A Popular Belén Cachafeiro, ex alcaldesa de Forcarei, será novamente a candidata do PP nas eleccións municipais de maio. Nós conversamos con ela
“ Non pode haber un desastre máis grande que o actual goberno de Forcarei”
Xa temos definido que vas ser a candidata do PP á alcaldía de Forcarei ás vindeiras eleccións municipais?
Si, xa está confirmado.
E tes decidido o equipo de persoas que che vai acompañar?
En grande medida si. Hai algún nome aínda por confirmar pero podemos dicir que case está pechado.
Hai continuidade ou vas incorporar caras novas?
Hai continuidade claro que si, eu estou acompañada dun moi bo equipo, pero algunha cara nova si que imos incorporar.
Podemos anticipar quen vai ser?
Aínda non. Farémolo cando sexa a presentación pública da candidatura. En calquera caso todas as persoas que vaian na lista son representativas dos distintos sectores da sociedade de Forcarei e moi implicadas co noso pobo.
Como valoras este mandato que remata da alcaldesa Verónica Pichel?
Valóroo moi negativamente. Estes catro anos perdéronse. Este mandato impediu que Forcarei avanzase. A xestión foi nefasta.
Pon algún exemplo?
Na pandemia o goberno do estado permite facer uso do remanente de tesourería. E o noso concello ten moito , como resultado da boa xestión dos gobernos do PP, ten 2 millóns de € que se tiñan que ter aproveitado para actuacións moi urxentes, como por exemplo o saneamento, arranxar camiños, darlle servizos necesarios aos veciños…, e non se aproveitou para facer nada. Exemplos hai moitos así pois tamén podemos citar a non aprobación de orzamentos, o incumprimento dos períodos de pago a provedores, o que lles causa graves problemas a autónomos e empresas de Forcarei que traballaron para o Concello, non se contesta ao valedor do pobo, non se contesta aos veciños, hai inacción política…..En definitiva non pode haber un desastre máis grande que este goberno.
Ti falas de inacción pero o goberno acometeu algunhas obras que , polo menos en aparencia, semellan importantes, como por exemplo a urbanización de Soutelo de Montes. Cal é a túa opinión ao respecto desta actuación?
Home estaría ben que en catro anos non fixeran ningunha actuación¡¡.Eu alégrome de que fagan algo en Soutelo de Montes e desexo que remate ben, pero non poden dicir que sexa unha grande obra pois o único que se está a facer é o arranxo das beirarrúas, e xa sendo eu alcaldesa fixemos actuacións de non só arranxar as beirarrúas senón tamén dos servizos que van por baixo: saneamento, telefonía e alumeado.
Que opinas da reforma da casa da xuventude?
Esta é outra obra que eu desexo que remate ben, pero temo que non vai ser así. Agardo que cando remate non traia un prexuízo para o concello de Forcarei.
En relación ao parque eólico proxectado en Forcarei que tes que dicir?
Boto de menos que o Concello nos informe polo miúdo das súas circunstancias para poder opinar con rigor. Nós esiximos un pleno extraordinario para tratar ese asunto e a maioría da corporación aprobou crear unha comisión sobre os eólicos, algo que a alcaldesa, malia estar aprobado polo pleno , incumpriu.
Pero a túa posición é favorable ou contraria?
Eu estou a favor dos parques eólicos sempre que non prexudiquen a vida da veciñanza. De non ser así eu estarei a carón dos veciños.
Que podería encontrar un veciño ou veciña de Forcarei en ti como alcaldesa?
Con toda a humildade eu creo que a estas alturas as comparacións xa deben de estar claras para a maioría: proximidade, accesibilidade ,capacidade de traballo xestión rigorosa e cumprimento da lei non como a actual alcaldesa que non cumpre a lei.
Por que dis que a actual alcaldesa non cumpre a lei?
Porque non convoca os plenos que marca a lei. Nestes catro anos leva 22 plenos sen convocar.
Rematamos. Cales son as túas expectativas para as eleccións de maio?
A maioría absoluta. Dígoo con claridade, pois Forcarei non pode permanecer un minuto máis con este goberno.