COUSAS DE SALVATERRA

Fonte no lugar de Freixendo
Fonte no lugar de Freixendo

Guerra Restauración Portuguesa, de 1644 a 1647 (Ven de outubro).

Antón Lourenzo, veciño da Vila
Antón Lourenzo, veciño da Vila

Xa entrara o inverno e, tendo o Conde de Castell Melhor noticia de que o inimigo xuntaba xente contra a provincia de Tras os Montes, querendo socórrela, por constarlle que estaba mal defendida, mandou os capitáns de cabalería Diogo de Britto Coutinho e Antonio de Queyrós Mascarenhas, que foran coas súas compañías a socorrer Chaves. No camiño fixeron grandes estragos ó queimar Calvos de Randín, lugar do Reino da Galiza tido por moi rico. Era preciso que as tropas camiñaran sete leguas por dentro da Galiza, por iso, tendo xa costume de vencer todas as dificultades, entrando gañaron o lugar, puxéronlle lume e desbaratando a posible entrada do inimigo nesta provincia, voltaron para a de Entre Douro e Minho.

Dados os bos resultados bélicos que tivera o Conde de Castell Melhor, El Rey enviouno como Gobernador en marzo de 1645, a fronte das tropas do Alentexo en substitución do Conde de Alegrete, non obtendo alí os mesmos bos resultados. Mentres ficou o mando do exército Entre Douro e Minho o Mestre de Campo Diogo de Mello Pereyra, quen se distinguira pola súa competencia. Duroulle este cargo até o mes de maio, non habendo movementos militares na provincia salientables. Substituíuno o Mestre de Campo Francisco de França Barboza, quen ó pouco de facerse cargo da Provincia, tivo un encontro na campiña de Salvaterra onde derrotou unha partida de galegos.

No principio do Outono voltou Castell Melhor gobernar Entre Douro e Minho. Cando estaba de camiño por Coimbra mandoulle aviso Francisco de França que o Marqués de Távora saíra en campaña con dez mil Infantes e 600 cabalos, e que comezaran a fabricar un forte perto de Salvaterra no lugar da Lagoa de Freixendo (na opinión de quen isto transcribe, sen dúbida é unha inexactitude xeográfica, referíanse o Castelo de Santiago de Aytona, terminado en 1646, sito o norte do actual pazo das Barreiras, a lagoa era a da Laxe, da que o lugar de Freixendo fica a medio quilómetro e no medio debía estar o Forte da Estrela, actual lugar das Ermitas). O Conde fora moi ben recibido na Provincia pero atopouna tan falta de xente que non puido impedir a obra do Forte, este serviu de gran freo as acometidas portuguesas dende Salvaterra. Tivo que conformarse con impulsar as fortificacións das prazas principais, formou compañías de cabalos e pasou o resto dese ano de 1645 recompondo as forzas sen alterar o sosego en que se estaba, non arriscando en empresas perigosas por falta de medios.

O Conde seguiu ó fronte da provincia de Entre Douro e Miño, procurou conservala co menor custe e sufrimento posible do pobo pois sabía que todas as empresas se conseguían era a custa da súa sangue e non quería oprimilos máis, parecéndolle mellor e conveniente reservalos para a defensa. Desexando que as armas non estiveran ociosas de todo, determinou atacar un forte que os galegos levantaran pouco distante de Salvaterra, chamado Freixendo, (volvo a repetir que ten que ser ou ben o Castelo de Santiago de Aytona ou o Forte da Estrela, libro X, Portugal Restaurado, páxina 621, Luís de Menezes, Conde de Ericeyra, Lisboa MDCLXXIX). Deu conta desta resolución a El Rey, quen o aprobou, indicándolle que intentara primeiro as fortificacións da zona de Tui, porque sería máis útil e de máis prestixio. Nembargantes nin unha nin a outra se executaron, tal vez porque coñeceu que o Conde de San Estevo, Gobernador nesa altura das Armas da Galiza, saíra de Tui a visitar os fortes da Fillaboa e de Freixendo con 1500 Infantes e 400 cabalos.

Castell Melhor mandou sair de Salvaterra ó Mestre de Campo Francisco de França Barboza con 450 Infantes a que ocupara un posto onde o río Miño, chamado das “Maleitas”, distante de Salvaterra un tiro de mosquete, tan defendible que, na desigualdade entre un e outro poder, facilitáballes a retirada. Ordenou ó Axudante de Cabalería Labarta que con vinte cabalos atacase ós sentinelas do inimigo e que si acaso fose repelido, se retirara o abrigo da Infantería, tratando de que, o seren perseguidos, ficaran o alcance das balas dos portugueses emboscados. Saíran con Francisco de França cen soldados holandeses (mercenarios?), pero estes o ver o poderío dos galegos, viraron as costas e seguindo este exemplo outros soldados portugueses retiráronse para Salvaterra. Mentres Francisco de França, cos soldados que lle ficaran repetiu as cargas, de sorte que os galegos se retiraron con algún dano. Axudou a Francisco de França a tropa do Capitán Diogo de Britto. Nestas medias pasara nun barco a Galiza o Capitán Gomes Correa Pereyra coa súa compañía de Infantería, atacou a algúns galegos que estaban perto do río pero visto polo groso das tropas inimigas, elixiu para defenderse un lugar pouco seguro. Mandoulle orden Francisco de França que se incorporase onde el pero non quixo obedecer e retirouse de tan mala maneira que poucos cabalos do inimigo bastaron para derrotalo e tirarlle a vida.

El Rey non aprobou o empeño que puxo o Conde de Castell Melhor nestas accións, menos sabendo do poderío que traian os galegos. Desculpouse o Conde pretendendo que era dar máis creto ás armas portuguesas agardar sempre ó inimigo fora das Prazas que dentro, por non parecer conquistados. O certo foi o resultado fatídico dunha operación temeraria.

Continuará…

“Historia do Portugal Restaurado, Luís de Meneses. Biblioteca Nnal. Lisboa.”

Salvaterra de Miño a 17 de decembro do 2023