XLV Festa do Gaiteiro de Soutelo de Montes, berce do mestre de “gaiteiros”

Avelino Cachafeiro

O que nunca se imaxinou Avelino Cachafeiro, o artífice da gravación da célebre “Muiñeira de Chantada” cando foi nomeado o mellor gaiteiro de Galicia en 1924, que o seu nome sería lembrado na súa vila natal tantos anos despois a través dunha festa de gran relevancia. Soutelo de Montes, no concello de Forcarei, transfórmase na capital da gaita coa celebración da Festa do Gaiteiro, que reúne arredor de 750 músicos e atrae a espectadores e autoridades de toda Galicia e Portugal. Esta localidade do concello de Forcarei honra o seu afamado músico desde 1979 coa Festa do Gaiteiro, declarada de Interese Turístico Galego en 2010. Este festexo reúne centos de músicos cada ano, músicos de toda Galicia, de comunidades veciñas galegas do exterior e do país veciño Portugal, acoden á vila ao son de gaitas, tambores e pandeiretas, enchendo a praza dos Gaiteiros con actuacións musicais e bailes tradicionais. Créase un ambiente único de pertenza cultural que envolve a todos os presentes, mentres o recordo de Avelino Cachafeiro, un autodidacta que aprendeu a tocar os instrumentos do seu avó e que, xunto cos seus irmáns, chegou a actuar con éxito en Sudamérica e nas Olimpíadas de Amberes, flúe pola vila durante toda a xornada. Tras o pregón, o momento central da festa é a entrega das Medallas de Ouro do Gaiteiro, que recoñecen o labor de persoas ou entidades en favor da festa, da cultura popular e doutros aspectos da comarca de Terra de Montes. Pola tarde, celébrase o Concurso de Gaita e Tambor “Avelino Cachafeiro”, onde se destaca, a través da calidade das interpretacións das novas promesas, o prestixio que esta festa ten no mundo da gaita. Ademais, recentemente foi creada a figura dun embaixador anual da Festa do Gaiteiro, cuxo nomeamento realízase con moito protocolo e no que se lle entrega ao novo embaixador a faixa de gaiteiro.

Avelino gravou en 1928 unha peza transcendental no repertorio tradicional, a Muiñeira de Chantada, e levouna polo mundo cos seus irmáns músicos. A orixe da festa remóntase aos encontros que organizaba co alumnado do grupo de gaitas da comarca de Tabeirós-Terra de Montes. As gaitas, tambores e pandeiretas inundan a localidade de música e bailes tradicionais, todo un espectáculo sensorial para o oído e para a vista.

A festa comeza co pregón e a ofrenda floral para honrar o recordo de Avelino Cachafeiro, o prodixioso autodidacta. A figura de pregoeira ou pregoeiro é de grande importancia, xa que se selecciona tendo en conta a aquelas persoas que poñan en valor e contribúan a condecorar a memoria do que foi o mellor gaiteiro de Galicia.

A sesión vermú e a comida popular na carballeira do parque Venezuela son algúns dos actos festivos. Despois lévase a cabo unha ruada popular multitudinaria que congrega músicos e persoas afeccionadas. A festa conclúe cunha actuación de música e baile tradicional. Así, a Festa do Gaiteiro, convértese nunha cita indispensable en Soutelo de Montes para enxalzar a nosa cultura e a nosa tradición.

Este ano 2024 a celebración é especial pois conmemora o centenario de cando Avelino foi nomeado mellor gaiteiro de Galicia en Santiago e celebrarase o vindeiro sábado 31 de agosto. Por este edición especial contaremos con algunha novidade e será a Banda de Gaitas de Forcarei a encargada de dar o pistoletazo de saída á festa ás 12 do mediodía. Ás 12:30 está prevista a recepción de autoridades á Praza dos gaiteiros para participar no acto na honra de Avelino sobre ás 13:00h con dúas mulleres como protagonistas. Será a alcaldesa, Verónica Pichel, a encargada de dar a benvida para posteriormente escoitar o pregón, este ano a cargo de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega. Acompañándoas estará o músico e divulgador da figura de Cachafeiro, Rubén Troitiño. De seguido os Gaiteiros de Forcarei serán os encargados de interpretar o Himno Galego e farase a ofrenda floral aos pes do Monumento ao Gaiteiro. Será a Muiñeira de Chantada a encargada de soar para rematar o acto.

As 14:00 h arrincará o tradicional almorzo popular na carballeira do parque Venezuela, as veciñas, veciños e visitantes que queiran asistir poden facer reserva de mesas no número 986755036.

Xa pola tarde, despois do xantar, ao redor das 17:00 horas estará o cuarteto de Cangas Mediarea amenizando a sobremesa. Como novidade por este centenario, ás 19:00H haberá unha máster class de baile galego impartida por Xandre Outeiro, unha clase intensiva para todas as perdoas de todas as idades poidan aprender o baile da Muiñeira de Chantada.

Ás 22:00H chegará o concerto de Cantigaéverso na Praza dos Gaiteiros, un espectáculo poético e musical a cargo do escritor, editor e músico Francisco castro e do músico e produtor Federico Welicki. Estes espectáculo propón unha viaxe por poemas feitos de versións de músicos galegos e as cancións máis populares da música tradicional.

Convidamos ás nosas lectoras e lectores a que se animen a pasar por estas fermosas terras do interior da provincia para gozar un fermoso día con música e comida tradicional galega.