CRISTO, CRISTO, QUE DISCÍPULOS!!!

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xoán Carlos Caballero
Xoán Carlos Caballero – Mestre no CEIP de Salvaterra

A alocución que dirixiu Monseñor Antonio Valín Valdés aos fieis, que se congregaron para celebrar a procesión do Cristo da Vitoria, símbolo relixioso da cidade de Vigo, faltoulle concreción en partes, houbo ambigüidade noutras e contradicións ao final da mesma.

Cando o bispo solicitou ao Santísimo que “mantenga la sonrisa en los niños que se abren a la vida” penso que é unha petición xenérica, que non é necesario ser bispo para pronunciar obviedades de este tipo, xa que: Quen non quere que os nenos sorrían, que non pasen fame nin frío ou sexan felices?

Hoxe en día, non son poucos os lugares do mundo nos que os nenos morren desnutridos, enfermos ou están sendo vítimas de explotación, abusos e asasinatos masivos. Debería o bispo ser un pouco máis empático e mencionar, de forma expresa, a estes cativos, aos que “mantener la sonrisa” lles é imposible, porque para manter o sorriso hai que esbozalo primeiro, e a forza para iso esgotóuselle hai tempo. Non pode haber compromiso cos “vulnerables, desfavorecidos y con aquellos que pasan momentos difíciles”, como nos pide o bispo, si se invisibiliza aos que neste momento están vivindo un inferno na terra. Monseñor, móstrese vostede máis valente e non teña medo do que poidan pensar os representantes políticos afíns e non tan afíns a súa ideoloxía. Xesucristo enfrontouse ao Imperio Romano e aos seus representantes en Palestina, o que lle valeu a condena a morte. Non lle pido que emule a Xesús, pero un pequeno xesto sería suficiente para saber que os cristiáns témolos no noso pensamento.

Non se preocupe, que a Igrexa nunca verá minguada a súa influencia no Estado por sinalar aos cómplices do sufrimento de millóns de nenos. Tampouco desaparecerá a casiña 105 do IRPF, nin as exencións fiscais, nin as trabas a que sigan inmatriculando libremente.

Outra frase que captou a miña atención pola súa ambigüidade foi: “Dios lo perdona todo y acoge a todos”. Esta afirmación pode, en primeiro lugar, levarnos a pensar que Deus vai tratar coa mesma vara de medir a ladróns, violadores, maltratadores, pederastas, xenófobos, etc., que ás súas vítimas, e en segundo, a cuestionar a doutrina da existencia do inferno de Xesucristo.

A petición “no nos cansemos de luchar por una mayor fraternidad y una paz duradera” é contraditoria pola seguinte razón: Xesús foi recibido, diante da súa propia casa, por un comando militar que realizou unha exhibición de xogos malabares con metralletas, obxectos cuxa utilidade non é outra que acabar coa vida dos nosos semellantes. Ante este sindiós, que pensará Cristo dos seus discípulos?. Que carallo de interpretación fixeron estes das miñas ensinanzas para recibirme e saudarme con armas de destrución masiva?, estarase preguntando. Outra das súas preocupacións, imaxino que será si o concello realizou, ou non, unha inspección técnica dos fusís de asalto antes do comezo da procesión.

Ao bispo, a pesares da falta de empatía, valentía e compromiso real coa xente que sofre, deséxolle o mellor neste novo e difícil reto que ven de asumir. Para cambiar de rumbo sempre hai tempo, Monseñor!