Tino Lago
Entre os pasados 25 de Xaneiro e 25 de febreiro o artista Vigués, pero natural de Covelo, Miro Carballo deleitounos na sala de exposicións de Afundación coa súa exposición “Tempus Fugit”. Hai exactamente 50 anos, na mesma sala, Miro facía a súa primeira exposición e hoxe, medio século despois e con máis de 20 exposicións ao lombo, Miro volvía a facernos gozar cunha exposición cuxo nome facía referencia ao tópico de Virxilio que se refire á velocidade do paso do tempo.
Porén ,e falo como espectador, o efecto que produce a contemplación das pinturas expostas está nas antípodas do significado do tópico tan común na poesía barroca. Unha vez que un se mergulla na obra de Miro o tempo detense, e as emocións universais que expresan os seus cadros: o amor, o desexo, o medo, a solidariedade a rebeldía….. logran que o espectador se sinta parte do mundo íntimo que Miro reflicte nas súas pinturas e non queira saír xamais.
Así por exemplo a súa obra “ Viendo el futuro”, na que 5 corpos espidos contemplan o horizonte infinito abrazados e deixando un espazo para que quen queira se una, simboliza exactamente o ideal social no que eu creo: unha sociedade na que todos colaboremos con todos, unha sociedade que colabore e que non compita. Encantoume a exposición de Miro, e conversar con el foi un exercicio especialmente agradable. Velaí vai o que deu de si
“ A arte ten que ter unha finalidade estética, pero tamén ética. O artista non pode desentenderse do seu contexto”
Malia levares toda a vida na cidade de Vigo ti es do Condado Paradanta verdade?
Efectivamente. Eu vin moi pequeno para Vigo pero son natural do lugar de Casteláns no Concello de Covelo. A miña nai e o meu pai eran os dous da mesma aldea.
Cando comezou a túa historia de amor co universo da pintura?
Pois de moi neno. Xa desde cativo as miñas aptitudes para o debuxo chamaban a atención,e cando tiña máis ou menos 10 anos fun seleccionado polo colexio nun concurso de debuxo. E gañeino.
Lembras que era aquel debuxo?
Si, un burro. Tiñamos que pintar un burro vivo. Recordo que non levaba nn goma de borrar
Caramba e cando querías corrixir un trazo como borrabas?
De modo artesanal; co dedo
Ha ha ha ha, e aínda así gañaches?
A verdade son deses episodios na vida que un recorda con moito cariño. Fíxate que incluso me sacaron no Nodo.
Vaia. E a partir de aí os camiños de Miro e da pintura xa se fixeron un só?
Poderiamos dicir que si. A partir de aí xa non podo concibir a miña vida sen a pintura. En Librouro coñecín a Urbano Lugrís .El decatouse de que tiña aptitudes para a pintura e se cadra deume unha das leccións máis importantes de toda a miña vida.
Cal foi?
Na librería díxome: “ Se ti queres pintar baixa a librería e le todo o que poidas. Logo o cerebro xa lle vai dicir á man o que ten que facer”.Naquel momento non o entendín, era un neno. Pero cando fun home e puiden comprender o que me quería dicir, decateime da importancia capital do significado daquelas palabras que viña ser algo así como que o artista , nas súas obras, sempre ten que ter unha mensaxe para transmitir.
Evolucionou moito o teu estilo desde aquela época dos teus inicios?
Si, moito. O meu estilo está en permanente evolución. O día que deixe de evolucionar, de investigar sobre novas formas e técnica, ese día eu morro.
Cantas exposicións tes feito?
Algo máis de 20.
En sitios diferentes non?
Sii: teño exposto nas 7 cidades de Galicia, en Madrid, en Barcelona, en Cantabria, Burgos…..
Algunha delas recórdala cun cariño especial?
Todas lémbroas cun cariño absoluto, eu creo que todas por igual. Para min en cada exposición é como se abrise a miña alma ao mundo. Gústame estar nas exposicións , facer as visitas guiadas e explicar a quen veña as circunstancias que motivaron cada cadro exposto.
E cantos cadros terás pintado ao longo da túa vida?
Máis de 500.
A última exposición túa, que puidemos gozar na sala Afundación de Vigo entre o 25 de xaneiro e o 25 de febreiro chámase “ Tempus Fugit”, por que?
Pois ten relación co significado do tópico literario, como sabes refírese á brevidade da vida e ao inexorable do paso do tempo. Exactamente hai 50 anos e exactamente no mesmo espazo fixen a miña primeira exposición. E xa son anos como para decatarse de que en efecto, o tempo pasa. Esta exposición componse de 33 cadros, de todo tipo. É unha mestura das miñas sensacións nos últimos 3 anos.
Dirías que nosa cidade existe interese xeral pola cultura?
Creo que hai moitas opcións pero moi mala xestión. Os horarios dos museos son moi restrinxidos, polas mañás están case todos pechados, e dificultan as visitas de quen teña interese en facelo.
Ti es un pintor consagrado , supoño que cando queres expor non tes problema?
Home agradézoche o de “ consagrado” pero eu prefiro considerarme un pintor en constante aprendizaxe. Como che dixen antes o día que eu deixe de aprender é que deixei de pintar .E en relación ás exposicións non creas que é tan fácil, problemas sempre hai. Os espazos públicos están moi restrinxidos.
Dos máis de 500 cadros do que es autor hai algún que xe fixera sentir especialmente satisfeito?
Creo que o que co moi bo ollo adquiriu o museo de Pontevedra. Estou moi orgulloso dese cadro:” Homenaxe a Lugrís e a Dalí”. Ese cadro é a xoia da coroa de toda a miña produción artística.
Levouche moito tempo pintalo?
Non, non moito. Arredor dun mes. Tíñao imaxinado, antes de pintalo, con moita claridade e o proceso creativo fluíu con naturalidade.
O prezo dos cadros de “Tempus fugit” cal é ?
Baixeinos moito, pois temos que adecuarnos ao momento no que estamos. E na actualidade vender pintura non é nada doado. Estamos nun contexto no que hai necesidades máis urxentes que son difíciles de cubrir para moitos. Neste momento os cadros andan por algo menos de 1.000€.
Ti cres que existen parámetros obxectivos que poidan determinar se unha obra de arte ten calidade ou non, ou iso depende do punto de vista subxectivo de quen a perciba?
Eu creo que ambas perspectivas poden ser consideradas correctas. É dicir, unha obra pode ser valorada en función de parámetros obxectivos, pero o punto de vista subxectivo de cada espectador é tamén relevante.
Ti es dos que pensas na arte cunha finalidade unicamente estética, ou tamén cunha orientación ética resultante da análise do contexto no que se insira?
Eu son dos que penso que unha obra de arte ten que dicir algo, ten que tratar de transmitir unha mensaxe; xa sexa a expresión dun sentimento, a descrición dunha emoción….. e se o que toca é a denuncia social hai que mollarse tamén, desde logo que si. Nós non vivimos sós no mundo e non podemos obviar o contexto no que estamos. Eu son dos de ética é estética.
Acabamos. Se algún lector ou lectora ten interese en coñecer en profundidade a túa pintura, como debe de proceder?
Na miña web mirocarballo.com está toda a información , incluso a forma de pórse en contacto comigo que desde logo estarei encantado de atender a calquera que teña interese.