Xose Antón Rodríguez “ Xuster” voceiro do BNG de Oia

Xose Antón Rodríguez “ Xuster” voceiro do BNG de Oia

Hai moitas maneiras de enfocar a práctica política: desde as máis censurables que exercen quen chega á política para facer dela un instrumento para o seu beneficio persoal, ata as máis loables que desempeñan aqueles e aquelas que chegan á política para, desde a honestidade, contribuír ao ben común dedicándolle enormes doses de esforzo e tempo da súa vida persoal. Entre estes últimos un lugar no podio o ocuparía sen dúbida o amigo “Xuster”, o portavoz dos nacionalistas de Oia. Agardo que algún dia o seu esforzo teña o resultado da recompensa que merece. Nós, como cada ano, achegámonos ata Oia a coñecer a súa visión de como van as cousas por esta fermosa localidade do Baixo Miño.

O goberno de Oia carece de modelo de pobo,non saben cara onde van. Só se limitan a xestionar como poden o día a día”

Que pasou no Concello de Oia no día do Carme para merecer as críticas do BNG?

O que aconteceu foi bastante grave. De feito nós levámolo a pleno. Tratouse da utilización de servizos e infraestruturas públicas para atender un asunto privado.

Que asunto privado?

Unha voda “ de alto avoengo” na igrexa de Oia. Ese día estábanse a celebrar as festas do Carme e a alcaldesa foi á cantina da comisión de festas a ordenar apagar a música de ambiente para non perturbar aos convidados. Pero iso non é o peor. O máis grave, ao meu xuízo, é que o aparcadoiro público do noso Concello estivo pechado á veciñanza para darlle servizo á voda.

Cando levaches este asunto a pleno que resposta tiveches?

A alcaldesa no tivo a valentía de recoñecelo. Deu voltas pola tanxente e non me chegou a contestar. Isto non deixa de ser un síntoma máis dun grave problema que temos no noso concello.

Cal?

A falta de democracia e de transparencia. O goberno confunde a súa maioría absoluta coa patente para facer o que lle pete. E iso non é democracia. Non se pode ignorar sistematicamente á oposición como se nós non representaramos a unha parte da veciñanza de Oia. As formas deste goberno son moi deficientes.

Alén desa ,ao teu xuízo,” deficiencia” nas formas, como valoras este ano e pico que levamos do actual mandato?

É máis do mesmo. Este goberno carece de modelo de pobo e en consecuencia non ten plan de traballo algún para chegar a obxectivos que non posúe. A característica fundamental do goberno é tapar as fochancas. É dicir, ir xestionando como poden o día a día. Pero os problemas básicos seguen sen ser atendidos.

Cales son os problemas básicos de Oia?

O máis importante é o saneamento. En xeral en toda Oia pero en particular nas dúas parroquias de montaña:Loureza e Burgueira. Ambas carecen de saneamento algún. No BNG hai arredor dun ano metemos unha moción para a limpeza de pozos negros e fosas sépticas. Queriamos que desde o concello se mandase un tractor cisterna para podelas limpar. Xa que non temos saneamento polo menos facilitar as cousas á veciñanza. Ano e medio despois esa moción, que se aprobou, está sen executar. Cando lle preguntamos no pleno á alcaldesa por esa cuestión , non fai outra cousa que dar de longas.

Outro aspecto moi deficiente, e que é unha grave carencia que ten o noso Concello, é a recollida de residuos. O problema é grave en todos os aspectos, pero é especialmente preocupante no que se refire á recollida de voluminosos, algo que o noso concello non practica chegando incluso á instar aos veciños a que vaian a outros concellos. Así aparecen as entulleiras logo polos montes.

E sobre todo, como antes mencionei, Oia carece de modelo de pobo, non hai un plan que busque dotar ao noso concello dos servizos e oportunidades suficientes para que as persoas poidan vivir en Oia. O resultado é que nos condenan a buscarnos a vida como poidamos.

Nese sentido da falta de servizos supoño que, entre outras cousas, queres referirte á dificultade do acceso á vivenda. En Oia as vivendas destinadas ao uso turístico son un problema?

Si, si que o son. Que nós saibamos en Oia xa hai máis de 50 vivendas turísticas, que, tendo en conta o que é o noso pobo, resulta un número moi elevado. Insisto, porque esa é a cerna da cuestión en que o goberno de Oia arranxa camiños, pero non ten nin idea de a onde quere levar a Oia. Eh ben, o do arranxo dos camiños é matizable. Iso é como os pementos de Padrón, uns si e outros non.

A que te refires?

Pois por exemplo o meu camiño ten unhas fochancas inmensas. Está solicitado que se arranxen desde o ano 2019, pero de momento non hai maneira. Debe de ser porque vivo eu nel, senón non o entendo. Parece que os meus veciños teñen que pagar unha peaxe por ter un veciño do BNG.

Como está a situación do Centro de Saúde?

En liñas xerais está como está a sanidade galega. A moita xente de Oia non lle quedou outra que buscar pediatra noutras localidades.

En relación á situación do Talaso que nos podes dicir?

Dúas cousas moi claras:

-O problema créao o PP, eles son os responsables dese pelotazo. Eles tratan de solucionar o asunto non para salvar os postos de traballo, senón para salvarse eles mesmos.

-Se non se executa o derrubo, polo menos que sexa a propiedade a que corra cos gastos do que se está a facer para tratar de legalizala.

Sabemos a cantidade que se leva gastada para tratar de legalizar o Hotel?

Xa van máis de 40.000€ que son de toda a veciñanza e que claramente debera pagar a propiedade do hotel. Nós levámolo a pleno e o PP votou en contra.

E a situación do Mosteiro?

Nós temos contacto co propietario e as últimas novas que temos son que están a piques de lle conceder unha importante subvención da Xunta para comezar a traballar nel. O que defende o BNG é que se recupere o Mosteiro cumprindo a lei de patrimonio. Estou seguro de que se o BNG estivera gobernando na Xunta ese asunto xa estaría resolto hai tempo.

Como están a saúde e os ánimos do BNG de Oia?

A saúde interna moi ben, a percepción que hai na sociedade de Oia ao respecto do noso traballo é cada vez mellor e os ánimos están a tope para podermos ser o actor principal do imprescindible cambio política que precisa o noso pobo.