me gustaría
A cuestión económica como a levades?
Como podemos. Afortunadamente temos un patrocinador marabilloso, Jim Sports, que nos regala toda a roupa. Aproveito a oportunidade que me dades para agradecer a xenerosidade do seu director Jesús Graña, que tan ben se porta con nós. Dibay eventos de Marín tamén colabora moito con nós. Logo eu persoalmente e algún outro directivo achegamos algo de cartos do nosos petos ,para este proxecto, que non queremos que sexa un club convencional, senón unha escola de formación de rapaces e de rapazas. A nosa filosofía é que os rapaces fagan deporte e que a súa práctica lles axude a labrarse un futuro na sociedade
Este é un proxecto ao longo prazo?
Esa é a nosa idea, pero sempre coa mesma filosofía: nós somos un club de formación nada máis, nin nada menos.
Eu teño a sensación de que agás o fútbol todos os deportes están pouco atendidos polas administracións públicas?
O Atletismo a nivel de promoción si, está moi mal atendido. É unha mágoa que o noso deporte cun papel tan importante na formación integral do ser humano sexa visto pola administración como un gasto no canto de como unha inversión.